Queremos desenvolver un estudo meteorolóxico para completar o tema da atmosfera da materia Ciencias Naturais de 1º da ESO. Verónica foi tomando notas sobre como íamos concretando o seu deseño. Os seus apuntamentos son a base deste artigo:
Hoxe imos realizar un deseño dun Estudo Meteorolóxico para desenvolver os próximos días de clase. Necesitamos datos e chegamos á conclusión de que no centro non temos os instrumentos necesarios. Por sorte temos información en internet a través de MeteoGalicia. Entramos na súa páxina web e descargamos os datos (na ligazón Acceso a Datos).
Encontramos as seguintes estacións meteorolóxicas: Monterroso, Antas, Friol e Melide. De todas elas escollemos Melide porque pensamos que o clima se achega máis ao de Palas de Rei.
Unha das preguntas que nos formulamos é Entre que datas facemos o estudo? Chegamos á conclusión de que se o facemos só no mes de agosto obteríamos un clima caluroso (irreal) así que debemos coller todo o ano. Pediremos os datos da estación de Melide entre o 01/01/2011 e o 31/12/2011.
Que datos nos descargamos? Decidimos descargarnos os datos recollidos polos instrumentos meteorolóxicos vistos na clase:
- Temperatura Mínima do Aire (termómetro)
- Temperatura Máxima do Aire (termómetro).
- Humidade Relativa Media (higrómetro).
- Velocidade do Vento (anemómetro).
- Dirección do Vento Predominante (catavento).
- Choiva (pluviómetro).
- Presión atmosférica (barómetro).
Ningún comentario:
Publicar un comentario