Amosando publicacións coa etiqueta Ecosistemas. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Ecosistemas. Amosar todas as publicacións

21 de maio de 2013

As Dunas de Corrubedo

por Andrea Ayaso (2º ESO)

Na 2ª avaliación realizamos un traballo por equipos sobre os diferentes Ecosistemas. Eu quixen aprofundar sobre os ecosistemas de dunas e, nomeadamente, sobre as Dunas de Corrubedo e a súa contorna.

O parque natural das Dunas de Corrubedo e das lagoas de Carregal e Vixán localízase no vértice occidental da península do Barbanza, entre a ría de Arousa e a ría de Muros e Noia, no concello coruñés de Ribeira.

Está considerado zona húmida de importancia internacional (RAMSAR) e lugar comunitario de interese (LIC). O elemento máis destacable da súa paisaxe é unha gran duna móbil, a única en toda Galiza, froito da acción combinada do mar e do vento. Ao non estar vexetada, os ventos do sudoeste predominantes no inverno fan que se mova uns poucos centímetros todos os anos cara o interior.

O parque conta cunha lagoa dóce e outra salgada. A dóce, a lagoa de Vixán, naceu ao pecharse unha frecha litoral, limitando así as achegas de auga a varios regatos. A lagoa de Carregal, de auga salgada, mantén a comunicación co mar, e por iso as súas augas teñen unha maior salinidade. Ambas as dúas forman hábitats tan singulares que a flora e a fauna presentes teñen características moi especiais. A paisaxe complétase cunha longa cadea de dunas, marismas, extensas chairas, piñeirais e terras de labor.

A fauna característica está constituída por mamíferos coma o teixugo, o esquío, a lontra, o ourizo cacho e o raposo. Así coma por aves coma o pato cullerete, o charneco, o lavanco, o pato asubión, a cerceta do estío, o pernileiro, o pirlo bulebule, a pillara papuda, a galiñola negra, o carrán cristado, a mobella ártica, a píldora raiada, a gabita, a garza pequeña, o mazarico rabipinto, o cullereiro e a pillara dourada. Entre eles presentan relacións intraespecíficas de asociacións gregarias, sociais e familiares. Tamén interespecíficas, nas que se dá o inquilinismo e a depredación.

A flora autóctona son o cardo mariño, o feo de praia, os xuncos, os carrizos, os ranúnculos e a salicornia. Algunhas especies son endémicas do noroeste peninsular e están consideradas como vulnerables ou en perigo de extinción.

DOLMEN DE AXEITOS

O Dolmen de Axeitos é un monumento funerario megalítico prehistórico levantado en época neolítica. Está situado na provincia da Coruña, na península do Barbanza e máis concretamente en Axeitos, o que lle dá o nome. Composto por sete ortoestatos, grandes e planas pedras de granito chantadas na terra conformando unha planta poligonal sobre a que se apoia outra lousa horizontal de 4,5m x 3,5m, considérase un dos máis antigos, grandes e mellor conservados de toda Galiza.
Para construír os dolmens, primeiro, a xente buscaba sitios altos e con boa visibilidade. Normalmente, dende a posición dun dolmen podíase ver o seguinte. Despois, buscaban a pedra. A maneira de extraela era con cuñas de madeira. Mollábanas e metíanas nas fendas das rochas que, debido á presión, rachaban. Xa logo, cavaban grandes fosas na terra e metían, axudados de cordas, aí as pedras. Colocaban a da cabeceira e máis tarde, as dos lados dous a dous. Finalmente, tapaban todo con terra para que os animais non foran aos corpos. Actualmente, son chamadas mámoas en galego ou túmulos en castelán.
A altura real das pedras é sobre uns 3 ou 4 metros, xa que a metade delas está soterrada baixo terra.
O Dolmen tamén é coñecido por Pedra do Mouro, xa que os veciños pensaban que aí había tesouros.

O MIRADOIRO DA PEDRA DA RÁ

O miradoiro da Pedra da Rá é unha rocha asentada sobre unha elevación de 209m. na península do Barbanza.

Construíron unha escaleira duns 15m. para subir ao alto desta onde hai unha plataforma onde observar a paisaxe e comprobar nunha brúxula de formigón a localización dalgúns pobos desta parte da Ría de Arousa.
Ofrece unha das mellores panorámicas da beiramar oeste de Galiza. Albíscase polo sur o Monte de Santa Tegra, polo norte a ría de Muros e parte do cabo Fisterra. Máis preto, a lagoa de Vixán e a de Carregal, a impresionante praia do Vilar, as Dunas de Corrubedo e a Illa de Sálvora. Nesta cima está situado o castro A Cidade, no que se atoparon pedras pulidas, cerámica e machadas.

Moitas son as lendas que relacionan estes lugares, unha das máis fermosas e populares é a seguinte:

A LENDA DE VALVERDE

Contan que fai moito, moito tempo, existía na Parroquia de Oliveira unha vila chamada Valverde, un pobo moi próspero, debido aos negocios que alí se facían e pola riqueza pesqueira e agrícola. Pero a xente co tempo volveuse codiciosa, só pensaban en aumentar as súas riquezas e buscar o seu propio beneficio. E comezaron as disputas e as envexas entre os veciños.

Entón o alcalde, en vez de axudar ao pobo, coas súas ansias de poder, o que fixo  foi impoñer altísmas rentas, co cal todas as posesións pasaron ao seu poder.
Un día, apareceu unha muller cun meniño en brazos e despois de recorrer triste e apenada a vila, presentouse na casa do alcalde, díxolle que era María e que lle anunciaba unha terrible maldición que envolvería ao pobo e el sería o primeiro en coñecer a ira de Deus.

O alcalde non lle fixo caso e botouna fóra.

María foise triste, polo camiño a través das pistas do Monte da Curota, afastándose o máis rápido posible da traxedia que ía acontecer. Camiño da Curota, encontrouse cun labrador que lle preguntou a onde ía con tanta présa. Ela respondeulle que fuxía da fatalidade e que se puxera a cuberto.

Entón unha tormenta colleu toda a terra dos camiños, a area das praias e, coma un tornado, dirixiuse a Valverde, que quedou sepultada. Cando todo acabou, o labrador levantouse asustado e dende onde estaba viu como o pobo de Valverde estaba soterrado baixo montes de area e barro. María continuaba andando, e o labrador díxolle que mirase como quedara Valverde; ao que ela contestou: Eu non quero ver tal. Entón María e o neno quedaron inmóbiles e aí están no Cruceiro de Moldes, ao pé da estrada que vai á Curota.
A vila de Valverde estaría soterrada baixo as Dunas de Corrubedo. O pobo que está entre as Dunas e a Curota chámase Bretal (de Ver Tal) en alusión ás últimas palabras da Virxe.

Gustoume moito facer este traballo porque coñezo moi ben o lugar xa que eu máis a miña familia somos de alí. Deixo aquí unha reportaxe fotográfica sobre a contorna e os animais do ecosistema, aínda que non todas as fotos son miñas. Fixen a composición co Windows Movie Maker.



11 de mar. de 2013

Os Invertebrados de Fondo de Bikini

por Alba V. (1º da ESO)

Soánvos palabras como CELENTÉREO, PORÍFERO, EQUINODERMO, GASTERÓPODO?

Se as buscas en Fondo de Bikini (preme para ampliar), encontraralas!




22 de feb. de 2013

Ecosistemas con GIMP e códigos QR

Traballo realizado polo alumnado de 2º da ESO

 O traballo que presentamos foi realizado polo alumnado de 2º de ESO coa aplicación informática GIMP. Trátase dun sistema de edición dixital da imaxes que permite o tratamento utilizando a técnica de capas. É, ademais, un software libre e gratuito instalado en todos os equipos do Proxecto Abalar.

Cada parella tiña asignado un ecosistema. Procuraron unha imaxe de fondo en internet e foron acrecentando os elementos máis característicos establecendo entre eles as relacións bióticas correspondentes. Para lle dar homoxeneidade ao traballo e incorporar elementos innovadores, engadíronse códigos QR de texto, substitutivos de títulos e sinaturas, que identifican o ecosistema e os autores/as da composición.

Finalmente o traballo foi presentado coa axuda da Pizarra Dixital Interactiva en clase e exposto nos corredores do instituto.

Para a avaliación tivéronse en conta aspectos técnicos e curriculares. Valorouse o acabado final, a orixinalidade, a incorporación de filtros e outros retoques, uso de escalas, perspectivas e simetrías, etc...En cada composición debían estar presentes relacións bióticas entre os elementos incorporados, e na presentación se debía detallar as características climáticas, ambientais, xeográficas, ... do ecosistema e a  pirámide trófica correspondente, con presenza de individuos de cada nivel trófico.

   

O traballo complétase co seguinite exercicio a desenvolver nos comentarios:

Exercicio: A partir das presentacións realizadas polos teus compañeiros/as, elabora unha frase que recolla algún aspecto técnico ou algunha característica dos ecosistemas estudados.

13 de feb. de 2013

Rede Trófica dos Montes da Ulloa

por Clara Souto e Luis Ángel Bran (2º ESO)

Nesta Unidade Didáctica de Naturais estamos traballando a estructura dos ecosistemas, por iso o noso compañeiro Luis representou con un debuxo (preme para ampliar) a rede trófica dun monte calquera da comarca da Ulloa.

Vemos como os productores son as xestas, as ortigas, as herbas, os musgos e os fungos. Os consumidores primarios son os teixugos, os xabaríns, as lebres e os saltóns. Os consumidores secundarios son os corvos, as curuxas e as serpes. E por último os consumidores terciarios son o lobo e a águia.

O lobo, un consumidor terciario, aliméntase dos teixugos os cales consumen xestas, ortigas e herba. Aliméntase tamen das lebres, e estas tamén consumen xestas, ortigas, herba, fungos e musgo. O lobo, tamén se alimenta das serpes, e estas comen aos teixugos e as lebres. E por último o lobo come os xabaríns que estes aliméntanse de xestas, ortigas, herba e musgo.

A águia, unha consumidora terciaria, aliméntase de corvos os cales cazan saltóns. Os saltóns consumen herba, xestas e ortigas. Tamén a águia, aliméntase de curuxas que come lebres e teixugos.

O equilibro do ecosistema representado nesta rede trófica é mais delicado do que parece. Depende de nós que estes ecosistemas sigan así.

Coidemos o noso monte!

Rede Trófica dos Montes da Ulloa - Luis Ángel Bran

18 de xan. de 2013

"Estrutura dun Ecosistema" con Nubes de Tags

Seguindo a dinámica de dar repaso aos temas superados coas nubes de tags, acrecentamos o correspondente ao tema 4 deste curso de 2º da ESO de Ciencias Naturais, "Estrutura dun Ecosistema" (preme para ampliar)

O alumnado responderá nos comentarios ao seguinte exercicio:

Exercicio. Cos conceptos reflicitidos na nube de tags, elabora por parellas frases que conteñan (sinaladas en MAIÚSCULA) polos menos 3 desas palabras:

Exemplo: PRODUTORES, CONSUMIDORES e DESCOMPOÑEDORES forman parta da PIRÁMIDE TRÓFICA dun ECOSISTEMA

16 de xan. de 2013

Pequeno Tributo a Mr. Attenborough

por Andrea Ayaso (2º ESO)

David Frederick Attenborough naceu en 1926 en Londres, Inglaterra. Polo tanto ten 86 anos e é un dos divulgadores científicos naturalistas máis coñecidos da televisión. Presentou durante moitos anos os documentais de natureza da BBC. Foi galardoado co Premio Príncipe de Asturias de Ciencias Sociais 2009, en Oviedo. O seu último traballo realizado a modo de despedida foi o titulado “What Wonderful World”, no que el mesmo canta a famosa canción de Lois Amstrong, mentres nos demostra mediante varias secuencias a extraordinaria e espectacular beleza que ten o noso planeta Terra.

Neste vídeo distínguese a biocenose, que é a parte formada por todos os seres vivos, e o biótopo, que é a parte inorgánica do ecosistema. Un ecosistema é o conxunto de seres vivos que habitan nun determinado lugar, as relacións que se establecen entre eles e o lugar físico onde viven, así como as características do lugar e as relacións entre o medio e os organismos. Neste vídeo podemos apreciar diferentes ecosistemas mariños, constituídos por diversos animais como pingüinos, focas, medusas, leóns mariños, cabaliños de mar e baleas. E tamén ecosistemas terrestres, formados por todo tipo de plantas e flores, monos, águias, mouchos, suricatas, rinocerontes, bisontes, elefantes, rás, patos, leóns, tartarugas e osos polares. Tanto nos ecosistemas terrestres como nos mariños, debe existir unha variedade de animais que son os que contribúen ao seu equilibrio.

Todo esto vímolo días antes na clase de Naturais. Esperamos seguir traballando máis cousas sobre este tema. Eu creo que os insecticidas, herbicidas e pesticidas, producen un dano irreversible ao medio ambiente e poñen en perigo estes ecosistemas á vez que perxudican gravemente a nosa saúde. Paremos todo isto practicando un consumo resposable: Reduce, Reutiliza, Recicla.