Amosando publicacións coa etiqueta Twitter. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Twitter. Amosar todas as publicacións

12 de dec. de 2012

Isto foi o RECITUITEADO

Con motivo da inesquecible xornada do 12/12/2012, montamos unha actividade en Twitter denominada O Recituiteado que pretendía complementar o conxunto de achegas dos máis de 200 centros educativos envoltos no evento #recitandocelsoemilio.

Xa tiñamos algo de experiencia con Tuiteando Partículas, e estamos moi satisfeitos do resultado desta segunda xeira. O hashtag iesdepalas atinxiu os 75 tuits e foi a 5º palabra máis usada entre todos os participantes. Alén diso, 5 rapazas e 1 rapaz do noso centro situáronse no top 25 dos tuiteiros/as máis activos deste evento mundial (chegaron tuits de todo o mundo!).

Parabéns a Andrea, Xulia, Miriam C., Miriam S., Fani e Carlos polo seu traballo. Aquí deixamos o primeiro recituiteado en lingua galega:

11 de dec. de 2012

Así viviremos #recitandocelsoemilio


O 12/12/2012 artellamos dende o equipo de dinamización unha actividade na que lembraremos ao grande poeta Celso Emilio Ferreiro no centenario do seu nacemento. Como xa comentamos nunha entrada anterior, o evento envolverá a alumnado e profesorado de todos os niveis e todas as áreas coa mínima incidencia no desenvolvemento normal das aulas. Sumámonos así aos outros 200 centros educativos, asociacións, bibliotecas,...que en colaboración participan desta xornada.

Estaremos recitando Celso Emilio dende as 11:30h ás 12:30h. O programa, debullado por cursos, é o seguinte:

11:30h Uxía de 1º de BAC acompañada á guitarra por Xabier cantará Moraima. 
11:35h 5 alumn@s de 1º BAC recitarán: María Soliña, Irmaus, Eu en Ti, Longa Noite de Pedra, Saudade e Gaita Irreal. 
11:50h 2 alumn@s de 4º de PDC recitarán: Proclamei os meus Veciños e Poema Nuclear. 
12:00h Alexandre de 1º BAC será a nosa voz no recitado simultáneo de Deitado Frente ao Mar. 
12:05h 5 alumn@s de 2º ESO recitarán: Epitafio a unha Bandeira, O Hincha, O Soño do Neno, O reino e Nota Necrolóxica. 
12:15h 5 alumn@s de 1º ESO recitarán: O Sapo, Primavera Inútil, O Precursor, Infanza e Eiquí Será. 
12:25h Un coro de profes voltarán a cantar Moraima, pechando este acto circular.

Ademais disto:
  • Radio Palas gravará as actuacións para a súa inclusión nos informativos.
  • 2 tuiteiras de 4º da ESO retransmitirán todo o evento por Twitter cos hashtags #recitandocelsoemilio #palas.
  • 4 tuiteir@s de 4º da ESO recituitarán ás 12h Deitado Frente ao Mar facendo presente as palabras do poeta tamén nas redes sociais.
... e de maneira experimental:
  • Emitiremos dende o Salón de Actos ao vivo e a través deste blog toda a actividade vía streaming. Usaremos unha webCam, un proxector, micrófonos, músicas de fondo,... Abriremos a conexión ás 11:25h.
  • O alumnado que non participe directamente poderá seguir, a vontade do profesor/a, o traballo dos seus compañeir@s por internet dende as súas aulas.
  • Gravaremos cunha cámara de mellor calidade para despois compartir o vídeo xa en diferido.

Todo isto é posible grazas o traballo conxunto de todo o centro. Dende o EDLG agradecemos inmenso todo o apoio recibido. Será un día inesquecible.


29 de nov. de 2012

Recituiteando Celso Emilio

Dentro do conxunto de actividades a desenvolver no noso centro enmarcadas no evento Recitando Celso Emilio destaca unha polo seu carácter innovador: o RECITUITEADO.

Tal e como fixemos na actividade Tuiteando Partículas, toca agora facer que a voz de Celso Emilio se escoite no Twitter, un dos medios máis utilizados na actualidade polo noso alumnado.

Nesta xornada do 12/12/2012 onde se conmemora o 100 aniversario do seu nacemento, ás 12h e coincidindo co recitado simultáneo do poema Deitado Frente ao Mar, nós achegaremos, ademais, o seu recituiteado. Un grupo de 5 tuiteiras e 1 tuiteiro completará en orde inverso os seus 34 versos utilizando o hashtag oficial #recitandocelsoemilio e outro hashtag propio para recompoñer o poema unha vez finalizado.

Neste traballo en equipo, cada tuiteiro terá que dar paso coordinadamente ao seguinte membro tendo moita conta de non mesturar os versos e que a composición final sexa a que deixou para a posterioridade o poeta de Celanova.

Hoxe no tempo de lecer fixemos unha proba. Este foi o resultado (clic para ampliar):



5 de nov. de 2012

Tuiteando Partículas

Xa temos preseleccionado o noso equipo de 5 tuiteiras e 2 tuiteiros que retransmitirán a xornada do 6 de novembro dende o noso instituto. O seu traballo será compartir o ambiente co que viviremos en Palas a videoconferencia titulada Facendo Física de Partículas polo Mundo enmarcada dentro das actividades do III Día da Ciencia e a Tecnoloxía en Galego. Esta actividade ten a seguinte fundamentación:

Non é habitual utilizar o móbil nas aulas, de feito todos os centros educativos teñen prohibido o seu uso con carácter xeral. Porén a súa presenza masiva nos niveis altos do ensino secundario e a evolución tecnolóxica que permite o uso de múltiples aplicacións de raíz educativa, motívanos a procurar desenvolver actividades que os incorporen, delimitando axeitadamente a súa utilización, atendendo os recursos dispoñibles en cada grupo e coa formación correspondente ao alumnado sobre cada aplicación ou contorna de aprendizaxe.

O desenvolvemento de actividades didácticas usando Twitter está sendo dinamizada dende diferentes focos (ver comentarios). Trátase unha ferramenta educativa de grandes posibilidades que impón:

- Desenvolver capacidade de síntese (140 caracteres)
- Clasificar información.
- Interactuar con outros usuarios, alumnado e profesorado.
- Estar no medio de comunicación de moda e un dos de maior influencia a nivel mundial.
- Participar en eventos conxuntamente con outros centros.

A videoconferencia do día 6 do novembro é un escenario inmellorable para poñer a proba o uso educativo de Twitter. Están convocados case 100 centros e máis de 6000 alumnos/as de toda Galicia. A nosa voz será achegada por estes 7 alumnos/as de 1º de BAC que se presentaron como voluntarios/as para tuitear o evento dende o seu smartphone e o seu perfil de Twitter recibindo unha sesión de formación sobre os obxectivos desta actividade:











Usaremos nos nosos tuits o HT #palas ademais do HT #cienciaetecnoloxiaengalego achegado pola organización do evento. 

Dende o Equipo de Dinamización Lingüística do noso centro queremos achegar as nosas enerxías para normalizar, fortalecer e difundir o uso da nosa lingua en todos os ámbitos, tamén na Ciencia e tamén nas Novas Tecnoloxías. Moitas grazas aos nosos tuiteiros/as por asumiren este reto e esta responsabilidade. Estamos seguros que serán unha excelente representación. Moitas forzas para eles/as. Teñen todo o noso apoio!