Amosando publicacións coa etiqueta Números. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Números. Amosar todas as publicacións

9 de xuño de 2014

Breve Historia do Sistema Métrico Internacional

por Pablo Díaz (1º da ESO)

As unidades de medida xurdiron pola necesidade de contar a colleita, o gando e para rexistrar as áreas de superficie das parcelas (por iso as medidas máis utilizadas eran as de capacidade e as de supeficie). Cada cultura tiña as súas propias medidas que nalgúns casos fóronse unindo.

Estas son as civilizacións antigas mais importates e as suas medidas:

ROMA

Os romanos pesaban contaban e median en libras, ases e pés, dividido entre 12 unidades. Usaron o sistema decimal para poder contar cos dedos das mans (sistema tamén utilizado en Mesopotamia)

Existian uns patróns desas medidas que se custodiaban relixiosamente para asegurarse que se utilizaban ben no comercio. As medidas de superficie eran a acta xeódesica (traballo de media xornada) e o jugerum (traballo de xornada completa). A medida base de lonxitude era o pé romano ou a milla romana. O pé romano era diferente do grego e máis tarde unificáronse. Canto ao peso a medida base era a  libra dividida en doce partes chamadas onzas que a súa vez divídese en 4 escrúpulos.  Estas medidas tamén se igualaron ás gregas. Por último, respecto á capacidade, tanto de líquidos como de sólidos, non se se coñecen os seus nomes pero foron asimilados os de Grecia.

EXIPTO

A unidade principal de lonxitude era o cóbado real (523,5mm). A partir de aí había moitas máis unidades pero todas derivados dela. A unidade básica de superficie era o sechut que equivale a un cadrado de 100 cóbados de lado, é dicir, 10.000 cóbados cadrados. Canto ao volume, a unidade de capacidade que mide sólidos era o hequet para cereais . O henu era a unidade de capacidade para líquidos. A unidade de peso central era o deben. Utilizábase maioritariamente para pesar metáis. As unidades de tempo eran moi parecidas ás nosas. Un ano 365 dias, cada mes 30 días e cada día 24 horas. Para saber a hora utilizábanse reloxos de area ou de auga.

Estas medidas confluiron nas do Sistema Métrico Internacional. Son as seguintes.

Magnitude física    Unidade    Símbolo
Lonxitude (l)           metro                    m
Masa (m)                gramo                    g
Tempo (t)                segundo                 s
Temperatura (T)     kelvin                     k
Superficie               metro cadrado      m2
Volume                    metro cúbico         m3

28 de abr. de 2014

Crecer Exponencialmente


O EDLG do noso centro participa no concurso Explícoche Matemáticas 2.0 que organiza o Servizo de Normalización da Facultade de Matemáticas da USC. Trátase de recoller nun vídeo de 2 minutos unha explicación sobre un concepto matemático escollido libremente polos participantes. Á espera da decisión do xurado, deixamos esta achega da divulgadora Clara Grima, que ten bastante que ver co noso traballo.

24 de mar. de 2014

Matemáticas Gregas

Con motivo do Día da Ciencia en Galego, o científico Jorge Mira ministrou unha conferencia sobre os achádegos matemáticos e astronómicos realizados na Antiga Grecia. Achegamos esta animación que dá boa mostra do productiva que foi aquela etapa histórica.

29 de out. de 2013

Dúas historias con números

3º ESO

Estes dous vídeos que achegamos sérvennos para reflexionar sobre a relación que o ser humano tivo ao longo da Historia cos números.

 O primeiro ten que ver coas primeiras construccións numéricas feitas en tempos paleolíticos, cando a necesidade de contar atinxía só abstraccións moi simples. Mostra dese proceso son as actuais tribos de cazadores-recolectores que seguen a morar ao longo do noso planeta, e que por motivos xeográficos, históricos ou climáticos ficaron ailladas e non evoluíron dentro das civilizacións dominantes. Trátase dun corte dun documental no que un ancián aborixen australiano nos achega a súa maneira de contar.




O segundo é unha curta actual, gañadora dos premios ao mellor guión e a mellor dirección na XI Edición do Notodofilmfest. Dúas rapazas confunden a paixón polos descubrimentos numéricos do namorado dunha cun posible caso de infidelidade. O número PI é o protagonista involuntario deste engrello.

3 de xuño de 2013

Potencias e Fideos

por Silvia Viña (1º ESO) (*)

Este vídeo trata sobre como podes obter cantos fideos podes facer cunha pouca de masa. É moi fácil... se sabes potencias.

O que tes que facer e ir dobrando a masa en metades ata que che dé o número de fideos que ti queiras (que debe ser unha potencia de 2) neste caso 4096 fideos.
Con esta técnica podes convetir un só fideo en 4096!
O chef deste vídeo é Kin Jing Mark (un chef chinés).Agora explicareivos como o fai:

 Preparamos a masa para facer os fideos. Amasámola ben ata que estea lista. Estiramos unha única tira de fideo (2 elevado a 0) e imos dobrando pola metade, multiplicando por dous e obtendo 2 elevado a 1, é dicir, 2 fideos. E así...

 2 elevado a 2=4 fideos.
 2 elevadoa 3=8 fideos.
 2 elevado a 4=16 fideos.
 2 elevado a 5=32 fideos.
 2 elevado a 6=64 fideos.
 2 elevado a 7=128 fideos.
 2 elevado a 8=256 fideos.
 2 elevado a 9=512 fideos.
 2 elevado a 10=1024 fideos.
 2 elevado a 11=2048 fideos.
 2 elevado a 12=4096 fideos

Espero que vos gustase. A min pareceume increible. Disto podemos sacar unha conclusión: as potencías non só valen para as matemáticas, tamén para outras cousas. Por exemplo, para comer.

 

Vídeo obtido vía o blog Microsiervos.

8 de maio de 2013

1 Hectárea, 16 Ferrados

por Noelia García Gavieiro (1º ESO)

Na clase de Ciencias Naturais estamos estudando a medida da materia e, xunto coa de Matemáticas, traballamos os cambios de unidades fixados polo Sistema Métrico Internacional. Pero non todo é SMI:

O Ferrado  é unha medida de superfice que existe en Galicia e que se corresponde cos metros cadrados de terreo que fan falta para encher o antigo ferrado de madeira con trigo.

Ferrado de Madeira
Serviu en épocas pasadas como indicador da calidade dos terreos destinado ao cultivo, de forma que a maior cantidade de metros cadrados que teña un ferrado menor productividade de terreo.

Cada concello conta cunha medida. En Palas mide 604m2, ao igual que nos concellos da comarca da Ulloa (Antas e Monterroso).


Preguntándolle a familiares e veciños que cantos m2 ten un Ferrado, todos me dixeron que 1 Hectárea son 16 Ferrados o que equivale a 10.000m2. Pero ningún me soupo dicir cantos  m2 ten 1 Ferrado. Tamén me dixeron que 17 kg de semente de millo son un Ferrado, e que 13 kg de pan ou trigo tamén son un Ferrado.

Sabemos que a xente di que 16 ferrados é igual a unha Hectárea, pero, que temos que  facer para comprobalo?

Multiplicamos 604m2 , que en Palas equivalen a un ferrado, por 16 que son os ferrados que, seica é unha Hectárea, o que nos dá un total de 9.664m2.

Se llos restamos a 10.000m2 que son os metros cadrados aos que equivale 1 Hectárea danos un total de 336m2.

Hectárea-------------------------------100m2 x 100m2 =10000m2
                                                                            -9664m2  (16 ferrados en Palas)
                                                                            336m2

Faltan 366m2 para que no caso de Palas, 604m2, sexa 1 Ha. Así que o saber popular é moi valioso pero algo inexacto.

Deixamos aquí unha táboa coa extensión de cada concellos que recollimos da web EduGaliza.

Vemos que no veciño concello de Guntín un Ferrado ten 436 m2, bastante menos que en Palas, así que se unha de Guntín intenta venderche un terreo, tes que andar con moooito coidado.

Abadín 504
Abegondo 436
Agolada 536
Alfoz 714
Ames 639
Antas de Ulla 604
Aranga 436
Arbo 437
Ares 548
Arteixo 444
Arzúa 536
Baiona 539
Baleira 714
Baña (A) 528
Barreiros 714
Becerreá 578
Begonte 525
Bergondo 436
Betanzos 436
Boimorto 536
Boiro 484
Boqueixón 639
Bóveda 489
Brión 500
Bueu 472
Cabana de Bergantiños 524
Cabanas 548
Caldas de Reis 629
Camariñas 424
Cambados 629
Cambre 444
Campo Lameiro 629
Cangas 472
Cañiza (A) 437
Capela 548
Carballedo 629
Carballo 524
Cariño 444
Carnota 400
Carral 444
Castro de Rei 629
Castroverde 496
Catoira 629
Cedeira 509
Cee 436
Cerceda 639
Cerdido 509
Cervantes 553
Cervo 725
Cesuras 436
Chantada 629
Coirós 436
Corcubión 424
Corgo (O) 436
Coristanco 524
Coruña (A) 444
Cospeito 525
Covelo 264
Crecente 437
Culleredo 444
Cuntis 629
Dodro 420
Dozón 536
Dumbría 424
Enfesta 639
Estrada (A) 629
Fene 548
Ferrol 509
Fisterra 424
Folgoso do Courel 436
Fonsagrada (A) 507
Forcarei 500
Fornelos de Montes 74
Foz 714
Frades 636
Friol 436
Gondomar 541
Grove (O) 629
Guntín 436
Incio (O) 559
Irixoa 436
Lalín 536
Lama (A) 217
Láncara 629
Laracha (A) 524
Laxe 524
Lourenzá 638
Lousame 420
Lugo 436
Malpica de Bergantiños 524
Mañón 548
Marín 472/504
Mazaricos 424
Meaño 629
Meira 514
Meis 629
Melide 536
Mesía 603
Miño 548
Moaña 472
Moeche 509
Mondariz 432
Mondoñedo 612
Monfero 548
Monforte de Lemos 489
Monterroso 604
Mos 497
Moraña 648
Mugardos 548
Muras 548
Muros 335
Muxía 424
Narón 509
Navia de Suarna 650
Neda 509
Negreira 528
Negueira de Muñiz 507
Neves (As) 629
Nigrán 541
Nogais (As) 621
Noia 420
Oia 402
Oleiros 444
Ordes 639
Oroso 639
Ortigueira 444
Ourol 548
Outeiro 436
Outes 396
Oza dos Ríos 436
Paderne 436
Padrón 420
Palas de Rei 604
Pantón 489
Paradela 559
Páramo (O) 559
Pastoriza (A) 504
Pazos de Borbén 74
Pedrafita do Cebreiro 578
Pino (O) 536
Pobra do Brollón (A) 465
Pobra do Caramiñal (A) 484
Poio 629
Pol 496
Ponteareas 437
Ponte Caldelas 629
Ponteceso 524
Pontedeume 548
Pontenova (A) 504
Pontes de García Rodríguez (As) 548
Pontevedra 629
Porriño (O) 497
Portas 629
Porto do Son 480
Portomarín 671
Quiroga 465
Rábade 436
Redondela 69
Rianxo 484
Ribadeo 612
Ribas de Sil 465
Ribeira 484
Ribeira de Piquín 514
Riotorto 504
Ribadumia 629
Rodeiro 536
Rois 424
Sada 436
Salvaterra de Miño 437
Samos 559
San Sadurniño 509
Santa Comba 528
Santiago de Compostela 639
Santiso 536
Sanxenxo 629
Sarria 629
Saviñao (O) 559
Silleda 536
Sober 484
Sobrado 536
Somozas (As) 509
Soutomaior 64
Taboada 604
Teixeiro 536
Teo 639
Tomiño 629
Toques 536
Tordoia 639
Touro 536
Trabada 638
Trazo 640
Triacastela 430
Tui 497
Valadouro (O) 714
Valdoviño 509
Valga 629
Vedra 639
Vicedo (O) 548
Vigo 541
Vilaboa 629
Vilagarcia de Arousa 545
Vilalba 546
Vilamaior 548
Vilanova de Arousa 629
Vilasantar 536
Vimianzo 424
Viveiro 548
Xermade 525
Xove 725
Zas 42



6 de maio de 2013

Palíndromos e a Regra do 11

por Jenifer Iglesias (1º ESO)

Os números palindrómicos son números que ao revés se len igual. Hai tamén frases palindrómicas como “a torre da derrota” ou, en castelán, “la ruta nos aportó otro paso natural”.

Exemplos de números palindrómicos: 71317,10201...

Na primeira avaliación de matemáticas demos os criterios de divisibilidade entre eles está o do 11, que é o seguinte:

1. Para saber se un número é divisible por 11 hai que sumar as cifras que ocupan os lugares pares e impares por separado.

2. Facemos unha resta para saber a diferenza entre as dúas sumas.

3. Se a diferenza é 0 ou múltiplo de 11 daquela si é divisible entre 11.

Pois ben, cúmplese que os números palindrómicos cun número par de cifras serán sempre divisibles entre 11!

A razón é que ao aplicar o criterio de divisibilidade, como dixen antes, se agrupaban os números das posicións pares e impares, e se facía unha suma por separado.

Esa suma dará dous números iguais  porque se sumaron os mesmos números pero só que estaban en diferentes lugares e a diferenza será 0.

Exemplo: 24688642 é un número palindrómico de oito cifras:

    Posición Par: 4+8+6+2=20
    Posición Impar: 2+6+8+4=20
    Diferenza=20-20=0

    Polo tanto, divisible por 11!!

    Así que un número palindrómico cun número par de cifras non pode ser primo.

Para máis información podes ver esta páxina de onde saquei unha pirámide palindrómica para completar o artigo:


2
30203
133020331
1713302033171
12171330203317121
151217133020331712151
1815121713302033171215181
16181512171330203317121518161
331618151217133020331712151816133
9333161815121713302033171215181613339
11933316181512171330203317121518161333911

29 de abr. de 2013

Ollando as Potencias de 10


 por Víctor García (2º da ESO)
Este video trata sobre ver o lugar que habitamos dende arriba, vese dende máis lonxe, canto máis grande sexa o exponente do número 10 e dende máis cerca, canto máis pequeño sexa. Ao principio o exponente vai crecendo e todo se vai facendo máis pequeno ata que non se ve. Por cada número que sube o exponente, pónselle un cero á dereita do nº 10 e así sabese a distancia a que estamos do lugar inicial, un home durmindo nun parque coa man no peito neste caso.
Unha vez chegado a 10 elevado a 24, a 100 millóns de anos luz do lugar inicial, retrocede a gran velocidade. Despois comeza a ampliar a man poñendo o exponente negativo e os ceros engádense á esquerda antes da coma.
En 10 elevado a 0 (é dicir, 1) vese a un home deitado nun mantel de picnic e una muller lendo un libro.
En 10 elevado a 2 vese o porto, o parque donde están e unha estrada.
Ao chegar a 10 elevado a 4 vese toda a cidade e grande parte do lago.
En 10 elevado a 6 vese todo o lago e case todo o continente.
En 10 elevado a 7 vese o planeta.
En 10 elevado a 9 pódese ver a órbita da Lúa.
En 10 elevado a 10 vese un pouco da órbita da Terra.
En 10 elevado a 13 vese o sistema solar e as órbitas dos seus planetas.
En 10 elevado a 16 o sistema solar desaparece e só se consegue ver o sol como un punto luminoso.
En 10 elevado a 21 vese a periferia da Vía Láctea.
En 10 elevado a 22 vese a toda a Vía Láctea e outras galaxias.
En 10 elevado a 24 todo é negro e non se distingue nada.
Agora imos ao lugar inicial e ampliamos poñendo o exponente negativo.
En 10 elevado a -1 vese un trozo de man.
En 10 elevado a -2 vese a estructura da mau.
En 10 elevado a -4 vese unha especie de fíos unidos.
En 10 elevado a -5 vese unha célula.
En 10 elevado a -7 vense os cromosomas.
En 10 elevado a -8 vese a cadena do ADN.
En 10 elevado a -10 aparecen as nubes de electróns do átomo de carbono.
En 10 elevado a -14 vese o núcleo do átomo e finalmente en 10 elevado a -15 vese un proton.
A min esta información faime pensar en grandes preguntas como:
Que é a vida? Por que estamos aquí? Cal é o significado de todo isto?
 

15 de abr. de 2013

O Raio da Terra

por Richard Teixeira (2º da ESO)

"Isto é Matemática" é un programa de divulgación matemática de cadea portuguesa SIC Noticias. Emítese todos os sábados ás 20:50h e condúceo Rogério Martins.

Este capítulo ten como obxectivo averiguar o raio da Terra. Rocío Pérez, a compañeira de 1º da ESO, xa contou como Eratóstenes resolvera este problema. Como fixeron para calculalo esta vez?

Escolleron dúas cidades portuguesas Lisboa e Sagres. Rogério andou en bicicleta desde Sagres a Lisboa e comprobou que había 200 km. entre ambas as dúas cidades. Despois chantou dous paus e mediu o ángulo que formaban os paus coas raxeiras dos sol. En Sagres medía 7 graos e en Lisboa 8,8 graos. Polo tanto había unha diferenza de 1,8 graos. Fixen este debuxo para entendelo mellor:



Para calcular o raio da Terra (un volta completa son 360 graos) temos que resolver un problema de proporcionalidade directa como xa fixemos este ano na clase. Faremos esta Regra de 3:

Ángulo (graos)          Lonxitude (km)

         1,8  ------------------------- 200
        360  --------------------------  x

Polo tanto x=360*200/1,8=40000 km.

Así obtivemos que a Terra ten un perímetro de 40000 km aproximadamente.

Para calcular o raio temos que dividir por 2π e obtemos 6366 km.

Aquí deixamos o capítulo íntegro:


2 de abr. de 2013

O Máis Grande Primo Coñecido

por Brais Figueroa (2º da ESO)

Great Internet Mersenne Prime Search (GIMPS, "Grande Busca en Internet de Primos de Mersenne") é un proxecto colaborativo de voluntarios para atopar números primos de Mersenne. George Woltman fundou o proxecto e escribiu os programas que son responsables da análise dos números de Mersenne.

O proxecto foi exitoso: en setembro de 2008 foron atopados un total de 12 números primos de Mersenne (46 coñecidos), cada un dos que, agás o último, foi o maior número primo coñecido ata a data do seu descubrimento.

Todos os números atopados son da forma Mn, equivalente a 2^n - 1, onde n é o expoñente.


O número primo recentemente atopado  ten 17.425.170 cifras. Farían falta 13000 páxinas para mostrar o número enteiro, con unha letra de 12pt e sen espacio.

Este número descubriuno o Dr. Cooper , prolífico colaborador do GIMPS e profesor da Universidade Central de Missouri. O premio que lle deron foi de 3.000 dolares, uns 2.294 euros.

Empecei a escribir o número nun A4 apaisado (315mm). Colleron 63 díxitos e levoume 44 segundos.


Aplicando as regras de 3 vistas na clase, calculei o que me ocuparía escribilo e canto me levaría:

Empezaría a escribir en Palas, chegaría a Lugo e remataría de novo en Palas!



E levaríame 140 días escribindo as 24 horas do día!

17 de mar. de 2013

A Criba de Eratóstenes

por Noelia e Xesús (1º da ESO)

Desenvolvimos este vídeo onde explicamos o método para encontrar números primos denominado "A Criba de Eratóstenes", que enlaza con outro descubrimento deste xenio da antigüidade: o cálculo do perímetro terrestre, que nos contou Rocío.

Para facer o vídeo contamos coa PDI, cos programas de gravación de audio e vídeo dos equipos do proxecto Abalar, e co programa (software libre e gratuito) Open Shot para compilar os materiais.

Velaí o tedes!


15 de mar. de 2013

357686312646216567629137

Dentro dos nosos Deseños Matemáticos para Propiedades Numéricas, presentamos esta achega de Alba Vizcaíno (1º ESO) para o número 357686312646216567629137 que verifica unha propiedade simétrica ao 739939133, elaborado por Meritxell.

Este número é o maior primo que verifica que se lle quitamos unha cifra da esquerda, o número resultante segue a ser primo.



12 de mar. de 2013

Eratóstenes e o Pozo sen Sombra

por Rocío Pérez (1º da ESO)


Carl Sagan foi autor, co-autor e editor de máis de 20 libros de divulgación científica. Tamén publicou numerosos artigos e tamén foi un grande astrónomo. Se queredes saber máis del, e da súa carreira como astrónomo podedes mirar o traballo “Grandes astrónom@s”, que fixemos na primeira avaliación. Neste artigo fálanos dun grego que mediu a Terra.

Eratóstenes, o protagonista principal deste vídeo, foi astrónomo, poeta, xeógrafo e filósofo do século III a. de C., xa que el posuía unha grande variedade de coñecemento e aptitudes para o estudo. Neste vídeo Carl Sagan explica o grande descubrimento de Eratóstenes, saber que a Terra era redonda e ao mesmo tempo saber canto era o perímetro terrestre. Antes, todos pensaban que a Terra era plana, pero Eratóstenes demostrou que non era así, este home cambiou a forma de ver a Terra, demostrou que era redonda.

Sagan conta como nesta epoca se sabía que nun día do ano, ao mediodía, e nun pozo da cidade de Siena os raios do Sol alumaban o fondo, é dicir, incidian perpendicularmente. Nese momento, Eratóstenes observou que en Alexandría (a 800 km de Siena) un pau facía unha sombra de 7º.

A única resposta era que a superficie da Terra era redonda. Co seguinte problema de proporcionalidade numérica, que resolvemos por unha regra de tres como aprendimos este ano en clase, Eratóstenes calculou cal era o perímetro da Terra:

Angulo(º)                                      Distancia(km)

      7          --------------------------------      800

   360         ---------------------------------      X

X= 800 x 360/7 = 4143 km

Tendo en conta que o perímetro da Terra, medida cos GPS de hoxe en día é 40467 km hai que recoñecer que foi  unha excelente aproximación.

 

Eratóstenes cambiou o mundo. Fíxoo redondo!





28 de feb. de 2013

Unha propiedade do 123

por Adrián Viña (2º da ESO) (*)

Gústanme eses números misterioso. Eses números que, case como por arte de maxia saen sempre como resultado un número en concreto.Números como o 6174 (a constante de Kaprekar para números de catro cifras, traballo que xa expuxo a miña compañeira Florencia). Estes números sempre atraen a moita xente que queren saber a fórmula para que a maioría das veces dea como resultado 123 ou 6174. Soupemos a fórmula destes dous números grazas ó noso profesor que sempre nos mostra números deste tipo. Hoxe amosareivos a  curiosa propiedade do número 123 que fai que sexa un número misterioso.

A propiedade do 123 á que me refiro é a seguinte:

Tomamos un número enteiro positivo, calquera de tres ou máis cifras, e contamos cantas delas son pares e cantas impares, e con estes datos construímos un número da seguinte maneira: colocamos primeiro a cantidade de cifras pares que tiña o inicial,despois a cantidade de cifras impares e logo a cantidade total de cifras que tiña. Co número obtido facemos o mesmo, e así sucesivamente. Sexa cal sexa o número inicial sempre acabaremos no 123, e non sairemos del.

Vamos ver un exemplo: tomamos, por dicir algún número, o 1393689435270791425804432970463, número construído por todos os membros da clase. Este número ten 15 cifras pares e 16 cifras impares. Como ten 31 cifras, con el obtemos o número 151631. Facemos o mesmo con este: 1 díxito par e 5 impares.  Como ten 6 cifras, obtemos con el o 156. Este ten 1 cifra par e 2 impares, como ten 3 cifras, obtemos o 123. E agora o 123 ten 1 díxito par e 2 impares, como ten 3 cifras obtemos o 123 de novo, por tanto o 123 tragouse o número 1393689435270791425804432970463.

Se o número ten 4 cifras ou máis, chegaremos sempre a un número de 3 cifras despois de aplicar o proceso unha certa cantidade de veces. Cando se chegue a ese punto utilizase o que comentamos antes e volvemos chegar sempre ó 123. en consecuencia, esta propiedade do 123 é certa sexa cal sexa o número enteiro positivo de tres ou máis cifras co que comecemos.

Pois así acabo de mostrarvos esta fórmula, que con ela xa sei algo máis detse tipo de números que dalgunha maneira acaban igual.

(*) Baseado nunha entrada do magnífico blog de contido matemático gaussianos.

27 de feb. de 2013

Unha Familia de Primos

Da serie "Regularidades Numéricas", Javier Ouro (1º ESO) preséntanos este debuxiño dunha curiosa familia de primos.



23 de feb. de 2013

739939133 Un primo especial


Achegamos un deseño (preme para ampliar) realizado por Meritxell (1º ESO) que recolle a propiedade dun número primo moi especial: O 739939133.

Este número é o maior primo que verifica que se lle quitamos unha cifra da dereita, o número resultante segue a ser primo.




14 de feb. de 2013

Xogando con Kaprekar

por Florencia Hornos (2º da ESO)

O número 6174 é coñecido como a Constante de Kaprekar ou a Operación de Kaprekar na honra do seu descubridor o matemático indio D.R. Kaprekar. Este número ten unha interesante propiedade, se seguimos estes pasos:

1. Escoller calquera número de 4 díxitos (agás 1111, 2222, ...)

2. Ordear os 4 díxitos en orde ascendente para obter o minuendo dunha resta.

3. Ordear os 4 díxitos en orde descendente para obter o substraendo da mesma resta.

4. Calcular a diferenza entre os números obtidos.

5. Se o resto non é igual a 6174 repetir os pasos anteriores, engadindo ceros necesarios para completar os catro díxitos.

Esta operación repetida varias veces (non máis de 7!) termina no 6174 xa que se repetimos queda 7641-1467=6174.

Para xogar un pouco con esta propiedade na clase escollimos tres números: 

- 1422 suxerido por Richard.
- 3605 suxerido por Adrián V.
- 1963  suxerido por Paula.

Este foi o resultado:


 

31 de xan. de 2013

Grigori Pirelman, un matemático con principios

por Iván Vázquez (2º da ESO)

O ruso Grigori Perelman é un dos maiores xenios das matemáticas da actualidade. Sorprendeume moito a súa historia:

O Instituto estadounidense Clay de investigación matemática daba un millón de dólares á persoa que dera resolto un dos 7 problemas chamados do milenio. En marzo de 2010 Grigori Perelman déronlle por feito un deses problemas, que foi creado polo matemático francés Henri Poincaré. As explicacións eran tan difíciles que lles levou correxilo catro anos. Ao final o do ruso estaba ben, polo que lle ofreceron o millón de dólares. Tamén, por saber tanto das matemáticas otorgáronlle en 2006 a prestixiosa medalla Fields  que se considera como o premio Nobel das matemáticas.


Grigori Pirelman fixo unha cousa que ninguén esperaba, rexeitou a medalla Fields e o millón de dólares!


Por que rexeitou a medalla Fields e o millón de dolares?


El dixo que non quere fama nin cartos, nin quería estar exposto como un animal de zoolóxico. Eu defendo a sua opinión, por unha simple razón:


Estamos nunha sociedade corrupta, onde só importan os cartos e ser famoso, e quen máis o demostran agora son os políticos importantes  e os famosos. Grigori Perelman non é desas persoas, el non facia matemáticas por cartos, nin por destacar, senón que facia matemáticas porque lle gustaba, e iso é o que importa. Facer algo porque nos gusta, non polos cartos. Agora Grigori Perelman desentendeuse das matemáticas, pero ainda así pode estar orgulloso, que o que fixo é moi difícil. Grigori vive agora coa súa nai nun apartamento alugado en San Petesburgo. Estao pagando dando clases particulares.



25 de xan. de 2013

O Infinito

por Andrea López (2º ESO) (*)

O infinito inventouse para expresar números, ecuacións, sentimentos... Unha frase moi famosa de Milan Kundera é: Quen busque o infinito, que peche os ollos. Os seres humanos, nalgún momento das nosas vidas, fixémonos preguntas referentes a este feito: Que é? A onde leva? Pode ser algo real infinito?... Esta é a idea máis extraña que pensou algunha vez o ser humano. O concepto de “infinito” está asociado coa forma de pensar de cada persoa. Para moitos é completamente real e para outros, un xeito de pensar abstracto. 
 
UN NÚMERO INABRANGUIBLE

Desde que aprendemos a contar, e a medida que vamos crecendo, dámonos conta de que os números son infinitos. Raúl Ibáñez, matemático, demóstranos que se dedicásemos as 24 h. do día a contar, sen parar para ningunha necesidade, e vivíramos 80 anos, tendo en conta que tardariamos uns 2 segundos en contar cada número e así serían 30 cifras por minuto, obteríamos 1.261.440 como número máis alto. 

Nós pensamos que nos costa visualizar unha cifra moi alta pero, sen darnos conta, estamos rodeados delas. O universo ten 211 galaxias, o noso corpo ten 1014 células... Podemos inventar números enormes como o levitan, que sería 10^666 e multiplicado por todas as cifras dende esa ata 1. Porén, ese número non sería nada comparado co infinito.

HOTEL INFINITO

Se un hotel ten infinitas habitacións, poderían estar todas ocupadas? A resposta é que si pero non. Se chega un hóspede diranlle que hai unha habitación libre, a número 1 xa que, o que estaba nese dormitorio, podería pasar ao número 2, o do 2 ao 3... e así sucesivamente. Pero, e se chegan infinitos hóspedes? O receptor tamén lle diría que si que había dormitorios libres. O da habitación número 1 pasaría para a 2, a da 2 para a 4, a da 3 para a 6... e así ata que quedaran os dormitorios dos números impares libres, que serían onde se aloxarían os novos hóspedes.

GRANDES NÚMEROS

Na natureza hai números tan grandes que asustan. Por exemplo, o número de partículas no universo está composto por un 1 seguido de 80 ceros aproximadamente, o número de xogadas posibles nunha partida de axedrez é de 10 elevado a 10 elevado a 50 e o número de universos que cremos que hai no “multiverso” é, seguramente, a cifra máis alta que garde algún tipo de conexión coa natureza. Non obstante, fronte ao infinito, todos estes números quedan pequenos.

SÍMBOLOXÍA

O símbolo do infinito naceu no século XVII. Ten un parecido a un oito deitado pero en realidade fai referencia a un símbolo matemático denominado lemiscata de Bernoulli. Antes representábase cun círculo que no ano 1600 a.C simbolizaba un ciclo eterno.

TEOREMA dos MONOS INFINITOS

O teorema dos infinitos monos di que se un mono escribe a máquina, sen parar nin un segundo, e durante un tempo eterno acabaría por escribir a obra de Shakespeare. Esta idea lanzouna un matemático en 1913 e como unha metáfora divertida e agora un programador norteamericano fixo monos virtuais para demostralo e en un mes escribiron un soneto da obra de Shakespeare.

NEWTON vs LEIBNIZ

Leibniz foi o primeiro en publicar un traballo sobre o cálculo, pero Newton xa facía que desenvolvera estes temas 20 anos atrás. Moitos matemáticos ingleses acusaron a Leibniz de plaxio. Ambos os xenios contradixéronse mutuamente e isto acabou sendo unha vergoña para todo o mundo académico.

O TAMAÑO DO UNIVERSO 

No século XVI, o astrónomo e filósofo Iordano Bruno afirmou que o Universo era infinito e que existían outras galaxias que xiraban arredor da nosa estrela, que é o Sol. Isto enfureceu tanto a igrexa Católica que o queimaron, xa que pensaban que o único que podía ser infinito era Deus. Hoxe en día a física explica que o Universo pode ser finito. Unha teoría actual que explica o físico Emilio Eizalde dí que se imaxinamos que todo é bidimensional, ata o Planeta, nos estaríamos na superficie e, no interior desta, sería o pasado. Fóra da franxa, só estaría o futuro. Pero o Universo que vemos non o é todo e iso fai pensar o contrario. Nós só podemos ver o que a luz nos permite e, por iso, non podemos saber con certeza que hai no Universo que non se ve. Ou ben pode ser o futuro, como explica a teoría, ou simplemente sería un universo dos moitos que se puideron formar no Big Bang. O que si saben os expertos con certeza é que a nosa mente é limitada e non podemos saber se o tamaño do Infinito ten algún límite ou non. Talvez nunca cheguemos a sabelo. O que si é certo e que todas as teorías desafían as crenzas e as éticas de calquera persoa e que o concepto “Universo” pode ser finito ou infinito dacordo coa forma de pensar de cada un de nós.



(*) Artigo baseado no capítulo "Los límites del infinito" do programa tres14 de rtve.

18 de xan. de 2013

A Matemaxia de Arthur Benjamin

por Rocío Pérez (1º ESO)

O home que aparece neste vídeo é Arthur Benjamin, aficionado ás matemáticas e tamén á maxia. Para poder gozar das dúas cousas á vez, el mesmo xuntounas e chamoulle Matemaxia.

Benjamin pide voluntarios, para que saian xunto a el, pero cunha condición, que levaran calculadora. Despois de reunilos comeza a Matemaxia. El pide ao público 2 números de 2 díxitos. Despois propón que as persoas que están xunto a el multipliquen eses números por si mesmos (cadrados). Mentres tanto Benjamin observa que a todos lles leva bastante tempo na calculadora. Benjamin aposta que el será máis rápido ca os voluntarios. E diredes que iso segue sendo fácil, non?

Pero a Benjamin non lle chegou, así que sobe e sobe os díxitos ata chegar a 5 díxitos, increíble. Que, iso xa non é tan fácil, ou? Despois de facer a conta perfecta, continua cos dous últimos trucos.

Un deles foi adiviñar un número ao que lle faltaba un díxito e, o outro, o máis increíble para min, foi adiviñar o día en que naceran algunhas persoas do público. Eles decían o ano, o mes e o día...(1,13,24...) e él adiviñaba se era luns, martes.... Foi increíble ese truco, este home é un xenio! E unha cousa máis... para calcular o número de 5 díxitos fíxoo de cabeza, sen calculadora ningúnha, nin sequera lle levou ni un segundo.

A miña conclusión é que este home non necesitaría calculadora nos exames, se todos foramos así...