Amosando publicacións coa etiqueta Normalización. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Normalización. Amosar todas as publicacións

19 de maio de 2014

Festa das Letras Galegas


O venres 16 de maio o EDLG armou unha festa durante as dúas últimas horas de clase dirixida a todo o alumnado do centro. Foi a festa das letras, da pintura, da música e da poesía, aínda que tamén contou cun comezo de entrega de trofeos e diplomas. O acto foi conducido por Rosi Abreu e Andrea Ayaso.



En primeiro lugar, os alumnos Rodrigo González, Manuel Santos e Verónica Viña recibiron os trofeos como primeiros clasificados Torneo de Xadrez IES do Camiño 2014. O torneo foi organizado polo Dpto. de Matemáticas e o Equipo da Biblioteca. Participaron 40 alumnos/as e 4 profesores e xogáronse 100 partidas na fase previa e 16 nas eliminatorias.



A continuación Andrea Ayaso, Xeila Vázquez e Iván Arias (de xira teatral polo sur de España) recibiron o diploma como gañadores do concurso Explícoche Matemáticas 2.0, do que se falará nun próximo post.

Estela Vizcaíno e Claudia Neyra que delegou en Nicolás Vázquez por estar tamén de xira leron as súas Esopías premiadas nos concursos de Agapema e a Fundación Barrié.



Entramos a continuación en materia para render homenaxe a Xosé María Díaz Castro. Escolleuse proxectar un resumo de 10 minutos do sensacional traballo "Telexornal Díaz Castro" realizado polo alumnado do CPI Os Dices de Rois.



A seguir deuse recitado a unha escolma de poemas no que interviu o alumnado da ESO no noso instituto o que nos achegou á obra do autor de Guitiriz.



No noso instituto nunca falla a música, e tivemos a actuación de pandereteiras, gaiteiros e cantareiras. Temos que agradecer especialmente a súa participación porque colaboraron con moi pouco marxe para preparar a actuación. Son artistas de moita calidade e demostrárono unha vez máis.



A sorpresa da xornada veu da man de profesor Toño Núñez e do ex-alumno David, os chamados Transos do Chousa de Velín (*). Recitaron a Díaz Castro e a outros poetas, e interpretaron pezas musicais que van desde Toñito de Poi a Suso Vaamonde. Todo un espectáculo que nos emocionou a todos.



Agradecemos a colaboración a todos e todas, no que un ano máis nos xuntamos para berrar, a nosa maneira, un Viva a Lingua Galega!

(*)  Erroneamente Chan de Valín nunha primeira versión do post

9 de maio de 2014

Finalistas do "Explícoche Matemáticas 2.0"

Despois dun duro traballo, conseguimos rematar o vídeo de 2 minutos de duración para o concurso Explícoche Matemáticas 2.0 que organiza o Servizo de Normalización Lingüística da Facultade de Matemáticas.

Antes de máis, queremos agradecer esta iniciativa, tan necesaria desde que hai uns anos moitos profesores e profesoras tiveron que deixar de explicar matemáticas na nosa lingua a causa do Decreto do Plurilingüismo.

A relación de finalistas amosa un grande nivel nesta edición, e é un orgullo para o noso centro estar presente nela.

Moitos parabéns a Andrea, Xeila e Iván, do noso EDLG, excelentes actrices e actores que nos amosan o seu talento explicándonos dunha maneira orixinal e divertida a diferenza entre crecemento linear e exponencial.

Podedes valorar o seu traballo cun "Gústame" en Youtube.

4 de nov. de 2013

As Matemáticas da Supervivencia do Galego

ENDL

O martes 12 de novembro celebraremos unha nova edición do Día da Ciencia en Galego e participaremos na videoconferencia promovida pola Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística, como fixemos o ano pasado.

Nesta ocasión contamos co coñecido divulgador científico Jorge Mira como protagonista convidado, un luxo para esta xornada.

A súa palestra titúlase "Como medir tamaños e distancias da Terra, a Lúa e o Sol"  e contaranos como fixeron eses gregos para saber o tamaño do mundo que habitamos e calcular a distancia á lúa e o sol e os seus tamaños, usando tan só o bo hábito de observar con coidado o que nos rodea.

Esta convocatoria ten tamén un obxectivo normalizador. Trátase de reflexionar sobre a importancia de valorar a Ciencia como parte da nosa Cultura e como tal, comprendela, expresala e divulgala na nosa lingua, da que estivo separada durante tantos anos.

Jorge Mira participou nun interesante estudo sobre o Futuro da Lingua Galega. Neste estudo facíase unha proxección da evolución do número de falantes en cada lingua. O resultado do modelo matemático é o seguinte:



Aquí deixamos un vídeo de 4 minutos de duración onde explica brevemente as conclusións atinxidas. A seguir propoñemos unhas cuestións para o debate na aula.



Precisas o Flash Player para ver o video.
1. Neste estudo sobre a supervivencia da Lingua Galega, que papel desempeñou Jorge Mira?
2. Segundo os estudos científicos que cita, que acontece cando conviven nun mesmo territorio unha lingua poderosa e unha lingua feble?
3. No caso de Galicia que lingua ocupa cada lugar?
4. Jorge Mira identifica un factor chave para que en Galicia non haxa tal depredación. Cal é este factor?
5. Que porcentaxe de poboación era monolingüe en galego a principios do S. XX?
6. Segundo o modelo matemático, en que ano a maioría dos/as galegos/as falará só castelán? Que opinas deste feito?
7. Jorge Mira sinala que hai marxe para que as dúas linguas convivan. Faríano en pé de igualdade?
8. Expresa con porcentaxes entre monolingüe galego, monolingüe castelán e bilingüe a situación que che gustaría que houbera na Galicia do futuro. Que medidas tomarías para conseguilo?

20 de xuño de 2013

Comedia Bífida

por Xeila Vázquez (2º ESO)

Como xa case todos sabedes, os membros do Obradoiro Municipal de Teatro de Palas de Rei, imos representar unha obra titulada: “Comedia Bífida”. Obra na que levamos traballando pouco mais de medio ano e á que dedicamos tempo, paciencia e moita enerxía. Non só nós, os actores e actrices, tamén o noso profesor Afonso García ao que lle debemos tod@s estes marabillosos anos que leva connosco e que sen el, hoxe non teríamos este tipo de vida. A moitas das persoas que se apuntaron este ano, o teatro cambiounos, son mellores persoas do que eran e ven as cousas doutra maneira. Afonso, dende o dia no que decidimos que esta era a obra elixida, axudounos na preparación do escenario, das vestimentas... Tamén nos axudou a saber controlar os nervios anteriores ás actuacións e a saber desfrutar cando estamos enriba dun escenario sen perder a concentración.

Malia que nos custou aprender os papeis, pois eran moi longos, axiña comezamos a colocarnos ben no escenario e a facer ensaios incorporando músicas, xogos e bailes. “Comedia Bífida” gustounos dende o primeiro momento; cando despois de lela tod@s xunt@s dixemos á vez:

-“Queremos esta obra para nós, gústanos moito.”


Por este motivo estamos tod@s orgullos@s de poder presentala en condicións diante d@s nos@s compañeir@s de clase e do profesorado. Esta obra trata dun xuízo moi particular. Realízase nas portas do ceo e xúlgase ás persoas polo feito de non falar a súa lingua nativa, no noso caso o galego. Como en calquera outro xuízo hai a acusación e a defensa, como tamén hai os mediadores entre os que se encontra o xuíz.
As representantes da acusación son: Quionia Rivas e Xulia Villasante, ámbalas dúas interpretan os papeis de demos. O seu traballo consiste en culpar, con firmes argumentos, @s acusad@s e así conseguir que saian do xuízo perdendo.
Por parte da defensa colocámonos: Patricia Viña e eu. A nosa tarefa é tentar defender @ acusad@ e queremos conseguir  que saian inocentes do xuízo baseándonos en feitos reais.

Como mediadores están Iván Arias e Paula García. Iván interpreta a San Pedro que é o xuíz, polo que é a persoa que máis manda nesa sala. Paula interpreta á axudante de San Pedro. Entre os dous deben dar a palabra á acusación ou á defensa, indicar o que se vai a facer na sala e aclarar as causas das distintas imputacións. Polo feito de seren mediadores non poden estar nin a favor nin en contra d@ acusad@.

Segundo se van sucedendo determinadas accións, van aparecendo nov@s personaxes. Cada un deles tenta defender a súa posición apoiándose na defensa para poder demostrar que, segundo eles, son inocentes. Por exemplo Adrián Paredes interpreta a dous personaxes, dous homes que á vez son moi distintos e moi semellantes, pois os dous son xulgados polo mesmo motivo: “A FALA”. A lingua na que falaron, falan e falarán.

Por outra parte está Míriam Carreira que interpreta a unha “pija” de cidade que nin ela fala o galego nin quere que os seus fillos se molesten e perdan o tempo aprendéndoo e falando pois cre que non ten uso.
Tamén están unhas irmás siamesas que son interpretadas por Aldara Mato e Andrea Vázquez, ambas as dúas están unidas por un ombro. Logo de dar dúas versións contraditorias do seu nacemento tentan exculparse dicindo que son solidarias. Dato do que a acusación toma nota e resalta que cren ser solidarias cando desprezan a lingua galega e adoptan unha nova, no seu caso a lingua tibetana.

Todas as diferentes situacións, dos distintos personaxes, dan lugar a unha confusión divertida, graciosa e sensata que finalmente remata sendo... Non o digo, que así teredes que ver unha das nosas fantásticas obras para saber como remata esta historia de intriga e reflexión lingüística

https://blogger.googleusercontent.com/img/b/R29vZ2xl/AVvXsEhv049-HJeCbSFmdyMwuyZcwqqA2WcTL4ysdp0q1Pn-F02aBj6PmTrpaoRfPEv170ve-xKa6XR5dPUMz2voquhJCIkx69x-tMHV2I-kio19WzjQ6rxQRSd0c79ce3RZlwcpW_FfVTg9Slg/s400/comedia+b%C3%ADfida.jpg

Grazas a esta obra moitos de nós démonos contadas moita inxustizas e desigualdades que se levan a cabo polo feito de falar unha lingua distinta e descoñecida para moitos. Creo que estas desigualdades as levan a cabo aquelas persoas que se senten ameazadas pola diversidade lingüística, algo que non admiten por unha cuestión de medo ao descoñecido. Este tipo de obras fixéronme reflexionar sobre dous temas lonxanos pero que de certo modo se conectan, estes temas son:

O feito de que todas as linguas deben ser mantidas por un simple feito que é a comunicación que nos permiten, como ben di un dos demos nun momento da obra “As linguas son froito da diversidade contra a globalización.” O outro tema é o seguinte:

A natureza leva millóns e millóns de anos seleccionando aos mellores exemplares e a aqueles que eran capaces de adaptarse aos distintos cambios. Polo que dentro de min xorden cuestións ás que non atopo resposta coherente como pode ser: “Por que a natureza deixou no planeta aos que aprenderon a comunicarse por medio das linguas e desprezou aos que non o fixeron ou se comunicaron a través das señas?

Por estes motivo creo que as linguas se deben manter e nós como bos e boas galegos e galegas debemos defender a morte a nos lingua e temos a obrigación de falala e de sentirnos orgullosos desta nosa lingua e do fermosa que é.  Para rematar quero recordarvos a tod@s vós que malia que o inglés está ben para poder marchar ao estranxeiro non debemos esquecer de que cantas máis linguas se manteñan e durante mais anos maior será a variedade cultural. E que quede claro que o galego e as demais linguas están á mesma altura pero o galego está pasando por unha época de desuso; é pois que sacamos como conclusión que todas as linguas serven para comunicarnos dende os mais velliños ata a ultima xeración de raparigos informatizados.

13 de xuño de 2013

A Lus do Mundo


"A Lus do Mundo"  é un documental realizado polo alumnado do IES Poeta Díaz Castro de Guitiriz para conmemorar o 100º aniversario do nacemento de Xosé María Díaz Castro, nado na parroquía dos Vilares do dito concello chairego.

Mediante este traballo, preténdese divulgar a figura do poeta entre toda a comunidade educativa do centro, entre veciños/as do concello e en toda Galicia.

Neste documental interveñen dúas figuras fundamentais que coñecen moi ben a Díaz Castro e ao centro educativo ao que lle dá nome. Alfonso Blanco e Marica Campo impartiron aulas durante moitos anos no instituto de Guitiriz e agora colaboran para promocionar a súa candidatura a ser homenaxeado no Día das Letras Galegas 2014.

A obra fundamental de Díaz Castro é o poemario Nimbos, e o seu poema cumio Penélope. Moitos expertos/as coinciden en valorar a extraordinaria calidade dunha poesía que en vida non foi convenientemente exposta. Cómpre a súa difusión e dende o noso Ciencia no Camiño apoiamos a candidatura deste poeta veciño. Deixamos aquí os seus versos máis celebres:

Un paso adiante e outro atrás, Galiza,
 i a tea dos tesus sonos non se move. 
A espranza nos teus ollos se esperguiza. 
Aran os boi e chove

Penélope - Nimbos


Gozade do vídeo e da súa sensacional banda sonora:


8 de maio de 2013

1 Hectárea, 16 Ferrados

por Noelia García Gavieiro (1º ESO)

Na clase de Ciencias Naturais estamos estudando a medida da materia e, xunto coa de Matemáticas, traballamos os cambios de unidades fixados polo Sistema Métrico Internacional. Pero non todo é SMI:

O Ferrado  é unha medida de superfice que existe en Galicia e que se corresponde cos metros cadrados de terreo que fan falta para encher o antigo ferrado de madeira con trigo.

Ferrado de Madeira
Serviu en épocas pasadas como indicador da calidade dos terreos destinado ao cultivo, de forma que a maior cantidade de metros cadrados que teña un ferrado menor productividade de terreo.

Cada concello conta cunha medida. En Palas mide 604m2, ao igual que nos concellos da comarca da Ulloa (Antas e Monterroso).


Preguntándolle a familiares e veciños que cantos m2 ten un Ferrado, todos me dixeron que 1 Hectárea son 16 Ferrados o que equivale a 10.000m2. Pero ningún me soupo dicir cantos  m2 ten 1 Ferrado. Tamén me dixeron que 17 kg de semente de millo son un Ferrado, e que 13 kg de pan ou trigo tamén son un Ferrado.

Sabemos que a xente di que 16 ferrados é igual a unha Hectárea, pero, que temos que  facer para comprobalo?

Multiplicamos 604m2 , que en Palas equivalen a un ferrado, por 16 que son os ferrados que, seica é unha Hectárea, o que nos dá un total de 9.664m2.

Se llos restamos a 10.000m2 que son os metros cadrados aos que equivale 1 Hectárea danos un total de 336m2.

Hectárea-------------------------------100m2 x 100m2 =10000m2
                                                                            -9664m2  (16 ferrados en Palas)
                                                                            336m2

Faltan 366m2 para que no caso de Palas, 604m2, sexa 1 Ha. Así que o saber popular é moi valioso pero algo inexacto.

Deixamos aquí unha táboa coa extensión de cada concellos que recollimos da web EduGaliza.

Vemos que no veciño concello de Guntín un Ferrado ten 436 m2, bastante menos que en Palas, así que se unha de Guntín intenta venderche un terreo, tes que andar con moooito coidado.

Abadín 504
Abegondo 436
Agolada 536
Alfoz 714
Ames 639
Antas de Ulla 604
Aranga 436
Arbo 437
Ares 548
Arteixo 444
Arzúa 536
Baiona 539
Baleira 714
Baña (A) 528
Barreiros 714
Becerreá 578
Begonte 525
Bergondo 436
Betanzos 436
Boimorto 536
Boiro 484
Boqueixón 639
Bóveda 489
Brión 500
Bueu 472
Cabana de Bergantiños 524
Cabanas 548
Caldas de Reis 629
Camariñas 424
Cambados 629
Cambre 444
Campo Lameiro 629
Cangas 472
Cañiza (A) 437
Capela 548
Carballedo 629
Carballo 524
Cariño 444
Carnota 400
Carral 444
Castro de Rei 629
Castroverde 496
Catoira 629
Cedeira 509
Cee 436
Cerceda 639
Cerdido 509
Cervantes 553
Cervo 725
Cesuras 436
Chantada 629
Coirós 436
Corcubión 424
Corgo (O) 436
Coristanco 524
Coruña (A) 444
Cospeito 525
Covelo 264
Crecente 437
Culleredo 444
Cuntis 629
Dodro 420
Dozón 536
Dumbría 424
Enfesta 639
Estrada (A) 629
Fene 548
Ferrol 509
Fisterra 424
Folgoso do Courel 436
Fonsagrada (A) 507
Forcarei 500
Fornelos de Montes 74
Foz 714
Frades 636
Friol 436
Gondomar 541
Grove (O) 629
Guntín 436
Incio (O) 559
Irixoa 436
Lalín 536
Lama (A) 217
Láncara 629
Laracha (A) 524
Laxe 524
Lourenzá 638
Lousame 420
Lugo 436
Malpica de Bergantiños 524
Mañón 548
Marín 472/504
Mazaricos 424
Meaño 629
Meira 514
Meis 629
Melide 536
Mesía 603
Miño 548
Moaña 472
Moeche 509
Mondariz 432
Mondoñedo 612
Monfero 548
Monforte de Lemos 489
Monterroso 604
Mos 497
Moraña 648
Mugardos 548
Muras 548
Muros 335
Muxía 424
Narón 509
Navia de Suarna 650
Neda 509
Negreira 528
Negueira de Muñiz 507
Neves (As) 629
Nigrán 541
Nogais (As) 621
Noia 420
Oia 402
Oleiros 444
Ordes 639
Oroso 639
Ortigueira 444
Ourol 548
Outeiro 436
Outes 396
Oza dos Ríos 436
Paderne 436
Padrón 420
Palas de Rei 604
Pantón 489
Paradela 559
Páramo (O) 559
Pastoriza (A) 504
Pazos de Borbén 74
Pedrafita do Cebreiro 578
Pino (O) 536
Pobra do Brollón (A) 465
Pobra do Caramiñal (A) 484
Poio 629
Pol 496
Ponteareas 437
Ponte Caldelas 629
Ponteceso 524
Pontedeume 548
Pontenova (A) 504
Pontes de García Rodríguez (As) 548
Pontevedra 629
Porriño (O) 497
Portas 629
Porto do Son 480
Portomarín 671
Quiroga 465
Rábade 436
Redondela 69
Rianxo 484
Ribadeo 612
Ribas de Sil 465
Ribeira 484
Ribeira de Piquín 514
Riotorto 504
Ribadumia 629
Rodeiro 536
Rois 424
Sada 436
Salvaterra de Miño 437
Samos 559
San Sadurniño 509
Santa Comba 528
Santiago de Compostela 639
Santiso 536
Sanxenxo 629
Sarria 629
Saviñao (O) 559
Silleda 536
Sober 484
Sobrado 536
Somozas (As) 509
Soutomaior 64
Taboada 604
Teixeiro 536
Teo 639
Tomiño 629
Toques 536
Tordoia 639
Touro 536
Trabada 638
Trazo 640
Triacastela 430
Tui 497
Valadouro (O) 714
Valdoviño 509
Valga 629
Vedra 639
Vicedo (O) 548
Vigo 541
Vilaboa 629
Vilagarcia de Arousa 545
Vilalba 546
Vilamaior 548
Vilanova de Arousa 629
Vilasantar 536
Vimianzo 424
Viveiro 548
Xermade 525
Xove 725
Zas 42



25 de feb. de 2013

Celebrando o Día de Rosalía

polo EDLG

Este ano 2013 conmemoramos o 150 aniversario da publicación de Cantares Gallegos (baixa a edición facsímil) de Rosalía de Castro, a nosa máis grande escritora. Este acontecemento é trascendental para a historia da literatura galega e, en xeral, da nosa lingua, xa que se considera que pon fin aos Séculos Escuros e marca un rexurdir do galego como lingua viva para alén dos usos populares nos que foi recluída durante tantos anos.

A figura de Rosalía segue a ser estudada e interpretada na actualidade. Na forza dos seus versos xúntanse moito máis do folclore sentimentalista no que foi situada. 

Rosalía foi unha loitadora do seu tempo, rebelde contra as inxustizas sempre do lado dos desfavorecidos, a favor da causa das mulleres e da lingua galega, para a que reiniciou a súa Historia.

No noso centro educativo sumámonos aos actos propostos pola Asociación de Escritores en Lingua Galega e ao seu manifesto reivindicativo.

Xunto coas actividades desenvolvidas nas aulas, expuxemos no recibidor do noso centro unha escolma de poemas dos Cantares para nos seguir enchoupando da súa enerxía 150 anos despois.


Dende o EDLG pedímosche que participes nesta celebración deixando a túa pegada nun comentario, escribindo uns versos de Cantares Gallegos (aquí a versión en html):

23 de xan. de 2013

Os Pormpuraaw e todas as linguas

por Xeila Vázquez (2º da ESO) (*)

Diferéncianse tanto dúas persoas que falan diferentes linguas?

A priori non, pero se aprofundamos na mente de cada unha veremos neste artigo que si. É certo que pese a falar diferentes linguas a mente que se forma en todas as persoas é, en certa medida, similar, pero diferenciámonos na nosa forma de vivir e nos nosos costumes. Que ocorre co funcionamento básico da nosa mente?

Os nosos encéfalos constrúen realidades distintas e o idioma que falamos pode determinar esas realidades. Por exemplo: os esquimós teñen máis de 20 nomes para o que nós chamamos “neve”. Investigacións recentes sacaron á luz o curioso caso dos Pormpuraaw.

Os Pormpuraaw son unha comunidade aborixe situada no norte de Australia cunha extraordinaria capacidade de orientación. Tanto ao desprazarse como no interior das súas casas sitúan con facilidade os puntos cardinais. A razón disto parece que está na lingua na que falan. Utilizan os puntos cardinais como referencia para indicar a posición das cousas (“chuta forte o balón e méteo polo noroeste”). Isto obrígaos a estar sempre pendentes da súa localización espacial. Esta particularidade lingüística fai que os Pormpuraaw se orienten moi ben, pero tamén inflúe na maneira de entenderen o paso do tempo. Para eles un dia é o percorrido diario do Sol.

Un dos experimentos levados a cabo foi pedirlles que colocasen unha serie de fotos nunha mesa. Para a sorpresa de todos, ningún deles as colocou de igual xeito, todos de diferentes maneiras, sen seguir ningún tipo de patrón, agás o de as colocar de Este a Oeste.

Resulta sorprendente como unha simple variante lingüística pode influír na idea do paso do tempo e na orientación. Un motivo máis para aprender idiomas e coidalos é que ao aprendermos novas linguas, as nosas capacidades cognitivas melloran. Canto antes se realice a aprendizaxe a mellora será máis intensa.

Agora esta de moda o inglés. Se non o falas ou non o entendes, practicamente non tes futuro. Pola miña parte creo que todas as linguas son igual de importantes e deberíanse coidar máis. Moitas delas están a desaparecer por non ter quen as fale, como esta a pasar coa lingua galega. As persoas novas non o queren falar porque din que non é moi fino e as persoas maiores están a morrer e estase deixando de falar o galego.

Aquí en Palas de Rei case non se dan eses casos xa que en todas as aldeas se fala galego e agás algunha xente que fala o galego só na casa, todos falamos o galego. As linguas non se poden deixar de falar. Ao desapareceren tamén desaparecen as culturas e dun xeito ou doutro van unidas e son moi necesarias as dúas, sobre todo as linguas. Forman parte da nosa identidade e o noso desenvolvemento mental. Se todas a linguas desaparecesen (agás unha) e tamén desaparecesen todas as culturas, seríamos todos iguais, sen personalidade, coa mente sen desenvolver. Por iso debemos coidar as nosas linguas e culturas. E, por suposto, cantas máis linguas saibamos máis fácil será a aprendizaxe da seguinte!



(*) Este artigo está baseado no capítulo "A linguaxe" do libro Neurociencia para Julia do divulgador científico Xurxo Mariño.

Unha curiosa muller galega


por Manuel  (1º BAC / EDLG)

O luns 17 de decembro, o programa Pensando en ti, conducido daquela por Alberto Freire, recibiu unha chamada dunha “ferrolá” un chisco especial. A susodita, de nome Amalia, chamou para dar unha queixa, segundo ela dixo. Trataba sobre o mal uso que facía o presentador da lingua galega. A ferrolá expuxo que era de mala educación que á orquestra Los Españoles lles falara en galego cando eles non tiñan porque entendelo. A isto Alberto respondeulle que o vehículo de comunicación da Radio Galega era o galego como é de supoñer, pero Amalia cunha tremenda mala educación non o deixou terminar e seguiu coa súa teima dicindo que o castelán era o idioma de todos e a ela o Sr. Freire debíalle falar en castelán. Para ilustrar a afirmación puxo un exemplo, non sei se inventado ou un pouco cutre.

Ao parecer o Presidente da Xunta de Galicia Sr. Feijóo (segundo ela seu amigo) cando ía a Ferrol, faláballes o castelán porque sabía que a xente de alí non o entendía porque non o estudara e ademais non tiñan interese en facelo. O presentador coméntalle que moi mal non ter interese en estudalo porque saber idiomas enriquece culturalmente á xente. Amalia, chea de carraxe, contéstalle dicíndolle que lle vai escribir unha carta á Xunta pero o presentador coa retranca necesaria nestas situacións, dille que se quere pode escribirlle a carta a Rajoy ou incluso á Unión Europa. Aquí a ferrolá replícalle que ela coñece ao Presidente da Xunta e vai ser a el a quen lle escriba a carta. Ao final a señora colgou o teléfono cando o presentador intentaba contarlle que o que hai que facer é unir, non destruír.

Isto na Radio Galega xerou que as sucesivas chamadas de xentes de Ferrol para aclarar que moitos non sabían falar galego pero entendíano e que esta señora todo o que dixera foran calumnias.

Segundo a miña opinión, Amalia comportouse como unha auténtica inculta non só xa por lle dicir á xente o idioma que debe falar senón por chamar a Radio Galega na que se fala o galego e descargar a súa carraxe contra unha persoa, neste caso Alberto Freire, que non fixo nada para merecer as palabras que esta “ferrolá” lle adiucou. Isto débese a que algunhas persoas se creen superiores por falar o castelán, cando isto en realidade é un PREXUÍZO e ven dado porque anos atrás, no Franquismo, cando se produciu unha diglosia e o castelán era a lingua forte de poder e o galego era a lingua débil que quedou relegada ao uso familiar e cotiá. Estes prexuízos acostuman ser típicos da xente maior que estudou o castelán por ser a lingua da “Nación” e parécelle que por falalo nos tempos actuais é superior aos que falan galego pero isto eu vexo como unha parvada porque como ben dixo Alberto Freire en repetidas ocasións, cada un fala no que lle guste ou no que lle pete e non se debe discriminar pola lingua que empreguemos. Amais, esta señora intenta que o presentador fale en castelán cando el dixo que debe falar galego porque lle gusta e está no seu contrato.

Eu a Amalia recoméndolle que escoite outra radio e que se deixe de facer parvadas e de comportarse dunha maneira caprichosa porque supoño que xa terá unha idade.


20 de xan. de 2013

Descubrindo a Curuxás


por Pablo (1º ESO / EDLG)

Ramón Rodríguez Varela máis coñecido como Curuxás, naceu en Vilouriz (Toques) en 1904. Morreu no Freixeiro (Palas de Rei), o 14 de maio de 1967.

Antigo lexionario, foi mineiro nas minas de wolframita (unha mena de wolframio que estudamos na clase) de San Fins, en Lousame. Alí, no CPI Cernadas de Castro recórdano no seu blog. Pertencía ao sindicato anarquista da CNT. O seu primeiro acto de rebeldía foi roubar as nóminas da mina onde traballaba, en 1937. En 1941 escapou da súa casa familiar porque o foi buscar a Garda Civil e matou a un cabo deste corpo. A partir de aí xuntouse coa xente dos arredores de Palas de Rei que lle axudaron a construír escondrexos por todo o monte do Careón. Xesús un compañeiro de clase e veciño do lugar onde estivo agochado Curuxás explícanos nun artigo como chegar a ese escondrexo. Ademais de coñecer todo o monte do Careón como a palma da súa man, contaba coa axuda de todos os veciños dos arredores, un deles era o padriño de Xesús, que coñeceu a Curuxás un día de treboada no Careón. 

Todo comezou cando o padriño de Xesús estaba co “forestal” cando, de súpeto, comezou a chover, eles sabían dun palleiro cercano, onde foron para regardarse da chuvia. Chegou primeiro o padriño de Xesús ao palleiro, porque era máis novo ca o “ forestal” e corría máis, sorprendeuse moito ao ver que alí estaba aquel home, el só o coñecia de vista, pero os rumores que había pola vila acerca de Curuxás non eran moi bos así que colleu medo e deuse media volta para marchar. Xusto nese momento, Curuxás ao darse conta de que o rapaz collera medo ergueuse e dixo “tranquilo podes quedar aquí que non che vou facer mal ningún”. A partir daí fixéronse moi bos amigos. En 1947 abandonou as armas pero o réxime de Franco seguiuno perseguindo ata que en 1967 morreu por causas naturais. Sempre permanecerá na historia, o único guerrilleiro que escapou de Franco e é de aquí da nosa terra. Chamábanlle CURUXÁS. 

 

Tras a pegada de Curuxás.

por Xesús (1º ESO / EDLG)

Para chegar a casa de Curuxás hai que seguir os seguintes pasos:

Saes de Palas de Rei dirección Norte cara Friol. Pouco despois de Filgueira colles o desvío cara San Xorxe de Augasantas. A altura de Maceda, xiras dirección Felpós, hai que pasar Felpós, o Castelo e San Fiz de Moredo e comezar a subir a costa ata chegar ao Hospital de As Seixas. O primeiro cruce a man esquerda por medio da aldea, segues todo recto ata chegar ao monte Careón. Antes de subir a costa hai unha pista de terra a man esquerda, colles esta pista de terra, baixas por ela abaixo ata chegar onde se acaba a pista que é onde está casa chamada Casa do Coteno onde de vez en cando durmía Curuxás para non molestar aos da outra casa. Alí tomei a seguinte foto.


Ao pé desta casa hai o camiño que se ve nesta outra foto. Tes que baixar por el abaixo. Se o segues chegas directo a casa de Curuxás.

 
Esta é a entrada á casa, como ves, algo inaccesible.

 
Como podes ver esta foto xa é dentro da casa que é o que se chama o Curro e está cheo de silvas.

 
Por último, móstroche unha cova impresionante, aquí podería ser onde se agochaba Curuxás. 


Ésta experiencia foi moi divertida. Buscando o cuarzo do Careón, chegamos a casa dunha das figuras míticas do noso concello: o Curuxás!

16 de dec. de 2012

E a ti, que che gusta?


O alumno Iván Arias, membro do Equipo de Dinamización Lingüística do centro, achéganos un completísimo artigo sobre a campaña "Gústame... o galego!" da CTNL de Galicia. Ao final do mesmo cóntanos o porqué de que a el tamén lle guste o galego, facendo parte así desta iniciativa normalizadora.

Nesta campaña, cada participante debía seleccionar un motivo dos que aparece na listaxe desta imaxe (preme para ampliar):


Propoñémosche que escollas a túa frase e que a engadas como comentario identificándote co teu nome e curso. Encheremos o blog de motivos polos que, neste instituto, tamén nos gusta o galego!

Gústame... o galego!

por Iván Arias (3º da ESO)

A  creación galega amosouse na Culturgal (a feira das industrias culturais), que se celebrou este ano en Pontevedra dende o día 30 de novembro ata o día 2 de decembro, na que a CTNL (Coordinadora de Traballadores de Normalización da Lingua) puxo en marcha a campaña Gústame o galego. Na Culturgal promovíanse todo tipo de estilos de música, diversos tipos de literatura, artes escénicas, novas tecnoloxías, etc. pero todo isto na nosa lingua, o galego.
Todos os que participan nesta campaña poden engadir aos seus amigos, ou seguir, a Gústame o galego tanto en Twitter (www.twitter.com/gustameogalego) como en Facebook (www.facebook.com/gustameogalego).

En Twitter pódese seguir en @gustameogalego. As persoas que participaron ou participan nesta campaña poden utilizar o hastag #gustameogalego.

En Facebook a páxina de Gústame o galego fala do mesmo que en Twitter, en ámbalas dúas redes sociais aparecen imaxes nas que persoas, famosos/as ou non, participan nesta campaña con enunciados como: “gústame xogar en galego” ou “gústame o seseo (e a gheada e o rotacismo…)”.

Algúns famosos que participaron nesta campaña foron: Luis Tosar (que lle gusta xogar en galego), Xavier Alcalá (que lle gusta que as mates, a ciencia, a tecnoloxía… sexan en galego), Xosé Manuel Beiras (participando con: gústame que intentes falar galego, aínda que che custe un pouquichiño), Alfredo López (coa frase gústame o galego con acento africano), etc...

A min, persoalmente, o enunciado que máis me gusta é “Gústame que se faga xustiza co galego”. A razón de que me guste este é, principalmente, para destacar que o galego está ausente en moitos aspectos da nosa comunidade autónoma, Galicia, por exemplo no cine escasas veces hai películas en galego, queren sacar o galego dalgunhas materias no colexio como en Tecnoloxía, Matemáticas,… (de feito, xa o quitaron) cando o galego é un idioma e, por iso, témolo que respectar (e disfrutar) aínda que sexamos falantes doutro.


 A comunidade educativa do IES de Palas de Rei quere acompañar a Iván nesta campaña. Faino deixando a súa pegada no artigo e a ti, que che gusta?.

20 de nov. de 2012

Vocabulario Matemático Multilingüe

Achegamos o Vocabulario Matemático Multilingüe (galego-español-inglés-portugués) editado en 1995 polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela, coordinado polo profesor Xosé Masa e que ten esgotada a súa edición impresa.

Tamén podes descargar o documento en formato DOC premendo na imaxe.



Este Vocabulario Matemático tivo unha grande importancia no seu momento e non só por ser o primeiro que incluía a nosa lingua. Constitúe unha referencia imprescindible para explicar e resolver certas dúbidas sobre a escolla da forma galega para tecnicismos de raíz matemática. Con el, o galego faise presente e visible como lingua válida para todas as áreas da Ciencia.

Dende o EDLG esperamos que vos sexa de grande utilidade, tanto a profesorado como alumnado para podermos abrir todas as cancelas que lle foron pechadas a nosa lingua.



Para alén do Vocabulario Matemático achegamos estas tres ferramentas:

7 de nov. de 2012

Magosto 2012

O venres, 9 de novembro, ás 10:15h celebraremos o Magosto do noso centro.
Achegamos o programa. Boa festa e bo proveito!

PROGRAMA

1º / CARREIRA DE CASTAÑAS CON CULLER: Cada clase estará representada por unha parella (rapaza-rapaz). Inicia o percorrido o rapaz nunha esquina do campo e ten que levar unha culler en cada man e en cada culler unha castaña. O rapaz entregaralle o relevo á rapaza, que estará agardando no medio do campo. A rapaza que primeiro chegue  á meta coas castañas nas culleres será a ganadora. Se a algún compoñente da parella lle cae unha castaña ó chan, queda eliminada esa parella. A parella de profesores/as participa sen dereito a premio.

2º / O COMECASTAÑAS: Cada clase estará representada por unha parella distinta da que participou na actividade anterior. Cada integrante da parella disporá de 10 castañas e terá que intentar meter o máximo nº de castañas no comecastañas (caixa de cartón). O resultado final da parella será a suma das castañas metidas no comecastañas polos dous membros da parella. A parella de profesores/as participa sen dereito a premio.

3º / O BAILE DA CASTAÑA: Outra vez, cada clase estará representada por unha parella, sempre distinta. Agora a vitoria levaráa a parella que aguante máis tempo bailando cunha castaña que deberán suxeitar o bailador e a bailadora coas súas frontes. A parella de profesores/as participa sen dereito a premio.

4º / SORTEO  “O CASTAÑAZO”: Quen queira participar neste sorteo deberá mercar unha ou máis rifas (1€ rifa). A quen lle toque a rifa premiada levará o 25% do recadado;  o resto ( o 75%) doaráselle á Comisión Organizadora da Excursión de Fin de Curso.

5º / CANTIGAS DO MAGOSTO:

a) @s alumn@s de 1º de ESO cantarán a canción “Non chas quero, non chas quero...”. Como é moi fácil e coñecida, poderemos acompañalos tod@s @s que queiramos.



b)    Canción de desafío á maneira tradicional. Desta volta, as rapazas e os rapaces de 2º de ESO botaranse unhas cantiguiñas con moito enxeño e “agarimo”. Aquí, ós mais tócanos escoitar para entendermos ben as cousas guapas que se din as unhas ós outros e os outros ás unhas; pero, en chegando ó retrouso, ben fácil e coñecido tamén, podemos cantar tod@s @s que queiramos, como na peza anterior.

6º / COMEMOS AS CASTAÑAS ASADAS.

VIVA O MAGOSTO!!!

Premios do Audiovisual nas Aulas

Onte 6 de novembro foron entregados os Premios do Certame Cinema OUFF Escola 2012 que recoñece aos mellores proxectos audiovisuais escolares do ano.

Na categoría de Secundaria e outros niveis de ensino non universitario, o gañador foi o traballo Eu falarei!, presentado polo IES Chapela (Redondela, Pontevedra). O IES Manuel García Barros (A Estrada, Pontevedra) fíxose co segundo premio grazas a Pedigree, mentres que na peza Luz, do Colexio María Asumpta (Noia, A Coruña) recaeron outros dos galardóns desta categoría: o Premio Blanco Amor ao mellor guión e o Premio do Público. Finalmente, Unha cuestión de educación, do CPI Virxe da Saleta (Cea, Ourense) recibiu mención especial do xurado.

Nesta cuarta edición do Certame OUFF Escola participaron un total de 57 proxectos que poden verse no web oficial www.ouff.org.

Queremos dar os parabéns a todos os galardoados, en especial ao IES de Chapela polo seu espectacular traballo Eu falarei!. Este proxecto normalizador é todo un modelo de experiencia educativa. Un traballo en equipo que envolveu a toda a comunidade do centro e que leva xa máis de 30.000 visitas en youtube. Que cunda o exemplo do Berete!




Momento da entrega do Premio: