Amosando publicacións coa etiqueta recitandocelsoemilio. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta recitandocelsoemilio. Amosar todas as publicacións

14 de dec. de 2012

Mensaxe da CGENDL


A Coordinadora Galega de ENDL, organizadores do evento mundial #recitandocelsoemilio achéganos esta mensaxe. Aquí ficamos orgullos@s de compartir con tanta xente esta inesquecible xornada:
 <<
Logo da multitudinaria festa colectiva de recitandocelsoemilio , desde o consello directivo da CGENDL só podemos, co corazón na man, mandarvos unha forte aperta de gratitude:

Para os equipos de normalización que convertestes unha pequena semente nun froito maduro.

Para todo o profesorado que lle deu forma a este proxecto, máis alá da indiferenza, o desánimo ou a apatía, e deseñou vídeos, melodías e pancartas que nos fixeron soñar.

Para todos os membros da comunidade educativa que acudistes a esta chamada e cantastes en voz alta eu fáloa porque si, porque me peta.

Para todas as bibliotecas, clubs de lectura, asociacións veciñais e culturais... que fixestes da palabra de Celso Emilio Ferreiro unha chamada á esperanza activa.

Para todas as institucións que non perderon o ritmo dos tempos, e sumaron voces.

Para cada un de vós, que facedes día a día a Coordinadora e seguides afirmando que nos gusta o galego, porque si.

E, sobre todo, para @s trinta e mil alumnas e alumnos de Galicia que onte rapearon, berraron, corearon e versionaron a Celso Emilio Ferreiro, o poeta de Celanova.

Un millón de grazas por tanto entusiasmo.
 
Consello Directivo
Coordinadora Galega de ENDL
http://www.coordinadoraendl.org 

>>

Grazas a vós por este inmenso traballo! Grazas polo compromiso cun Ensino de Calidade que si sabe, como dixo Celso Emilio, afirmarse no amor dos devanceiros.

EDLG do IES do Camiño de Palas de Rei 

13 de dec. de 2012

Recitando CEF en "EL Progreso"

O #recitandocelsoemilio do noso centro tivo hoxe unha referencia no xornal "El Progreso".

Aínda que lle dedicaran toda a páxina a este evento, e por moi bos xornalistas que foran, non serían quen de arrombar todas as emocións vividas durante esa hora no Salón de Actos.

O traballo mostrado foi espectacular, en todos os niveis (de 1º da ESO a 1º de BAC) e en todas as modalidades (canto, recitado, tuiteado). Non teremos paciencia para esperar outros 100 anos e repetir unha xornada similar.

Velaí tedes a noticia: (preme para ampliar)

12 de dec. de 2012

Isto foi o RECITUITEADO

Con motivo da inesquecible xornada do 12/12/2012, montamos unha actividade en Twitter denominada O Recituiteado que pretendía complementar o conxunto de achegas dos máis de 200 centros educativos envoltos no evento #recitandocelsoemilio.

Xa tiñamos algo de experiencia con Tuiteando Partículas, e estamos moi satisfeitos do resultado desta segunda xeira. O hashtag iesdepalas atinxiu os 75 tuits e foi a 5º palabra máis usada entre todos os participantes. Alén diso, 5 rapazas e 1 rapaz do noso centro situáronse no top 25 dos tuiteiros/as máis activos deste evento mundial (chegaron tuits de todo o mundo!).

Parabéns a Andrea, Xulia, Miriam C., Miriam S., Fani e Carlos polo seu traballo. Aquí deixamos o primeiro recituiteado en lingua galega:

11 de dec. de 2012

Así viviremos #recitandocelsoemilio


O 12/12/2012 artellamos dende o equipo de dinamización unha actividade na que lembraremos ao grande poeta Celso Emilio Ferreiro no centenario do seu nacemento. Como xa comentamos nunha entrada anterior, o evento envolverá a alumnado e profesorado de todos os niveis e todas as áreas coa mínima incidencia no desenvolvemento normal das aulas. Sumámonos así aos outros 200 centros educativos, asociacións, bibliotecas,...que en colaboración participan desta xornada.

Estaremos recitando Celso Emilio dende as 11:30h ás 12:30h. O programa, debullado por cursos, é o seguinte:

11:30h Uxía de 1º de BAC acompañada á guitarra por Xabier cantará Moraima. 
11:35h 5 alumn@s de 1º BAC recitarán: María Soliña, Irmaus, Eu en Ti, Longa Noite de Pedra, Saudade e Gaita Irreal. 
11:50h 2 alumn@s de 4º de PDC recitarán: Proclamei os meus Veciños e Poema Nuclear. 
12:00h Alexandre de 1º BAC será a nosa voz no recitado simultáneo de Deitado Frente ao Mar. 
12:05h 5 alumn@s de 2º ESO recitarán: Epitafio a unha Bandeira, O Hincha, O Soño do Neno, O reino e Nota Necrolóxica. 
12:15h 5 alumn@s de 1º ESO recitarán: O Sapo, Primavera Inútil, O Precursor, Infanza e Eiquí Será. 
12:25h Un coro de profes voltarán a cantar Moraima, pechando este acto circular.

Ademais disto:
  • Radio Palas gravará as actuacións para a súa inclusión nos informativos.
  • 2 tuiteiras de 4º da ESO retransmitirán todo o evento por Twitter cos hashtags #recitandocelsoemilio #palas.
  • 4 tuiteir@s de 4º da ESO recituitarán ás 12h Deitado Frente ao Mar facendo presente as palabras do poeta tamén nas redes sociais.
... e de maneira experimental:
  • Emitiremos dende o Salón de Actos ao vivo e a través deste blog toda a actividade vía streaming. Usaremos unha webCam, un proxector, micrófonos, músicas de fondo,... Abriremos a conexión ás 11:25h.
  • O alumnado que non participe directamente poderá seguir, a vontade do profesor/a, o traballo dos seus compañeir@s por internet dende as súas aulas.
  • Gravaremos cunha cámara de mellor calidade para despois compartir o vídeo xa en diferido.

Todo isto é posible grazas o traballo conxunto de todo o centro. Dende o EDLG agradecemos inmenso todo o apoio recibido. Será un día inesquecible.


30 de nov. de 2012

Recitando Celso Emilio

O día 12 do decembro a Coordinadora de ENDL convócanos a unha homenaxe ao grande poeta Celso Emilio Ferreiro no 100 aniversario do seu nacemento. O acto central desta xornada será o recitado simultáneo ás 12h dun dos seus poemas máis coñecidos Deitado frente ao mar de Longa noite de Pedra.

Dende o EDLG do IES do Camiño de Palas de Rei queremos unirnos a esta xornada e que tanto alumnado como profesorado se anime a recitar ou cantar algún poema entre as 11:30h e as 12:30h.

A resposta do alumnado foi moi boa, e van ter que quedar moit@s voluntari@s sen tempo. 5 alumn@s de cada curso irán baixando ao Salón de Actos cada un co seu poema previamente seleccionado e voltarán as aulas unha vez teñan finalizado. Con isto queremos interromper o mínimo posible o normal decorrer das clases.

No Salón de Actos disporemos dun micrófono con pé, a pantalla proxectando o nome e poema de cada alumno/a e unha webcam que gravará toda a actividade.
Temos preparada tamén a emisión ao vivo do evento vía streaming utilizando a plataforma ustream.tv, aínda que intentaremos mellorar a calidade da conexión para que finalmente a retransmisión sexa posible.

Ás 12h Alexandre de 1º de BAC representará ao noso centro neste recitado simultáneo. Querémoslle agradecer especialmente o seu compromiso e mandarlle todos os nosos folgos para que goce ao máximo deste momento.

Por último, completaremos a xornada deixando ás 12h a pegada de Celso Emilio Ferreiro no Twitter a través da actividade Recituiteando Celso Emilio.


Ilustración: proxecto Audiovisual IES As Barxas de Moaña



29 de nov. de 2012

Recituiteando Celso Emilio

Dentro do conxunto de actividades a desenvolver no noso centro enmarcadas no evento Recitando Celso Emilio destaca unha polo seu carácter innovador: o RECITUITEADO.

Tal e como fixemos na actividade Tuiteando Partículas, toca agora facer que a voz de Celso Emilio se escoite no Twitter, un dos medios máis utilizados na actualidade polo noso alumnado.

Nesta xornada do 12/12/2012 onde se conmemora o 100 aniversario do seu nacemento, ás 12h e coincidindo co recitado simultáneo do poema Deitado Frente ao Mar, nós achegaremos, ademais, o seu recituiteado. Un grupo de 5 tuiteiras e 1 tuiteiro completará en orde inverso os seus 34 versos utilizando o hashtag oficial #recitandocelsoemilio e outro hashtag propio para recompoñer o poema unha vez finalizado.

Neste traballo en equipo, cada tuiteiro terá que dar paso coordinadamente ao seguinte membro tendo moita conta de non mesturar os versos e que a composición final sexa a que deixou para a posterioridade o poeta de Celanova.

Hoxe no tempo de lecer fixemos unha proba. Este foi o resultado (clic para ampliar):