Amosando publicacións coa etiqueta Día da Ciencia en Galego. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Día da Ciencia en Galego. Amosar todas as publicacións

11 de dec. de 2013

VideoConferencia de Jorge Mira

EDLG

Xa temos dispoñible a videoconferencia do Día da Ciencia en Galego deste ano. Como recordaredes o protagonista foi Jorge Mira, que nos falou de como se medían na Grecia Clásica as distancias entre Terra, Lúa e Sol.

Este tema encaixa moi ben con dous artigos redactados neste blog, o de Rocío Pérez e o de Richard Teixeira.

Sorprendeunos a capacidade de Jorge Mira para respostar a todas esas preguntas (foron moitísimas) que lle formularon dende os case 100 centros educativos de Galicia que nese momento estaban conectados.
No minuto 5:30 Jorge Mira fai unha mención ao noso blogue e manda saúdos para o IES de Palas de Rei. Mágoa que xusto nese momento a conexión se cortara. Obrigados Jorge!


4 de nov. de 2013

As Matemáticas da Supervivencia do Galego

ENDL

O martes 12 de novembro celebraremos unha nova edición do Día da Ciencia en Galego e participaremos na videoconferencia promovida pola Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística, como fixemos o ano pasado.

Nesta ocasión contamos co coñecido divulgador científico Jorge Mira como protagonista convidado, un luxo para esta xornada.

A súa palestra titúlase "Como medir tamaños e distancias da Terra, a Lúa e o Sol"  e contaranos como fixeron eses gregos para saber o tamaño do mundo que habitamos e calcular a distancia á lúa e o sol e os seus tamaños, usando tan só o bo hábito de observar con coidado o que nos rodea.

Esta convocatoria ten tamén un obxectivo normalizador. Trátase de reflexionar sobre a importancia de valorar a Ciencia como parte da nosa Cultura e como tal, comprendela, expresala e divulgala na nosa lingua, da que estivo separada durante tantos anos.

Jorge Mira participou nun interesante estudo sobre o Futuro da Lingua Galega. Neste estudo facíase unha proxección da evolución do número de falantes en cada lingua. O resultado do modelo matemático é o seguinte:



Aquí deixamos un vídeo de 4 minutos de duración onde explica brevemente as conclusións atinxidas. A seguir propoñemos unhas cuestións para o debate na aula.



Precisas o Flash Player para ver o video.
1. Neste estudo sobre a supervivencia da Lingua Galega, que papel desempeñou Jorge Mira?
2. Segundo os estudos científicos que cita, que acontece cando conviven nun mesmo territorio unha lingua poderosa e unha lingua feble?
3. No caso de Galicia que lingua ocupa cada lugar?
4. Jorge Mira identifica un factor chave para que en Galicia non haxa tal depredación. Cal é este factor?
5. Que porcentaxe de poboación era monolingüe en galego a principios do S. XX?
6. Segundo o modelo matemático, en que ano a maioría dos/as galegos/as falará só castelán? Que opinas deste feito?
7. Jorge Mira sinala que hai marxe para que as dúas linguas convivan. Faríano en pé de igualdade?
8. Expresa con porcentaxes entre monolingüe galego, monolingüe castelán e bilingüe a situación que che gustaría que houbera na Galicia do futuro. Que medidas tomarías para conseguilo?

26 de nov. de 2012

Crónica da VideoConferencia Científica


por Luis B. e Mario V. (2º ESO)

Unha semana antes da videoconferencia comentáronnos na clase que ía haber unha actividade en conexión con científicos galegos espallados polo mundo: Olalla (Londres), Patricia (Lisboa), Cibrán (Santiago), Abraham e Carlos (os dous dende Xinebra). Ofrecéronnos a posibilidade de ir ou quedar cun profesor de garda e nós, por suposto, dixemos que queríamos ir. 

Todo o I.E.S menos 1º da ESO estaba no salón de actos. Ao entrar situáronnos detrás de 2º de BAC e diante de 1º BAC. Para difundir a experiencia fóra do noso centro había 7 tuiteiros, 2 presentadores (Jairo e Andrea), 3 cámaras (Manuel cámara analóxica móbil, Samanta cámara fixa con trípode e, dende diferentes pespectivas, a WebCam). E como non, nós (Mario e Luis). Antes de empezar a vidoconferencia o presentador fixo unha referencia aos nosos tuiteiros de Palas de Rei. E deron paso a Xenebra.

Como en calquera videoconferencia houbo fallos técnicos e non se lles oía nin a Patricia, nin a Abraham e a Carlos regular. Empezaron a falar sobre as súas carreiras e Cibrán dixo que só había unha cousa que non lle gustaba de Cánada que non habia castañas e non puido facer o Magosto como Deus manda. Despois foi a rolda de preguntas e un dos institutos que participaban na videoconferencia preguntoulle a Carlos se con tanto traballo tiña tempo para a vida social. El respondeu cunha referencia á famosa serie de T.V The Big Bang Theory. O noso instituto fixo 3 preguntas: Os perigos da colision de particulas, a diferenza entre materia e antimateria e sobre a validez do galego na Ciencia. Cando terminou a conferencia o noso profesor de lingua Toño falounos da importancia no galego na ciencia e en todos os ámbitos e de que conclusións podíamos tirar desta experiencia para o futuro.



5 de nov. de 2012

Todo Listo para a Videoconferencia

A videoconferencia Facendo Física de Partículas polo Mundo movilizará, tanto en medios materiais como humanos, unha grande cantidade dos recursos dispoñibles no noso centro educativo. O curso de 1º BAC dinamizará dende distintos frontes a actividade. Practicamente todos os departamentos docentes foron envolvidos no evento e o resultado de tanto traballo en equipo verase nun video-documental onde amosaremos o ambiente co que vivimos esta xornada.

No apartado de medios técnicos, dispoñeremos no Salón de Actos de :

-  Computadora e Proxector.
-  Equipo de Son.
-  2 Micrófonos e Amplificadores.
-  WebCam.
-  Cámara Dixital con trípode para tomas fixas.
-  Cámara Analóxica para o "making off".
-  7 smartphones.

No apartado de medios humanos, sección profesorado:

-  EDLG: Organizador do evento no centro.
-  Dptos. de Matemáticas e Bioloxía: Dinamización do alumnado.
-  Dpto. de Física e Química: Desenvolvemento de actividades sobre partículas.
-  Dpto. de Tecnoloxía: Xestión de recursos técnicos e impulsor de ideas.
-  Dpto. de Música: Equipos de son e acústica.

No apartado de medios humanos, sección alumnado:

-  Dous presentadores/animadores da previa á videoconferencia.
-  Dous cámaras responsables de filmar o que aconteza.
-  Un responsable de montaxe dos materiais gravados.
-  Dous xornalistas que recollan os aspectos máis salientables da xornada.
-  Equipo de 5 tuiteiras e 2 tuiteiros que compartan esta experiencia educativa.
-  Cen rapaces e rapazas de distintos niveis educativos participando do acto.

Unha actividade como esta só pode saír ben.
Moitas grazas a todos/as polo ánimo con que vos implicastes.
Agora só resta disfrutar a tope deste día!

E grazas aos relatores/as e organizadores da actividade a Coordinadora Galega de ENDL e o Servizo de Normalización da USC.

Tuiteando Partículas

Xa temos preseleccionado o noso equipo de 5 tuiteiras e 2 tuiteiros que retransmitirán a xornada do 6 de novembro dende o noso instituto. O seu traballo será compartir o ambiente co que viviremos en Palas a videoconferencia titulada Facendo Física de Partículas polo Mundo enmarcada dentro das actividades do III Día da Ciencia e a Tecnoloxía en Galego. Esta actividade ten a seguinte fundamentación:

Non é habitual utilizar o móbil nas aulas, de feito todos os centros educativos teñen prohibido o seu uso con carácter xeral. Porén a súa presenza masiva nos niveis altos do ensino secundario e a evolución tecnolóxica que permite o uso de múltiples aplicacións de raíz educativa, motívanos a procurar desenvolver actividades que os incorporen, delimitando axeitadamente a súa utilización, atendendo os recursos dispoñibles en cada grupo e coa formación correspondente ao alumnado sobre cada aplicación ou contorna de aprendizaxe.

O desenvolvemento de actividades didácticas usando Twitter está sendo dinamizada dende diferentes focos (ver comentarios). Trátase unha ferramenta educativa de grandes posibilidades que impón:

- Desenvolver capacidade de síntese (140 caracteres)
- Clasificar información.
- Interactuar con outros usuarios, alumnado e profesorado.
- Estar no medio de comunicación de moda e un dos de maior influencia a nivel mundial.
- Participar en eventos conxuntamente con outros centros.

A videoconferencia do día 6 do novembro é un escenario inmellorable para poñer a proba o uso educativo de Twitter. Están convocados case 100 centros e máis de 6000 alumnos/as de toda Galicia. A nosa voz será achegada por estes 7 alumnos/as de 1º de BAC que se presentaron como voluntarios/as para tuitear o evento dende o seu smartphone e o seu perfil de Twitter recibindo unha sesión de formación sobre os obxectivos desta actividade:











Usaremos nos nosos tuits o HT #palas ademais do HT #cienciaetecnoloxiaengalego achegado pola organización do evento. 

Dende o Equipo de Dinamización Lingüística do noso centro queremos achegar as nosas enerxías para normalizar, fortalecer e difundir o uso da nosa lingua en todos os ámbitos, tamén na Ciencia e tamén nas Novas Tecnoloxías. Moitas grazas aos nosos tuiteiros/as por asumiren este reto e esta responsabilidade. Estamos seguros que serán unha excelente representación. Moitas forzas para eles/as. Teñen todo o noso apoio!


28 de out. de 2012

Actividade Previa da VideoConferencia dende o CERN


Cibrán Santamarina, profesor do Departamento de Física de Partículas da Universidade de Santiago de Compostela e colaborador da Organización Europea para a Investigación Nuclear (CERN) é un dos científicos galegos que participarán o día 6 de novembro na videoconferencia simultánea titulada Facendo Física de Partículas polo Mundo, conmemorativa do III Día da Ciencia en Galego. O día 5 de xullo de 2012, con motivo da realización dun experimento que podía dar lugar á obtención dunha partícula só existente, ata ese momento, na teoría, o profesor Santamarina escribiu un artigo no xornal Faro de Vigo ao que podes acceder premendo aquí.

Despois de dar lectura ao dito artigo, responde as seguintes preguntas:

1. Que 3 partículas están presentes no átomo segundo o modelo de Rutherford?

2. Que principio citado no texto deu lugar á Física Cuántica? Quen foi seu pai?

3. Ordena de máis antigo a máis recente os seguintes científicos citados no texto:  André Ampère, Albert Einstein, Ernest Rutherford, Peter Higgs, James C. Maxwell.

4. Que teoría creou Maxwell para unificar electricidade e magnetismo?

5. A Teoría da Electrodinámica Cuántica xunta a teoría de Maxwell coa Física Cuántica. Como explica a interacción de dúas partículas?

6. Que dous científicos recibiron o Premio Nobel polo descubrimento de 3 partículas obtidas no CERN?

7. Que é o Bosón de Higgs?

8. Como se chama a teoría actual máis completa que describe a interacción entre partículas?

9. Que organismo acaba de descubrir unha partícula que apunta ser o Bosón de Higgs?

10. En que 3 ámbitos fican cuestións da Física Fundamental aínda sen resposta?

26 de out. de 2012

Preparando o Día da Ciencia en Galego

Xa estamos impacientes ante a chegada dun acontecemento que cada ano se consolida no noso calendario educativo: O Día da Ciencia e a Tecnoloxía en Galego.

Este ano conta cun programa espectacular. Nel destaca a videoconferencia dende o CERN dirixida a 100 centros educativos de Galicia entre os que, por suposto, se encontra o noso. Falarán dende Suiza científicos galegos apoiados por outr@s compañeir@s dende Santiago e Lisboa. Será o martes 6 de novembro de 12:30h a 13:30h. O título "Facendo Física de Partículas polo Mundo". Esta actividade está organizada pola Coordinadora de ENDLG e polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela.

Que é o CERN?


É a Organización Europea para a Investigación Nuclear, con sede en Xenebra. Conta con financiamento público dos estados membros, case todos os da Europa Occidental. Fundouse en 1954 e, dende entón, atinxiu diversos resultados científicos de grande interese na área de Física de Partículas, onde se estudan as partes máis pequenas e inaccesibles da materia, coñecemento indispensable para explicar todo o demais.

No CERN foi construída unha obra extraordinaria: o LHC ou Colisionador de Hadróns. Trátase dun anel de 27 km de perímetro a cabalo entre Suíza e Francia. Nel son aceleradas partículas subatómicas ata atinxiren case a velocidade da luz. A súa colisión dá lugar a novas partículas con desprendemento de grande cantidade de enerxía. Hai pouco foi identificada unha partícula esencial nas teorías modernas sobre a materia: O Bosón de Higgs. A súa importancia vén descrita neste artigo achegado por Cibrán Santamarina, un dos relatores do evento.



Quen vai participar?


    No programa participan @s seguintes investigador@s:

  •   Patricia Conde. Investigadora no LIP de Lisboa. Física do experimento ATLAS do CERN.
  •     Olaia Castro. Profesora no City University en Londres. Investiga en Teoría Cuántica de Campos.
  •     Abraham Gallas. Investigador no CERN e na USC. Físico do experimento LHCb do CERN.
  •     Carlos Salgado. Investigador no CERN e na USC. Investiga o estado da materia nos primeiros instantes do Universo..
  •     Cibrán Santamarina. Profesor da USC. Traballa no experimento LHC do CERN.

Fálase galego no CERN?


Polo CERN pasaron unha grande cantidade de científic@s de Galicia, o que di moito da calidade d@s nos@s investigador@s. Hai uns anos, asinaron un manifesto promocionando o uso da nosa lingua na Ciencia. Reparaban en que non só trataban temas científicos en galego entre el@s, se non que tamén o utilizaban con cientific@s de Portugal e Brasil, presumindo así de que a nosa lingua tamén é internacional. Oín unha vez que era máis fácil sentir falar galego no CERN que nos parques infantís dalgunha cidade galega. Temos unha lingua mundial cun problema como un mundo!

Como nos podemos achegar ao que se fai no CERN?


Xuntamos esta banda deseñada onde nos explican dunha maneira moi simplificada os obxectivos que se procuran no CERN e as vantaxes que aportan ao desenvolvemento da Ciencia no Século XXI.



Participación do IES do Camiño de Palas de Rei


O noso centro educativo participará da videoconferencia con todo o alumnado do bacharelato e do segundo ciclo da ESO. Faremos un traballo introductorio nas aulas e nomearemos a varios xornalistas tuiteiros de diferentes cursos que retransmitirán por Twitter o acontecemento baixo o hashtag, xa utilizado noutras ocasións, #cienciaetecnoloxiaengalego.

Máis información en

Día da Ciencia en Galego
Coordinadora Galega de ENDLG  (inscrición na videoconferencia)
Tecnoloxía.org
Carta Xeométrica
Blogue I love science do IES Otero Pedrayo - Ourense