Amosando publicacións coa etiqueta Estatística. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Estatística. Amosar todas as publicacións

21 de nov. de 2013

A Estatística nas Aulas de Secundaria


Hai uns días tivo lugar na Fundación Barrié da Coruña o XI Congreso Galego de Estatística e Investigación de Operacións organizado por SGAPEIO. A grande parte das comunicacións do Congreso trataron de temas técnicos sobre as liñas de investigación activas nas diferentes institucións galegas competentes nesta área das matemáticas.

Porén, deixaron un oco para un espazo onde se fala moito dos conceptos iniciais e se desenvolven proxectos tanto de Estatística como de Probabilidade: as aulas de secundaria.

A sesión estivo guiada polo profesor Víctor Pollán (IES Poeta Díaz Castro) que comezou cunha pequena introdución sobre a presenza da Estatística nos diferentes currículos de secundaria e sobre a súa situación actual. Puxo o foco en que a formación que temos moitos dos que nos encontramos todavía en exercicio foi escasa nesta área (unha grande maioría tivemos una materia nos 5 cursos) e que xa que esta parte se traballa pouco nos institutos os proxectos educativos en torno a ela adquiren máis valor.

Gonzalo Temperán profesor no IES de Monelos, trouxo unhas experiencias de traballo en grupo para os cursos superiores da ESO e BAC, realizadas estes anos pasados. Gonzalo presentou experiencias clásicas de Probabilidade Manipulativa: Estimación de PI por métodos de MonteCarlo, o aparello de Galton, paseos aleatorios... Unha serie de actividades de grande interese didáctico, cun enfoque clásico e divertido. Podes ver aquí a súa presentación.



A intervención do profesor Jesús Rovira (IES Xoán Montes) conectou á perfección coa do seu compañeiro. Tratou moitos temas dos que falara Gonzalo mais mudando o enfoque clásico por un máis moderno orientado á simulación e traballando con Follas de Cálculo. Achegamos este material excepcional creado por Jesús para realizar as nosas simulacións na aula sobre problemas clásicos.



A continuación falou un tal Manuel Vilariño (IES do Camiño) que contou as súas (discretas) experiencias no mundo da estatística e do orgulloso que estaba do blogue Ciencia no Camiño. Un pouco fachendoso, pero ben.



Remataron o acto Gonzalo Cruz, Celia Ruiz e Paula López, estudantes do Grao de Estatística que nos presentaron o seu proxecto de App para dispositivos móbiles EasyStats!. Moita forza para eles/as e que axiña vexa a luz!

Agradecemos a SGAPEIO e, especialmente, a Víctor o convite realizado e animamos a seguir puxando para que a área de Estatística e Probabilidade, sen dúbida a máis divertida das matemáticas, goce do espazo que merece no ensino secundario.



16 de out. de 2013

As Enquisas On-Line

3º da ESO

Comezamos a materia de matemáticas polo bloque de Estatística onde aparecen conceptos de uso habitual como poboación, mostra representativa, diagrama de barras, ... e outros pouco coñecidos como nesgo e tendenciosidade.

Os estudos estatísticos requeren dun traballo previo de non pouca dificultade que consiste en deseñar os criterios para que a mostra na que se basee o estudo sexa representativa. Nada diso acontece nas enquisas on-line tan habituais nos medios dixitais.

Tomando como base o artigo Encuestas On-Line Buenas para Nada de José Cervera en eldiario.es onde se cuestiona a validez desta tipo de iniciativas, fixemos un percorrido polos diferentes xornais dixitais.

Escribindo colaborativamente nun documento compartido no Google Drive desta conta, fomos cumprimentando por parellas unha análise crítica das enquisas coas que nos íamos atopando.

Amosamos unha mostra do traballo feito durante unha sesión na aula de informática do noso centro. Podes acceder ao documento completo premendo aquí.



Esta pregunta formulada polo xornal dixital elmundo.es refírese á catástrofe humanitaria ocorrida na illa italiana de Lampedusa, na que morreron no naufraxio dun barco arredor de cen inmigrantes que fuxían da guerra e da miseria. Ese barco tiña capacidade para cen persoas, non obstante, ían cincocentas. A pregunta é formulada de forma que dá a entender que a UE non fixo nada para evitar a catástrofe e polo tanto a maioría dos lectores votaron que si á enquisa. Esta enquisa ten un nesgo a favor da resposta afirmativa.


Esta pregunta foi formulada polo xornal EL Universal. Refírese aos venezolanos que expulsaron a uns diplomáticos de EEUU. Eles para vingarse expulsaron a tres diplomáticos venezolanos de EEUU. Normalmente nas enquisas suele haber respostas de ‘sí’ ou ‘non’, neste caso hai catro respostas para xustificar a pregunta. Esta pregunta respóstana os venezolanos que van estar a favor desta enquisa, en cambio os de EEUU van estar en contra. A mostra non é representativa porque vai dirixida aos venezolanos. 

 


Esta enquisa foi formulada polo xornal deportivo Mundo Deportivo na súa páxina web (mundodeportivo.com). Trata sobre preguntar aos lectores do periódico sobre o valor do extremo do Barcelona, Neymar Jr, despois deste inicio de tempada. Os lectores deste xornal son maioritariamente fans do Fútbol Club Barcelona e adoran aos xogadores dese equipo. O 55% dos votantes creen que o seu valor é de máis de cen millóns, unha cifra realmente alta. Ao ver esta pregunta, a resposta xa incita a responder unha cifra de máis de cincuenta millóns xa que non deixan opcións por debaixo dos cincuenta e sete millóns. Se a xente quixese votar por exemplo unha cifra máis pequena coma vinte millóns seríalle completamente imposible. Aínda que comparando o precio de Bale e de “Ney”, o brasileño está tendo mellores cifras ca o galés custando case a metade.


 
Nesta enquisa feita polo periódico dixital Faro de Vigo, aparece a preguta de se se deberían controlar os móviles dos alumnos polos profesores. Hai unha gran maioría (92%) que vota que si, e una minoría (8%) vota que non. Seguramente deste 98% a maíoria seran pais dos alumnos, polo tanto aparece un nesgo significativo o estar a mostra implicada nunha das partes.


Esta pregunta formulada polo xornal dixital larazón.es contén información sobre o independentismo catalán. Tendo en conta que este xornal o le xente conservadora, españolista e de dereitas, a tendencia será á desaprobación popular da enquisa. Entón, todas as persoas que lean este xornal dixital, votarán que non. Polo tanto, non pode ser válida para ningún tipo de fin e prodúcese un nesgo neste sentido. Non obstante, debería ofrecerse a posibilidade de ter máis opcións ou alternativas porque pode haber diferentes opinións.



Esta pregunta formulada no xornal elmundo.es refírese á aprobación da independencia de Cataluña. A mostra non é representativa xa que o xornal El Mundo é lido, normalmente, por xente conservadora, é dicir, que está a favor da unidade de España. Ten un nesgo a favor da resposta negativa porque a xente que o le non quere que Cataluña se independice. Se esta enquisa se publicase nun xornal independentista a maioría dos lectores votarían doutra maneira.

11 de xuño de 2013

Gráficos 3D Feitos a Man

por Noelia García Gavieiro e Verónica Pardo (1º da ESO)
 

Na unidade 14 estamos estudando os elementos químicos, e a unha compañeira e a min  pareceunos interesante facer unha maqueta cun diagrama de sectores dos elementos químicos que contén o universo, o ser humano e a codia terrestre en tres dimensións.

Para realizar este traballo fai falta a seguinte listaxe de cousas:

  • 2 cartulinas de cores distintas
  • 1 bote de cola
  • varios botes de pintura de cores distintas
  • 1 rotulador
  • pegamento
  • celo
  • lápis
  • cartón
  • cutter ou tesoiras
  • unha escuadra
  • pinceis

Os pasos a seguir son os seguintes:

 Empezamos por pintar un cartón. Con unha tapa en forma redonda moldeamos as cartulinas ata que nos quedaron uns sectores circulares. Logo fixémoslles as marcas de separación dos elementos químicos con lápis e escuadra. Mentres unha das duas pintaba os diagramas dos sectores segundo as marcas, a outra facía unhas etiquetas nas cales despois poñeríamos os nomes dos elementos.

Cando xa estaban secos pegámolos na cartulina anteriormente pintada e ao lado as cartulinas que antes recortamos en forma de “T”. Finalmente  deixámolo secar toda unha noite. Aquí tedes o resultado:


Graf1
Composición do Ser Humano


Graf2
Composición da Codia Terrestre

Graf3
Penduramos o traballo na cortiza da clase



3 de feb. de 2013

Conmemoracións Matemáticas no 2013

por Samuel Pazos (2º da ESO)

Este ano novo chega cargado de matemáticas xa que este 2013 é o Ano Internacional da Estatística.

Trátase dunha celebración a nivel mundial adicada ao recoñecemento das contribucións da ciencia da Estatística na que participan máis de cen países. No faltarán outros eventos matemáticos. O máis importante é o “Mathematics in Planet Earth” (Matemáticas no Planeta Terra).

Os principais obxectivos deste Ano da Estatística son:
  • Aumentar a conciencia pública sobre o poder e o impacto da Estatística en todos os aspectos da nosa sociedade.
  • Promover a Estatística como unha profesión, especialmente entre a xente nova.
  • Fomentar a creatividade e o desenvolvemento das ciencias da Probabilidade e a Estatística.

En España, o Instituto das Ciencias Matemáticas (ICMAT), é a entidade máis importante que colabora con este Ano da Estatística. O ICMAT é un centro de investigación con sede no campus da UAM. Para Manuel de León, director do ICMAT, a sociedade española tampouco pode permitirse ignorar a grande importancia das matemáticas. “Están presentes en todo o que nos rodea”. El puntualiza que as matemáticas é algo moi importante na nosa vida e defende que España estea entre os países con mellor potencial matemático do mundo grazas aos avances dos últimos 25 anos. Podes escoitar aquí unha entrevista concedida ao programa A Hombros de Gigantes de RNE onde fala destas conmemoracións:



Fernando Blasco, matemático, profesor da Universidade Politécnica de Madrid, interesado pola matemática recreativa, mago aficionado e plenamente convencido de que todo o mundo coñecera máis detalles sobre o que rodea á matemática, acabaría disfrutando con esta disciplina. Para el, este é un reto multidisciplinar, pero pensa que as matemáticas están tanto para estudiar os fenómenos naturais, axudarnos co deseño de obras de enxeñería e redes de transporte e comunicacións. No seu blog grado361 fala sobre as Matemáticas no Planeta Terra.

Por último Elisa Benitez, docente apaixoada pola beleza das matemáticas xunta no seu blogue Que no te aburran las m@tes máis información sobre estas celebracións e engade unha listaxe de ligazóns moi completa. O seu blogue contén ademais multitude de entradas que mostran o entretemento e diversión das matemáticas. Recoméndovos que vos pasedes por el, non vos arrepentiredes.