9 de maio de 2014

Finalistas do "Explícoche Matemáticas 2.0"

Despois dun duro traballo, conseguimos rematar o vídeo de 2 minutos de duración para o concurso Explícoche Matemáticas 2.0 que organiza o Servizo de Normalización Lingüística da Facultade de Matemáticas.

Antes de máis, queremos agradecer esta iniciativa, tan necesaria desde que hai uns anos moitos profesores e profesoras tiveron que deixar de explicar matemáticas na nosa lingua a causa do Decreto do Plurilingüismo.

A relación de finalistas amosa un grande nivel nesta edición, e é un orgullo para o noso centro estar presente nela.

Moitos parabéns a Andrea, Xeila e Iván, do noso EDLG, excelentes actrices e actores que nos amosan o seu talento explicándonos dunha maneira orixinal e divertida a diferenza entre crecemento linear e exponencial.

Podedes valorar o seu traballo cun "Gústame" en Youtube.

Polinizando

Coa chegada da primavera, o proceso de polinización que traballamos na clase dentro da unidade das plantas chega ao seu máximo esplendor.

Aquí temos este vídeo recollido por Estela Vizcaíno de 1º B onde podemos observar a velocidade coa que unha abella se enzoufa do pole dunha flor e o transporte ao pistilo doutra.


28 de abr. de 2014

Crecer Exponencialmente


O EDLG do noso centro participa no concurso Explícoche Matemáticas 2.0 que organiza o Servizo de Normalización da Facultade de Matemáticas da USC. Trátase de recoller nun vídeo de 2 minutos unha explicación sobre un concepto matemático escollido libremente polos participantes. Á espera da decisión do xurado, deixamos esta achega da divulgadora Clara Grima, que ten bastante que ver co noso traballo.

27 de abr. de 2014

Feira Matemática e Premios MateBlogs

Este fin de semana tivo lugar no Palaexco na cidade da Coruña a xa tradicional Feira Matemática. Ano tras ano este evento se vai consolidando como unha cita ineludible para xoves e maiores amantes das matemáticas. Nesta ocasión vimos moitos centros educativos, moitos rapaces e rapazas amosando os seus traballos. Puidemos ver tamén o funcionamento de impresoras 3D, o desenvolvemento de Robots usando hardware libre, magos da Papiroflexia e ata unha moto da Policía.


Ademais de todas estas colaboracións, entregáronse os Premios Mateblogs, nos que o noso centro tivo unha participación destacada no apartado de Esopías. Unha esopía é unha composición poética na que o número de letras de cada palabra segue a secuencia do número π. É dicir, primeira palabra 3 letras, segunda 1 letra, 4, 5, 9, 6,...  e así. O número máximo de caracteres era, nesta ocasión, 140.

Esta foi a esopía gañadora na Categoría de Elección Popular, realizada por Claudia Neyra de 1º B do noso instituto.



Tamén tivo unha participación destacada a feita por Estela Vizcaíno, do mesmo curso.



Aquí vemos a Claudia recollendo un dos seus premios, xa que gañou outro na categoría de MatMonólogos.


Claudia recibiu a felicitación de Andrés Vázquez, o noso Director, que se desprazou ata Coruña para participar desta xornada.



Moitos parabéns a Claudia e Estela e a todo o curso de 1º B, moi implicado na promoción das súas compañeiras. E a seguir dándonos alegrías!

7 de abr. de 2014

A Cabeceira de The Big Bang Theory

Nicolás  Sánchez (1º da ESO)

The Big Bang Theory é unha serie  protagonizada por dous físicos chamados Leonard e Sheldon, un enxeñeiro espacial chamado Howard, un físico hindú chamado Rajesh e unha camareira chamada Penny. Tamén hai personaxes secundarios como Amy, a moza de Sheldon e Bernadette, a muller de Howard. Esta serie bótana no canal Neox todas as tardes de 4:35 a 6:00. A min esta serie gústame, e declárome seguidor.

Na súa cabeceira aparecen 109 diapositivas, reproducidas nuns 35 segundos, todas elas relacionadas coa historia da vida.
       
Na clase de Ciencias Naturais, durante o mes de xaneiro, cada un de nós elaborou un timeline biolóxico (Historia da Vida) e un timeline xeolóxico (Historia da Terra). Daquela decidimos investigar cales destas 109  imaxes foron as identificadas por nós e cales non o foron. As identificadas foron as seguintes:
             
  • A aparición dos anfibios.
  • A aparición dos réptiles.
  • Os dinosaurios.
  • A evolución do home.
  • A invención da roda.
  • As pinturas rupestres.
  • A bombilla.
                          
Pero nós tamén identificamos outras que non aparecen na cabeceira. Algunhas son:

  • A orixe da atmosfera da Terra.
  • Explosión Cámbrica.
  • Extinción dos dinosaurios.
  • Primeiros homínidos.
  • A aparición da agricultura.
  • A Imprenta (Gutenberg).
  • A Explosión Demográfica.

Aí vos deixamos a famosa cabeceira!


Tamén achegamos esta versión extendida, subtitulada e debuxada:


31 de mar. de 2014

Animais Invertebrados

1º da ESO 


Despois de presentar na clase as características de diferentes clases de animais invertebrados nas vosas exposicións, chega o momento de facer unha recompilación do aprendido.

Exercicio: Deixa aquí como comentario os datos, características, curiosidades que fuche recollendo das intervencións dos teus compañeiros.

24 de mar. de 2014

Matemáticas Gregas

Con motivo do Día da Ciencia en Galego, o científico Jorge Mira ministrou unha conferencia sobre os achádegos matemáticos e astronómicos realizados na Antiga Grecia. Achegamos esta animación que dá boa mostra do productiva que foi aquela etapa histórica.