23/01/2013

Unha curiosa muller galega


por Manuel  (1º BAC / EDLG)

O luns 17 de decembro, o programa Pensando en ti, conducido daquela por Alberto Freire, recibiu unha chamada dunha “ferrolá” un chisco especial. A susodita, de nome Amalia, chamou para dar unha queixa, segundo ela dixo. Trataba sobre o mal uso que facía o presentador da lingua galega. A ferrolá expuxo que era de mala educación que á orquestra Los Españoles lles falara en galego cando eles non tiñan porque entendelo. A isto Alberto respondeulle que o vehículo de comunicación da Radio Galega era o galego como é de supoñer, pero Amalia cunha tremenda mala educación non o deixou terminar e seguiu coa súa teima dicindo que o castelán era o idioma de todos e a ela o Sr. Freire debíalle falar en castelán. Para ilustrar a afirmación puxo un exemplo, non sei se inventado ou un pouco cutre.

Ao parecer o Presidente da Xunta de Galicia Sr. Feijóo (segundo ela seu amigo) cando ía a Ferrol, faláballes o castelán porque sabía que a xente de alí non o entendía porque non o estudara e ademais non tiñan interese en facelo. O presentador coméntalle que moi mal non ter interese en estudalo porque saber idiomas enriquece culturalmente á xente. Amalia, chea de carraxe, contéstalle dicíndolle que lle vai escribir unha carta á Xunta pero o presentador coa retranca necesaria nestas situacións, dille que se quere pode escribirlle a carta a Rajoy ou incluso á Unión Europa. Aquí a ferrolá replícalle que ela coñece ao Presidente da Xunta e vai ser a el a quen lle escriba a carta. Ao final a señora colgou o teléfono cando o presentador intentaba contarlle que o que hai que facer é unir, non destruír.

Isto na Radio Galega xerou que as sucesivas chamadas de xentes de Ferrol para aclarar que moitos non sabían falar galego pero entendíano e que esta señora todo o que dixera foran calumnias.

Segundo a miña opinión, Amalia comportouse como unha auténtica inculta non só xa por lle dicir á xente o idioma que debe falar senón por chamar a Radio Galega na que se fala o galego e descargar a súa carraxe contra unha persoa, neste caso Alberto Freire, que non fixo nada para merecer as palabras que esta “ferrolá” lle adiucou. Isto débese a que algunhas persoas se creen superiores por falar o castelán, cando isto en realidade é un PREXUÍZO e ven dado porque anos atrás, no Franquismo, cando se produciu unha diglosia e o castelán era a lingua forte de poder e o galego era a lingua débil que quedou relegada ao uso familiar e cotiá. Estes prexuízos acostuman ser típicos da xente maior que estudou o castelán por ser a lingua da “Nación” e parécelle que por falalo nos tempos actuais é superior aos que falan galego pero isto eu vexo como unha parvada porque como ben dixo Alberto Freire en repetidas ocasións, cada un fala no que lle guste ou no que lle pete e non se debe discriminar pola lingua que empreguemos. Amais, esta señora intenta que o presentador fale en castelán cando el dixo que debe falar galego porque lle gusta e está no seu contrato.

Eu a Amalia recoméndolle que escoite outra radio e que se deixe de facer parvadas e de comportarse dunha maneira caprichosa porque supoño que xa terá unha idade.


3 comentarios:

  1. bo traballo Manuel;)

    ResponderEliminar
  2. Eu penso que moitas veces non se entende outra lingua románica porque non se quere, non porque non se poida. Unha cousa que aprendín vivindo en Portugal é que nos temos que esforzar por entender outras línguas e aproveitar as oportunidades que temos no noso día a día para aprendelas. Os portugueses entenden e falan inglés e español, e bastantes tamén o francés, sen problema só que estudan na secundaria e fan burla dos españois polo baixo nivel que temos en idiomas e, sobre todo, por non ser capaces de entender o portugués, cando a eles o entenden sen tan sequera estudar. Isto demostra que o temos que abrir son as neuronas, e non só os oídos.
    Por outra parte, fun profesora de galego varios anos en Castela, o cal me permitiu comprobar que calquera español nongalegofalante é quen de entender galego sen problema aínda que nunca o estudara.
    Eu só lle vexo beneficios a que os/as galegos/as defendamos a nosa lingua, porque ninguén o vai facer por nós e porque nos pode ser moi útil se queremos comunicarnos cos países de fala lusófona, e non esquezamos que non só son Portugal, senón tamén o xigantes brasileiro e varios países en expansión económica de África.

    Manuel, sigue escribindo, sendo crítico co mundo que te rodea e intentando mellorar en cantas máis linguas posibles día a día. Fai moita falta sabia nova e novos sabios, coma ti! :D

    ResponderEliminar
  3. En primeiro lugar, quero agradecerlles os alagos e os comentarios feitos e en segundo lugar, comentar que parte do espíritu crítico sobre este determinado tema veume grazas ás explicacións da nosa profesora de galego.

    ResponderEliminar