30 de nov. de 2012

Recitando Celso Emilio

O día 12 do decembro a Coordinadora de ENDL convócanos a unha homenaxe ao grande poeta Celso Emilio Ferreiro no 100 aniversario do seu nacemento. O acto central desta xornada será o recitado simultáneo ás 12h dun dos seus poemas máis coñecidos Deitado frente ao mar de Longa noite de Pedra.

Dende o EDLG do IES do Camiño de Palas de Rei queremos unirnos a esta xornada e que tanto alumnado como profesorado se anime a recitar ou cantar algún poema entre as 11:30h e as 12:30h.

A resposta do alumnado foi moi boa, e van ter que quedar moit@s voluntari@s sen tempo. 5 alumn@s de cada curso irán baixando ao Salón de Actos cada un co seu poema previamente seleccionado e voltarán as aulas unha vez teñan finalizado. Con isto queremos interromper o mínimo posible o normal decorrer das clases.

No Salón de Actos disporemos dun micrófono con pé, a pantalla proxectando o nome e poema de cada alumno/a e unha webcam que gravará toda a actividade.
Temos preparada tamén a emisión ao vivo do evento vía streaming utilizando a plataforma ustream.tv, aínda que intentaremos mellorar a calidade da conexión para que finalmente a retransmisión sexa posible.

Ás 12h Alexandre de 1º de BAC representará ao noso centro neste recitado simultáneo. Querémoslle agradecer especialmente o seu compromiso e mandarlle todos os nosos folgos para que goce ao máximo deste momento.

Por último, completaremos a xornada deixando ás 12h a pegada de Celso Emilio Ferreiro no Twitter a través da actividade Recituiteando Celso Emilio.


Ilustración: proxecto Audiovisual IES As Barxas de Moaña



29 de nov. de 2012

Recituiteando Celso Emilio

Dentro do conxunto de actividades a desenvolver no noso centro enmarcadas no evento Recitando Celso Emilio destaca unha polo seu carácter innovador: o RECITUITEADO.

Tal e como fixemos na actividade Tuiteando Partículas, toca agora facer que a voz de Celso Emilio se escoite no Twitter, un dos medios máis utilizados na actualidade polo noso alumnado.

Nesta xornada do 12/12/2012 onde se conmemora o 100 aniversario do seu nacemento, ás 12h e coincidindo co recitado simultáneo do poema Deitado Frente ao Mar, nós achegaremos, ademais, o seu recituiteado. Un grupo de 5 tuiteiras e 1 tuiteiro completará en orde inverso os seus 34 versos utilizando o hashtag oficial #recitandocelsoemilio e outro hashtag propio para recompoñer o poema unha vez finalizado.

Neste traballo en equipo, cada tuiteiro terá que dar paso coordinadamente ao seguinte membro tendo moita conta de non mesturar os versos e que a composición final sexa a que deixou para a posterioridade o poeta de Celanova.

Hoxe no tempo de lecer fixemos unha proba. Este foi o resultado (clic para ampliar):



Repaso do tema da "Relación" con Nubes de Tags

Como xa fixemos no tema 1 "A Célula" e no tema 2 "A Nutrición" deseñamos unha sesión de repaso para o terceiro tema da materia de Ciencias Naturais de 2º da ESO: "As Relacións".

Cada alumn@ tivo que encher un formulario no seu computador consistente en cumprimentar un campo co seu nome e cinco campos cada un cunha palabra, un concepto, un proceso,... que tivera que ver co que acabábamos de traballar na aula.

Utilizamos a mesma técnica que nas ocasións anteriores: Formulario (módulo webform) en Drupal e wordle.net como xerador de nubes de tags.

A nosa nube foi a seguinte (clic para ampliar):




Realizaremos un exercicio a través da sección de Comentarios para relacionar estes conceptos, clasificalos por temas, nomealos en determinados procedementos ... e reparar no que o grupo considerou que era "o importante".

Exercicio. Cos conceptos reflicitidos na nube de tags, elabora por parellas frases que conteñan (sinaladas en MAIÚSCULA) polos menos 3 desas palabras:

Exemplo:  O sistema NERVIOSO e o sistema ENDOCRINO encárganse das funcións do proceso de COORDINACIÓN.

28 de nov. de 2012

Preguntas e Respostas no Estudo Meteorolóxico


Para completarmos o estudo meteorolóxico do ano 2011 na nosa contorna, respostamos ás seguintes preguntas:

1. Nos días de máis baixa presión atmosférica, canto chove ? E nos días de máis alta presión ?

Xesús, Santiago, José: Observamos que os  días de máis baixa presión (entre 935 mb e 950 mb) chove moito e os días de máis alta (entre 970 mb e 980 mb) non chove nada ou case nada.
Pablo e Aitor: Isto explícase polo visto na clase. Cando hai borrasca (baixas presións) o aire húmido sobe, arrefece, fórmanse nubes e chove. En situación anticiclónica (altas presións) o aire baixa, non se forman nubes e o tempo é seco e soleado.

2. En que estación foron os tres días de máis chuvia ?

Rocío P. e Jenifer: Os tres días de máis chuvia foron o 11/11/2011, 26/10/2011 e 23/10/2011, polo tanto 3 días de outono. Estes días choveu entre 35,44 e 55 litros por metro cadrado.
Pablo e Aitor: Foron días de baixas presións entre 945 mb e 951 mb.

3. Cando sopra o vento do leste, son días chuviosos? e do Oeste?

Bibiana e Laura: O vento do leste ven expresado cun ángulo de 0 graos. Cando sopra desta dirección non chove nada ou case nada. Cando sopra do oeste son días en xeral chuviosos. Isto explícase porque o vento do leste ven da península (seco) e o vento do oeste ven do mar (húmido)

4. En que estación se dan os días de menor variación térmica?

Rocío Br. e Valentina: En inverno. O día de menor variación foi o 11 de xaneiro onde se rexitrou de mínima 10 graos e 11,6 graos de máxima. 

5. En xeral, de onde sopra o vento os días de máis calor ?

Alba e Iria: Normalmente nos días calurosos sopra o vento do sul, aínda que a dirección do vento non determina directamente que temperatura hai. De feito, o día máis caluroso do ano (25 de xuño) soprou vento do norte.

6. Hai datos con valor de -9999, a que cres que se debe?

Javier e Manuel: A estación no recolleu eses valores durante uns días.
Meritxell e Rocío Ba: O catavento estivo estragado 1 día.
Xesús, Santiago e José: O higrómetro  non funcionou durante 3 días. Resolvimos estes problemas facendo a media.
Noelia e Verónica: A media debería ser con respecto aos días imendiatamente anteriores e posteriores.

7. De onde sopra o vento os días máis húmidos ? E os menos húmidos ?

Rocío Br. e Valentina: Sopra do oeste. Isto explícase porque o vento vén do mar e polo tanto esta máis húmido.
Javier e Manuel: Nos días máis secos o vento sopra do leste, vén de Castela.

8. Como estaban as isobaras sobre Melide a principios do ano 2011?

Meritxell e Rocío Ba: Ordenamos os datos polo campo "data" e observamos que eses días a velocidade do vento oscilaba entre 2 e 5 km/h. Polo tanto ía moi a modo e as isobaras debían estar separadas.
Pablo e Aitor: Observamos tamén que a presión barométrica era alta e que non chovía case nada. Por iso hai unha situación anticiclónica e polo tanto estabilidade.

9. De onde sopra o vento con máis forza ?

Rocío P. e Jenifer: Os 4 días que máis vento fixo soprou dirección nordés.

10. Describe como era a situación atmosférica os días máis fríos do ano.

 Pablo e Aitor: Ordenamos a táboa pola temperatura. Reparamos en que os días de frío hai altas presións e a velocidade do vento é baixa porque hai situación anticiclónica e polo tanto estable. Nesta situación o aire baixa das capas altas cara á terra e por iso vén frío.

26 de nov. de 2012

O Misterio das Neuronas

por Andrea Ayaso (2º da ESO)

A célula é a mínima unidade de vida, estudiámola no primeiro tema do curso e hoxe na clase de 2º da ESO respondimos a unha serie de preguntas:

Cantas células terá o corpo humano? Samuel di 42 millóns. (4,2·10^7) Luis di 6 mil millóns. (6·10^9) e Iván di 7 millóns. (7·10^6) En realidade temos sobre 100 billóns de células! (10^14). Expresamos os datos en notación científica aplicando o aprendido en clase de mates. Algo asombroso, e que nos chamou a atención a toda a clase foi que ata refregando a pel matamos células. Todo tecido muscular rexenérase, ao contrario que as neuronas.

Cantas neuronas teremos no encéfalo? Temos 86 millóns de neuronas. (8,6·10^10). Perdemos ao redor de 1 neurona por segundo, de maneira que dende que comezaches a ler este artigo ata agora, perdiches máis de 10 neuronas. E dirás ti, menudo desastre! a este paso quedarei sen cerebro nun santiamén! Párate a pensar tan só por un momento na porcentaxe aproximada de neuronas que nos quedará aos 85 anos. Unai di un 3%, Adrián V. que rondando o 10% e Javier pensa máis en positivo e fala dun 30%. En realidade queda nin máis nin menos que un 97%! algo fascinante, pero con lóxica, xa que dada a cantidade tan enorme de neuronas que almacenamos, sobran e bastan.

Qué pasaría se houbese rexeneración de neuronas? Xeila di que todos teríamos alzheimer, Unai di que seríamos máis avanzados e eu digo que estariamos cambiando continuamente de personalidade, de identidade. A evolución selecciona sempre a opción máis avanzada. A natureza non quere que cambiemos de personalidade, por iso non quere que rexeneremos neuronas. Paula pregunta: Podería vivir unha persoa sen neuronas? A resposta é que non, porque se unha persoa carece de neuronas, non podería percibir ningún sentido. Adrián R. pregunta: Pódense transplantar neuronas na actualidade? Na actualidade está en estudo, algo moi complexo. Denomínase Neuroxénese á incorporación de novas neuronas ao sistema nervioso adulto mediante a formación de células troncais.

Xurxo Mariño é un profesor da Universidade da Coruña, biólogo, neurocientífico e divulgador desta mesma ciencia. Ao final da clase visualizamos vía Youtube unha charla súa titulada Escoitando ás neuronas que seguimos con moita atención. Está en proceso de publicar Neurociencia para Julia, un libro da súa propia creación no que de maneira moi didáctica tratará de explicar unha pequena parte deste mundo tan complexo. Foi o inspirador desta sesión a través do seu artigo El misterio de las neuronas.


Crónica da VideoConferencia Científica


por Luis B. e Mario V. (2º ESO)

Unha semana antes da videoconferencia comentáronnos na clase que ía haber unha actividade en conexión con científicos galegos espallados polo mundo: Olalla (Londres), Patricia (Lisboa), Cibrán (Santiago), Abraham e Carlos (os dous dende Xinebra). Ofrecéronnos a posibilidade de ir ou quedar cun profesor de garda e nós, por suposto, dixemos que queríamos ir. 

Todo o I.E.S menos 1º da ESO estaba no salón de actos. Ao entrar situáronnos detrás de 2º de BAC e diante de 1º BAC. Para difundir a experiencia fóra do noso centro había 7 tuiteiros, 2 presentadores (Jairo e Andrea), 3 cámaras (Manuel cámara analóxica móbil, Samanta cámara fixa con trípode e, dende diferentes pespectivas, a WebCam). E como non, nós (Mario e Luis). Antes de empezar a vidoconferencia o presentador fixo unha referencia aos nosos tuiteiros de Palas de Rei. E deron paso a Xenebra.

Como en calquera videoconferencia houbo fallos técnicos e non se lles oía nin a Patricia, nin a Abraham e a Carlos regular. Empezaron a falar sobre as súas carreiras e Cibrán dixo que só había unha cousa que non lle gustaba de Cánada que non habia castañas e non puido facer o Magosto como Deus manda. Despois foi a rolda de preguntas e un dos institutos que participaban na videoconferencia preguntoulle a Carlos se con tanto traballo tiña tempo para a vida social. El respondeu cunha referencia á famosa serie de T.V The Big Bang Theory. O noso instituto fixo 3 preguntas: Os perigos da colision de particulas, a diferenza entre materia e antimateria e sobre a validez do galego na Ciencia. Cando terminou a conferencia o noso profesor de lingua Toño falounos da importancia no galego na ciencia e en todos os ámbitos e de que conclusións podíamos tirar desta experiencia para o futuro.



25 de nov. de 2012

Completando o Tema da Célula

por Iván e Richard (2º da ESO)

Unha célula é unha unidade morfoloxica e funcional de todo o ser vivo. É un pequeño elemento que se considera ser vivo. Poden clasificarse en unicelulares (protozos ou bacterias) e pluricelulares.

A aparición do primeiro organismo vivo sobre a terra adoita asociarse ao nacemento da primeira célula. Unha das teorías di que a célula naceu mediante uns aminoácidos, que chegaron en meteoritos.

Una célula procariota (simple, de baixa funcionalidade) pasa a ser eucariota mediante a endosimbiose. A endosimbiose é unha asociación entre dúas células.

Podemos caracterizalas como sistemas termodinámicos complexos, que posuen unha serie de elementos estructurais e funcionáis común que posibilitan a súa supervivencia. Non obstante os distintos tipos celulares presentan modificacións destas características comúns que permiten a súa especialización funcional, deste modo as células permanecen altamente organizadas a costa de incrementar a entropía do entorno. Un dos requisitos da vida.

 Achegamos este vídeo sobre a funcionalidade dunha célula eucariota complexa.



23 de nov. de 2012

Xornada contra a Violencia de Xénero

No noso instituto organizamos un conxunto de actividades en colaboración co Concello de Palas de Rei para conmemorar o Día contra a Violencia de Xénero. Profesorado e Alumnado dos cursos da ESO saímos a medía mañá dirección á Praza do Concello dirixidos polas gaiteiras e gaiteiros do noso centro.



Alí, o señor alcalde deu lectura a un manifesto contra a violencia de xénero e os rapaces e rapazas cantaron, bailaron, recitaron e presentaron os traballos preparados estes días coa colaboración do departamento de Orientación.

O grupo de música tradicional "Palacio de Rei" sumouse a esta xornada reivindicativa achegándonos unha escolma de bailes e cantigas que envolveu a tod@s @s participantes do evento.



Por último, deixamos aquí unha mostra do material fotogŕafico recollido por unha alumna do centro durante este día no que expresamos con firmeza o desexo de expulsar da nosa sociedade, e de xeito definitivo, a violencia contra as mulleres.


22 de nov. de 2012

Deseño dun Estudo Meteorolóxico

Queremos desenvolver un estudo meteorolóxico para completar o tema da atmosfera da materia Ciencias Naturais de 1º da ESO. Verónica foi tomando notas sobre como íamos concretando o seu deseño. Os seus apuntamentos son a base deste artigo:

Hoxe imos realizar un deseño dun Estudo Meteorolóxico para desenvolver os próximos días de clase. Necesitamos datos e chegamos á conclusión de que no centro non temos os instrumentos necesarios. Por sorte temos información en internet a través de MeteoGalicia. Entramos na súa páxina web e descargamos os datos (na ligazón Acceso a Datos).

Encontramos as seguintes estacións meteorolóxicas: Monterroso, Antas, Friol e Melide. De todas elas escollemos Melide porque pensamos que o clima se achega máis ao de Palas de Rei. 

Unha das preguntas que nos formulamos é Entre que datas facemos o estudo? Chegamos á conclusión de que se o facemos só no mes de agosto obteríamos un clima caluroso (irreal) así que debemos coller todo o ano. Pediremos os datos da estación de Melide entre o 01/01/2011 e o 31/12/2011.

Que datos nos descargamos? Decidimos descargarnos os datos recollidos polos instrumentos meteorolóxicos vistos na clase:
  • Temperatura Mínima do Aire (termómetro)
  • Temperatura Máxima do Aire (termómetro).
  • Humidade Relativa Media (higrómetro).
  • Velocidade do Vento (anemómetro).
  • Dirección do Vento Predominante (catavento).
  • Choiva (pluviómetro).
  • Presión atmosférica (barómetro).
Obtemos os datos, ordenámolos por columnas. Sorpréndenos que a dirección do vento se exprese en graos. Asociamos isto cos puntos cardinais. Copiamos a táboa ao portapapeis e pegámola nunha folla de cálculo. Estamos listos para facer o noso estudo e contestar a estas preguntas.



20 de nov. de 2012

Vocabulario Matemático Multilingüe

Achegamos o Vocabulario Matemático Multilingüe (galego-español-inglés-portugués) editado en 1995 polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela, coordinado polo profesor Xosé Masa e que ten esgotada a súa edición impresa.

Tamén podes descargar o documento en formato DOC premendo na imaxe.



Este Vocabulario Matemático tivo unha grande importancia no seu momento e non só por ser o primeiro que incluía a nosa lingua. Constitúe unha referencia imprescindible para explicar e resolver certas dúbidas sobre a escolla da forma galega para tecnicismos de raíz matemática. Con el, o galego faise presente e visible como lingua válida para todas as áreas da Ciencia.

Dende o EDLG esperamos que vos sexa de grande utilidade, tanto a profesorado como alumnado para podermos abrir todas as cancelas que lle foron pechadas a nosa lingua.



Para alén do Vocabulario Matemático achegamos estas tres ferramentas:

18 de nov. de 2012

Unha clase saltando con Baumgartner


O pasado 6 de novembro comezamos a falar das capas da atmosfera na clase de Ciencias de 1º da ESO, e nada mellor que abranguer os contidos dende un evento de actualidade coñecido pola maioría do alumnado: O salto dende a estratosfera de Félix Baumgartner.

Para esta clase baseámonos no artigo Física tras el Gran Salto escrito por Vicente Montes para o Faro de Vigo. Aínda que se tratan aspectos que superan a un alumno de 1º da ESO, si que aporta moitos datos e exemplos moi aproveitables para unha clase de Ciencias.

As alumnas Bibiana e Laura estiveron tomando notas sobre todas as reflexións e ideas que xurdiron esa día na aula e os seus apuntamentos son a base deste artigo:

O Grande Salto


Félix Baumgartner saltou dende a estratosfera, onde está a capa de ozono, a 39 km do chan. Vimos na clase que era a segunda das catro capas que formaban a atmosfera e que ía dende os 10 km ata os 50 km sobre o nivel do mar.

 Que tivo que ter en conta Félix para preparar o salto?

Pablo apuntou as seguintes variables: temperatura, presión, velocidade.
Santiago dixo que había que previr os mareos que lle podían dar a Félix.
Tamén se falou dos cartos que custaría e que necesitaríamos un bon patrocinador.

Temperatura

Polo visto na clase, sabemos que a 39 km de altura non debe ir moito frío polo efecto producido polo ozono, que mantén as radiacións ultravioletas emitidas polo Sol. Pero ao deixar a troposfera e entrar na estratosfera entre o km. 10 e o 20. as temperaturas poden baixar a 50º baixo cero, polo que necesitamos un traxe especial que soporte estas temperaturas tan baixas.  Todo o contrario que na viaxe ao centro da Terra que nos ensinou Noelia no que eran altísimas.

Presión

Vimos na clase que a presión diminúe cando ascendemos pola atmosfera. Tamén reparamos que a cápsula de Félix se abriu pouco a pouco. que exemplos coñecemos na nosa vida diaria onde acontece algo similar?

Alba dixo unha botella de coca-cola que se axitamos moito (aumenta a presión) logo ao abrir a coca-cola sube e o aire sae da botella con forza.

Rocio P. falou dun globo desinflándose que ao soltalo vai voando ata que se lle acaba o aire que leva dentro.

Este proceso onde se iguala a presión da cápsula chámase despresurización. A cápsula tiña que abrirse pouco a pouco, como cando unha ola a presión vai soltando aire. Se non estouparía!

Para entender que acontece coa presión segundo imos ascendendo déronnos este dato: a 19km. de altura a auga ferve a 37ºC, que é a temperatura da sangue da Félix! Na  viaxe ao centro da Terra tamén a presión era o maior obstáculo.

Mareos

Santiago preocupouse polos mareos de Félix ao caer da estratosfera. Vimos que Félix comezaba a dar voltas e preguntámonos que lle podía pasar. Despois de varias ideas o propio Santiago deu coa solución: Acontece como nunha lavadora que dá voltas a toda velocidade e o sangue pégase á cabeza e ás pernas como se fora a roupa ao tambor. Esta forza chámase centrífuga. Tamén pensamos que se o sangue se acumula en brazos e pernas podían estoupar as veas producíndose hemorraxías.

Era imprescindible que correxira a postura e volvera ao equilibrio.

Velocidade

A que velocidade baixa Felix?

Aitor comenta que na caída collemos moita velocidade e vai aumentado ata que abrimos o paracaidas.

Concluímos que non era así, que o aire, cando se facía máis denso, freaba a caída. Puxemos o exemplo das gotas de chuvia. Se non foran freadas polo aire, serían bombas que caerían a 200 km/h e caen a 30 km/h!

Para finalizar observamos o seguinte vídeo sobre o acontecemento e falamos sobre como se vía a Terra a esa altura:








7 de nov. de 2012

Repaso do Tema da Nutrición con Nubes de Tags

Como xa fixemos no tema 1 "A Célula" deseñamos unha sesión de repaso para o segundo tema da materia de Ciencias Naturais de 2º da ESO: "A Nutrición".

Cada alumn@ tivo que encher un formulario no seu computador consistente en cumprimentar un campo co seu nome e cinco campos cada un cunha palabra, un concepto, un proceso,... que tivera que ver co que acabábamos de traballar na aula.

Utilizamos a mesma técnica que na ocasión anterior: Formulario (módulo webform) en Drupal e wordle.net como xerador de nubes de tags.

A nosa nube foi a seguinte (clic para ampliar):



Realizaremos un exercicio a través da sección de Comentarios para relacionar estes conceptos, clasificalos por temas, nomealos en determinados procedementos ... e reparar no que o grupo considerou que era "o importante".

Exercicio. Cos conceptos reflicitidos na nube de tags, elabora por parellas frases que conteñan (sinaladas en MAIÚSCULA) polos menos 3 desas palabras:

Exemplo:  A RESPIRACIÓN, o METABOLISMO e a EXCRECIÓN son procesos implicados na NUTRICIÓN dos ANIMAIS.

Magosto 2012

O venres, 9 de novembro, ás 10:15h celebraremos o Magosto do noso centro.
Achegamos o programa. Boa festa e bo proveito!

PROGRAMA

1º / CARREIRA DE CASTAÑAS CON CULLER: Cada clase estará representada por unha parella (rapaza-rapaz). Inicia o percorrido o rapaz nunha esquina do campo e ten que levar unha culler en cada man e en cada culler unha castaña. O rapaz entregaralle o relevo á rapaza, que estará agardando no medio do campo. A rapaza que primeiro chegue  á meta coas castañas nas culleres será a ganadora. Se a algún compoñente da parella lle cae unha castaña ó chan, queda eliminada esa parella. A parella de profesores/as participa sen dereito a premio.

2º / O COMECASTAÑAS: Cada clase estará representada por unha parella distinta da que participou na actividade anterior. Cada integrante da parella disporá de 10 castañas e terá que intentar meter o máximo nº de castañas no comecastañas (caixa de cartón). O resultado final da parella será a suma das castañas metidas no comecastañas polos dous membros da parella. A parella de profesores/as participa sen dereito a premio.

3º / O BAILE DA CASTAÑA: Outra vez, cada clase estará representada por unha parella, sempre distinta. Agora a vitoria levaráa a parella que aguante máis tempo bailando cunha castaña que deberán suxeitar o bailador e a bailadora coas súas frontes. A parella de profesores/as participa sen dereito a premio.

4º / SORTEO  “O CASTAÑAZO”: Quen queira participar neste sorteo deberá mercar unha ou máis rifas (1€ rifa). A quen lle toque a rifa premiada levará o 25% do recadado;  o resto ( o 75%) doaráselle á Comisión Organizadora da Excursión de Fin de Curso.

5º / CANTIGAS DO MAGOSTO:

a) @s alumn@s de 1º de ESO cantarán a canción “Non chas quero, non chas quero...”. Como é moi fácil e coñecida, poderemos acompañalos tod@s @s que queiramos.



b)    Canción de desafío á maneira tradicional. Desta volta, as rapazas e os rapaces de 2º de ESO botaranse unhas cantiguiñas con moito enxeño e “agarimo”. Aquí, ós mais tócanos escoitar para entendermos ben as cousas guapas que se din as unhas ós outros e os outros ás unhas; pero, en chegando ó retrouso, ben fácil e coñecido tamén, podemos cantar tod@s @s que queiramos, como na peza anterior.

6º / COMEMOS AS CASTAÑAS ASADAS.

VIVA O MAGOSTO!!!

Premios do Audiovisual nas Aulas

Onte 6 de novembro foron entregados os Premios do Certame Cinema OUFF Escola 2012 que recoñece aos mellores proxectos audiovisuais escolares do ano.

Na categoría de Secundaria e outros niveis de ensino non universitario, o gañador foi o traballo Eu falarei!, presentado polo IES Chapela (Redondela, Pontevedra). O IES Manuel García Barros (A Estrada, Pontevedra) fíxose co segundo premio grazas a Pedigree, mentres que na peza Luz, do Colexio María Asumpta (Noia, A Coruña) recaeron outros dos galardóns desta categoría: o Premio Blanco Amor ao mellor guión e o Premio do Público. Finalmente, Unha cuestión de educación, do CPI Virxe da Saleta (Cea, Ourense) recibiu mención especial do xurado.

Nesta cuarta edición do Certame OUFF Escola participaron un total de 57 proxectos que poden verse no web oficial www.ouff.org.

Queremos dar os parabéns a todos os galardoados, en especial ao IES de Chapela polo seu espectacular traballo Eu falarei!. Este proxecto normalizador é todo un modelo de experiencia educativa. Un traballo en equipo que envolveu a toda a comunidade do centro e que leva xa máis de 30.000 visitas en youtube. Que cunda o exemplo do Berete!




Momento da entrega do Premio:





5 de nov. de 2012

Todo Listo para a Videoconferencia

A videoconferencia Facendo Física de Partículas polo Mundo movilizará, tanto en medios materiais como humanos, unha grande cantidade dos recursos dispoñibles no noso centro educativo. O curso de 1º BAC dinamizará dende distintos frontes a actividade. Practicamente todos os departamentos docentes foron envolvidos no evento e o resultado de tanto traballo en equipo verase nun video-documental onde amosaremos o ambiente co que vivimos esta xornada.

No apartado de medios técnicos, dispoñeremos no Salón de Actos de :

-  Computadora e Proxector.
-  Equipo de Son.
-  2 Micrófonos e Amplificadores.
-  WebCam.
-  Cámara Dixital con trípode para tomas fixas.
-  Cámara Analóxica para o "making off".
-  7 smartphones.

No apartado de medios humanos, sección profesorado:

-  EDLG: Organizador do evento no centro.
-  Dptos. de Matemáticas e Bioloxía: Dinamización do alumnado.
-  Dpto. de Física e Química: Desenvolvemento de actividades sobre partículas.
-  Dpto. de Tecnoloxía: Xestión de recursos técnicos e impulsor de ideas.
-  Dpto. de Música: Equipos de son e acústica.

No apartado de medios humanos, sección alumnado:

-  Dous presentadores/animadores da previa á videoconferencia.
-  Dous cámaras responsables de filmar o que aconteza.
-  Un responsable de montaxe dos materiais gravados.
-  Dous xornalistas que recollan os aspectos máis salientables da xornada.
-  Equipo de 5 tuiteiras e 2 tuiteiros que compartan esta experiencia educativa.
-  Cen rapaces e rapazas de distintos niveis educativos participando do acto.

Unha actividade como esta só pode saír ben.
Moitas grazas a todos/as polo ánimo con que vos implicastes.
Agora só resta disfrutar a tope deste día!

E grazas aos relatores/as e organizadores da actividade a Coordinadora Galega de ENDL e o Servizo de Normalización da USC.

Tuiteando Partículas

Xa temos preseleccionado o noso equipo de 5 tuiteiras e 2 tuiteiros que retransmitirán a xornada do 6 de novembro dende o noso instituto. O seu traballo será compartir o ambiente co que viviremos en Palas a videoconferencia titulada Facendo Física de Partículas polo Mundo enmarcada dentro das actividades do III Día da Ciencia e a Tecnoloxía en Galego. Esta actividade ten a seguinte fundamentación:

Non é habitual utilizar o móbil nas aulas, de feito todos os centros educativos teñen prohibido o seu uso con carácter xeral. Porén a súa presenza masiva nos niveis altos do ensino secundario e a evolución tecnolóxica que permite o uso de múltiples aplicacións de raíz educativa, motívanos a procurar desenvolver actividades que os incorporen, delimitando axeitadamente a súa utilización, atendendo os recursos dispoñibles en cada grupo e coa formación correspondente ao alumnado sobre cada aplicación ou contorna de aprendizaxe.

O desenvolvemento de actividades didácticas usando Twitter está sendo dinamizada dende diferentes focos (ver comentarios). Trátase unha ferramenta educativa de grandes posibilidades que impón:

- Desenvolver capacidade de síntese (140 caracteres)
- Clasificar información.
- Interactuar con outros usuarios, alumnado e profesorado.
- Estar no medio de comunicación de moda e un dos de maior influencia a nivel mundial.
- Participar en eventos conxuntamente con outros centros.

A videoconferencia do día 6 do novembro é un escenario inmellorable para poñer a proba o uso educativo de Twitter. Están convocados case 100 centros e máis de 6000 alumnos/as de toda Galicia. A nosa voz será achegada por estes 7 alumnos/as de 1º de BAC que se presentaron como voluntarios/as para tuitear o evento dende o seu smartphone e o seu perfil de Twitter recibindo unha sesión de formación sobre os obxectivos desta actividade:











Usaremos nos nosos tuits o HT #palas ademais do HT #cienciaetecnoloxiaengalego achegado pola organización do evento. 

Dende o Equipo de Dinamización Lingüística do noso centro queremos achegar as nosas enerxías para normalizar, fortalecer e difundir o uso da nosa lingua en todos os ámbitos, tamén na Ciencia e tamén nas Novas Tecnoloxías. Moitas grazas aos nosos tuiteiros/as por asumiren este reto e esta responsabilidade. Estamos seguros que serán unha excelente representación. Moitas forzas para eles/as. Teñen todo o noso apoio!