21 de maio de 2014

Introdución a Xeometría Fractal


Neste momento do curso, temos a case todo o instituto mergullado nos temas de xeometría plana e do espazo nas aulas de matemáticas. Estamos a traballar fundamentalmente coa xeometría de Euclides, con novas metodoloxías dixitais mais sen variar o que conceptualmente ten séculos e séculos de vixencia.

Mais non todo vai ser Euclides. No século pasado agromou unha nova xeometría a partir de conxuntos especialmente fermosos que constituían elementos intermedios aos definidos clasicamente: Neste vídeo, o Prof. Aldán Santamarina achéganos a esta espectacular xeometría, despois de facer un breve percorrido pola historia da xeometría euclidiana.

Veremos o triángulo de Sierpinski, a curva de Koch, o conxunto de Cantor e faremos unha emocionante viaxe polo interior dunha esponxa de Menger.




19 de maio de 2014

Festa das Letras Galegas


O venres 16 de maio o EDLG armou unha festa durante as dúas últimas horas de clase dirixida a todo o alumnado do centro. Foi a festa das letras, da pintura, da música e da poesía, aínda que tamén contou cun comezo de entrega de trofeos e diplomas. O acto foi conducido por Rosi Abreu e Andrea Ayaso.



En primeiro lugar, os alumnos Rodrigo González, Manuel Santos e Verónica Viña recibiron os trofeos como primeiros clasificados Torneo de Xadrez IES do Camiño 2014. O torneo foi organizado polo Dpto. de Matemáticas e o Equipo da Biblioteca. Participaron 40 alumnos/as e 4 profesores e xogáronse 100 partidas na fase previa e 16 nas eliminatorias.



A continuación Andrea Ayaso, Xeila Vázquez e Iván Arias (de xira teatral polo sur de España) recibiron o diploma como gañadores do concurso Explícoche Matemáticas 2.0, do que se falará nun próximo post.

Estela Vizcaíno e Claudia Neyra que delegou en Nicolás Vázquez por estar tamén de xira leron as súas Esopías premiadas nos concursos de Agapema e a Fundación Barrié.



Entramos a continuación en materia para render homenaxe a Xosé María Díaz Castro. Escolleuse proxectar un resumo de 10 minutos do sensacional traballo "Telexornal Díaz Castro" realizado polo alumnado do CPI Os Dices de Rois.



A seguir deuse recitado a unha escolma de poemas no que interviu o alumnado da ESO no noso instituto o que nos achegou á obra do autor de Guitiriz.



No noso instituto nunca falla a música, e tivemos a actuación de pandereteiras, gaiteiros e cantareiras. Temos que agradecer especialmente a súa participación porque colaboraron con moi pouco marxe para preparar a actuación. Son artistas de moita calidade e demostrárono unha vez máis.



A sorpresa da xornada veu da man de profesor Toño Núñez e do ex-alumno David, os chamados Transos do Chousa de Velín (*). Recitaron a Díaz Castro e a outros poetas, e interpretaron pezas musicais que van desde Toñito de Poi a Suso Vaamonde. Todo un espectáculo que nos emocionou a todos.



Agradecemos a colaboración a todos e todas, no que un ano máis nos xuntamos para berrar, a nosa maneira, un Viva a Lingua Galega!

(*)  Erroneamente Chan de Valín nunha primeira versión do post

Plantas Carnívoras

por Pablo García Bran (1º ESO)

Definición
Unha planta carnívora, tamén chamada planta insectívora, é unha planta que obtén parte ou a maioría das súas necesidades nutricionaiss  mediante a captura e o consumo de animais e protozoos, normalmente insectos. Estas plantas crecen xeralmente en lugares onde o solo é pobre, en especial en nitróxeno, como as terras ácidas pantanosas e os farallóns rochosos.
Existen distintos tipos de plantas carnívoras, dependendo do mecanismo de captura utilizado:
Pinzas

É  o  mecanismo da venus atrapamoscas , xunto ca Aldrovanda vesiculosa. Son as dúas únicas especies que teñen tal mecanismo. O insecto ou animal pequeno é atraído por un néctar doce, póusase na folla e cando roza os cilios detectores cerrase automáticamente. As espiñas dos bordes impiden o escape da presa.
A presa dentro  móvese, e estimula a  secreción de zumes dixestivos para a súa desintegración, que dura varios días. Unha vez dixerido o insecto, a folla despréndese do seu talo orixinal para dar lugar a unha nova folla e poder repetir este proceso unha e outra vez . 



Pelos pegajosos

É o mecanismo usado por Drosera, Byblis, Drosophyllum e Pinguicula, entre outras. Drosera posúe follas en rosetas pegadas ao solo que segregan un fluido viscoso cun arrecendo similar ao da mel.
Cando un insecto se pousa na folla, queda atrapado nos pelos pegañosos. Despois os tentáculos de Drosera  cúrvanse hacia dentro ata que se cerran. Pode tardar dende un minuto a varias horas en cerrar e transcurren entre 7 a 14 días ata que os tentáculos se volven a abrir completamente.



Cultivo
A maioría das plantas viven nos pantanos e as demais, xeralmente, en rexións tropicais, polo que requiren un alto grao de humidade. Estas condicións  pódense imitar no cultivo doméstico ou a pequena escala colocando as plantas dentro dun recipiente maior co  fondo cuberto de coios pequenos que se manteñan constantemente húmidos.
As distintas especies de plantas carnívoras posúen diferentes necesidades de luz solar, mestura de substrato ou humedade, todas comparten algunas destas necesidades. A maioría requiren auga de chuvia, auga destilada... A auga corrente contén minerais  que se acumularían ata matar a pranta. Este é o motivo polo cal a maioría das prantas carnívoras evolucionaron en substratos ácidos e pobres en nutrientes. Polo tanto son moi sensibles á achega continuada de nutrientes no solo. Xa que a maioría vexeta en pantanos, case todas son moi intolerantes á seca, polo que no vrao hai que colocar a maceta sobre un pratiño con auga.
                                                    
As plantas carnívoras son incapaces de dixerir outro tipo de alimentos que non sexan insectos, como trozos de carne, por exemplo, xa que estos  pudrirían no  interior da trampa causando a morte de toda  planta. É raro que unha carnívora morra aunque non atrape ningún insecto, o que pode afectar é o seu crecimiento.  En xeral, o mellor é deixar que estas plantas utilicen os seus propios recursos.



Algúns datos curiosos sobre as plantas carnívoras.

  • Existen máis de 625 especies de plantas carnívoras no mundo.
  • Estas plantas non só satisfacen as súas necesidades nutricionais de insectos, polo que é mellor chamalas carnívoras que plantas insectívoras.
  • Aunque non teñen músculos, como todas las plantas, as plantas carnívoras móvense.
  • As plantas carnívoras cazan utilizando pinzas, pelos pegañosos, trompetas, urnas e vexigas de succión, dependendo da especie que se trate.
  • Poden crecer tanto debaixo da agua, na súa superficie ou sobre a terra.
  • A súa altura oscila  entre un centímetro ata tres metros de alto.
  • A primera descripción das plantas carnívoras fixoa Charles Darwin en 1875.

9 de maio de 2014

Finalistas do "Explícoche Matemáticas 2.0"

Despois dun duro traballo, conseguimos rematar o vídeo de 2 minutos de duración para o concurso Explícoche Matemáticas 2.0 que organiza o Servizo de Normalización Lingüística da Facultade de Matemáticas.

Antes de máis, queremos agradecer esta iniciativa, tan necesaria desde que hai uns anos moitos profesores e profesoras tiveron que deixar de explicar matemáticas na nosa lingua a causa do Decreto do Plurilingüismo.

A relación de finalistas amosa un grande nivel nesta edición, e é un orgullo para o noso centro estar presente nela.

Moitos parabéns a Andrea, Xeila e Iván, do noso EDLG, excelentes actrices e actores que nos amosan o seu talento explicándonos dunha maneira orixinal e divertida a diferenza entre crecemento linear e exponencial.

Podedes valorar o seu traballo cun "Gústame" en Youtube.

Polinizando

Coa chegada da primavera, o proceso de polinización que traballamos na clase dentro da unidade das plantas chega ao seu máximo esplendor.

Aquí temos este vídeo recollido por Estela Vizcaíno de 1º B onde podemos observar a velocidade coa que unha abella se enzoufa do pole dunha flor e o transporte ao pistilo doutra.