20 de dec. de 2012

Os Minerais

O alumnado de 1º da ESO desenvolveu na última semana antes das vacacións de Nadal a seguinte presentación de diapositivas consistente nunha compilación de Fichas de Minerais. Podes seguir os detalles técnicos do proceso neste artigo. Cada parella presentou as súas fichas de minerais e os resto de compañeiros/as deberán engadir nos comentarios as súas características máis sorprendentes.

Presentación Colaborativa Esquivando Google Docs/Drive

Neste artigo debullamos os pasos seguidos para o desenvolvemento da presentación Os Minerais, consistente nunha compilación de fichas homoxéneas cumprimentadas polo alumnado de 1º da ESO.

A principio de curso realizaramos un traballo cunha técnica semellante que evitaba actuar sobre Google Docs/Drive. Podes consultalo na ligazón Grandes Astrónomos. Os hábitos adquiridos axudaron a axilizar o desenvolvemento da presentación, que tivo lugar nunha aula Abalar, con equipos funcionando baixo Ubuntu e aplicacións libres e gratuitas.

Os pasos seguidos foron os seguintes:

- Usando o software libre Gimp, deseñouse un fondo para as diapositivas da presentación. Con lixeiras nocións pódese crear algo parecido a esta imaxe:
 

- Co software libre Libre Office Impress, encheuse unha diapositiva a modo de exemplo e distribuiuse entre o alumnado (Moodle, Dropbox, email, pens, Google Drive, ...)


- Con ese ficheiro, cada parella debía modificar os datos do exemplo e mudalos ao mineral que escollían dinamicamente dunha listaxe proxectada na PDI pasando a cumprimentar á seguinte diapositiva.

- Finalmente gardaban o ficheiro en formato pdf para evitar desagradables sorpresas á hora de traballar noutro equipo.

- Para compilar todos os documentos nun único ficheiro pdf final hai varias posibilidades. Nós escollimos a ferramenta pdftk. Despois de a instalar, executamos na liña de comandos dende o directorio que contén os pdfs:

pdftk *.pdf cat output minerais.pdf

- O resultado subímolo á nube e podémolo visualizar aquí.

16 de dec. de 2012

The Beauty of Pollination

Redacción Colaborativa 2º da ESO

Este vídeo da polinización que vimos na clase trata da reprodución das plantas mediante o transporte do pole através dos insectos, dos paxaros e do vento.

O vídeo tamén trata sobre o crecemento e o cambio de cor e tamaño dos froitos, e como este proceso repercute a alimentación dos animais.

Por exemplo, vemos como as abellas chegan a unha flor atraídas pola cor dos pétalos, aliméntanse do pole para posteriormente fabricar o mel, enzóufanse nel e transpórtano ao pistilo desa flor ou de outra. Tamén podemos observar como os morcegos se guían polo olor das flores xa que ao non veren non poden apreciar a cor dos pétalos.

Os animais relaciónanse coa natureza: un exemplo e a da larva-capullo que se acaba transformando nunha bolboreta mediante a metamorfose.

Grazas ao proceso de polinización todos os animais do mundo e todas as plantas conseguen a súa supervivencia.




E a ti, que che gusta?


O alumno Iván Arias, membro do Equipo de Dinamización Lingüística do centro, achéganos un completísimo artigo sobre a campaña "Gústame... o galego!" da CTNL de Galicia. Ao final do mesmo cóntanos o porqué de que a el tamén lle guste o galego, facendo parte así desta iniciativa normalizadora.

Nesta campaña, cada participante debía seleccionar un motivo dos que aparece na listaxe desta imaxe (preme para ampliar):


Propoñémosche que escollas a túa frase e que a engadas como comentario identificándote co teu nome e curso. Encheremos o blog de motivos polos que, neste instituto, tamén nos gusta o galego!

Gústame... o galego!

por Iván Arias (3º da ESO)

A  creación galega amosouse na Culturgal (a feira das industrias culturais), que se celebrou este ano en Pontevedra dende o día 30 de novembro ata o día 2 de decembro, na que a CTNL (Coordinadora de Traballadores de Normalización da Lingua) puxo en marcha a campaña Gústame o galego. Na Culturgal promovíanse todo tipo de estilos de música, diversos tipos de literatura, artes escénicas, novas tecnoloxías, etc. pero todo isto na nosa lingua, o galego.
Todos os que participan nesta campaña poden engadir aos seus amigos, ou seguir, a Gústame o galego tanto en Twitter (www.twitter.com/gustameogalego) como en Facebook (www.facebook.com/gustameogalego).

En Twitter pódese seguir en @gustameogalego. As persoas que participaron ou participan nesta campaña poden utilizar o hastag #gustameogalego.

En Facebook a páxina de Gústame o galego fala do mesmo que en Twitter, en ámbalas dúas redes sociais aparecen imaxes nas que persoas, famosos/as ou non, participan nesta campaña con enunciados como: “gústame xogar en galego” ou “gústame o seseo (e a gheada e o rotacismo…)”.

Algúns famosos que participaron nesta campaña foron: Luis Tosar (que lle gusta xogar en galego), Xavier Alcalá (que lle gusta que as mates, a ciencia, a tecnoloxía… sexan en galego), Xosé Manuel Beiras (participando con: gústame que intentes falar galego, aínda que che custe un pouquichiño), Alfredo López (coa frase gústame o galego con acento africano), etc...

A min, persoalmente, o enunciado que máis me gusta é “Gústame que se faga xustiza co galego”. A razón de que me guste este é, principalmente, para destacar que o galego está ausente en moitos aspectos da nosa comunidade autónoma, Galicia, por exemplo no cine escasas veces hai películas en galego, queren sacar o galego dalgunhas materias no colexio como en Tecnoloxía, Matemáticas,… (de feito, xa o quitaron) cando o galego é un idioma e, por iso, témolo que respectar (e disfrutar) aínda que sexamos falantes doutro.


 A comunidade educativa do IES de Palas de Rei quere acompañar a Iván nesta campaña. Faino deixando a súa pegada no artigo e a ti, que che gusta?.

Irán & Israel, We Love You

-->
por Unai (2º da ESO)
Neste vídeo que achegamos, Ronny, un home israelí normal e corrente, pai de familia e profesor, pide axuda á xente “normal” coma el, de todo o mundo. A súa historia é a seguinte:
Publicou unha imaxe no Facebook cunha mensaxe: “Iranís, non vos imos bombardear. Amámosvos”. Nesta imaxe dille a todo cidadán iraní que para que haxa unha guerra entre eles, primeiro teñen que se ter medo e teñen que se odiar. E tamén manifestou que el non lles ten medo, que non os odia, nin siquera os coñece, só coñeceu unha vez a un iraní e era unha bela persoa. Comenta que na televisión ve xente que fala de guerra, pero Ronny está seguro que non representa a toda a xente de Irán. Tamén di que en vintecatro horas a xente comezou a compartir esa imaxe no Facebook. En corenta e oito horas, persoas iranís responderon a esa imaxe con mensaxes para expresar tamén o seu amor por eles. Ronny quere que compartamos isto co resto do mundo e por outros medios diferentes ao Facebook.
Eu creo que Ronny quere acabar coa ameaza de guerra entre Israel e Irán. Isto paréceme unha fastántica idea para que a xente se mentalice coa situación na que se encontra o mundo actual. Ten razón, porque na sociedade non queremos que haxa guerra. Espero que a xente vexa este vídeo e comprenda o perigo da situación entre estes dous países. 



14 de dec. de 2012

Mensaxe da CGENDL


A Coordinadora Galega de ENDL, organizadores do evento mundial #recitandocelsoemilio achéganos esta mensaxe. Aquí ficamos orgullos@s de compartir con tanta xente esta inesquecible xornada:
 <<
Logo da multitudinaria festa colectiva de recitandocelsoemilio , desde o consello directivo da CGENDL só podemos, co corazón na man, mandarvos unha forte aperta de gratitude:

Para os equipos de normalización que convertestes unha pequena semente nun froito maduro.

Para todo o profesorado que lle deu forma a este proxecto, máis alá da indiferenza, o desánimo ou a apatía, e deseñou vídeos, melodías e pancartas que nos fixeron soñar.

Para todos os membros da comunidade educativa que acudistes a esta chamada e cantastes en voz alta eu fáloa porque si, porque me peta.

Para todas as bibliotecas, clubs de lectura, asociacións veciñais e culturais... que fixestes da palabra de Celso Emilio Ferreiro unha chamada á esperanza activa.

Para todas as institucións que non perderon o ritmo dos tempos, e sumaron voces.

Para cada un de vós, que facedes día a día a Coordinadora e seguides afirmando que nos gusta o galego, porque si.

E, sobre todo, para @s trinta e mil alumnas e alumnos de Galicia que onte rapearon, berraron, corearon e versionaron a Celso Emilio Ferreiro, o poeta de Celanova.

Un millón de grazas por tanto entusiasmo.
 
Consello Directivo
Coordinadora Galega de ENDL
http://www.coordinadoraendl.org 

>>

Grazas a vós por este inmenso traballo! Grazas polo compromiso cun Ensino de Calidade que si sabe, como dixo Celso Emilio, afirmarse no amor dos devanceiros.

EDLG do IES do Camiño de Palas de Rei 

13 de dec. de 2012

Repaso do tema de "A Reprodución" con Nubes de Tags


Seguindo a dinámica de dar repaso aos temas superados coas nubes de tags, acrecentamos o correspondente ao tema 4 deste curso de 2º da ESO de Ciencias Naturais, "A Reprodución" (preme para ampliar)



O alumnado responderá nos comentarios ao seguinte exercicio:

Exercicio. Cos conceptos reflicitidos na nube de tags, elabora por parellas frases que conteñan (sinaladas en MAIÚSCULA) polos menos 3 desas palabras:

Exemplo: O ÓVULO xerado nos OVARIOS dá lugar ao EMBRIÓN despois de se producir a FECUNDACIÓN.

Recitando CEF en "EL Progreso"

O #recitandocelsoemilio do noso centro tivo hoxe unha referencia no xornal "El Progreso".

Aínda que lle dedicaran toda a páxina a este evento, e por moi bos xornalistas que foran, non serían quen de arrombar todas as emocións vividas durante esa hora no Salón de Actos.

O traballo mostrado foi espectacular, en todos os niveis (de 1º da ESO a 1º de BAC) e en todas as modalidades (canto, recitado, tuiteado). Non teremos paciencia para esperar outros 100 anos e repetir unha xornada similar.

Velaí tedes a noticia: (preme para ampliar)

12 de dec. de 2012

Isto foi o RECITUITEADO

Con motivo da inesquecible xornada do 12/12/2012, montamos unha actividade en Twitter denominada O Recituiteado que pretendía complementar o conxunto de achegas dos máis de 200 centros educativos envoltos no evento #recitandocelsoemilio.

Xa tiñamos algo de experiencia con Tuiteando Partículas, e estamos moi satisfeitos do resultado desta segunda xeira. O hashtag iesdepalas atinxiu os 75 tuits e foi a 5º palabra máis usada entre todos os participantes. Alén diso, 5 rapazas e 1 rapaz do noso centro situáronse no top 25 dos tuiteiros/as máis activos deste evento mundial (chegaron tuits de todo o mundo!).

Parabéns a Andrea, Xulia, Miriam C., Miriam S., Fani e Carlos polo seu traballo. Aquí deixamos o primeiro recituiteado en lingua galega:

11 de dec. de 2012

Así viviremos #recitandocelsoemilio


O 12/12/2012 artellamos dende o equipo de dinamización unha actividade na que lembraremos ao grande poeta Celso Emilio Ferreiro no centenario do seu nacemento. Como xa comentamos nunha entrada anterior, o evento envolverá a alumnado e profesorado de todos os niveis e todas as áreas coa mínima incidencia no desenvolvemento normal das aulas. Sumámonos así aos outros 200 centros educativos, asociacións, bibliotecas,...que en colaboración participan desta xornada.

Estaremos recitando Celso Emilio dende as 11:30h ás 12:30h. O programa, debullado por cursos, é o seguinte:

11:30h Uxía de 1º de BAC acompañada á guitarra por Xabier cantará Moraima. 
11:35h 5 alumn@s de 1º BAC recitarán: María Soliña, Irmaus, Eu en Ti, Longa Noite de Pedra, Saudade e Gaita Irreal. 
11:50h 2 alumn@s de 4º de PDC recitarán: Proclamei os meus Veciños e Poema Nuclear. 
12:00h Alexandre de 1º BAC será a nosa voz no recitado simultáneo de Deitado Frente ao Mar. 
12:05h 5 alumn@s de 2º ESO recitarán: Epitafio a unha Bandeira, O Hincha, O Soño do Neno, O reino e Nota Necrolóxica. 
12:15h 5 alumn@s de 1º ESO recitarán: O Sapo, Primavera Inútil, O Precursor, Infanza e Eiquí Será. 
12:25h Un coro de profes voltarán a cantar Moraima, pechando este acto circular.

Ademais disto:
  • Radio Palas gravará as actuacións para a súa inclusión nos informativos.
  • 2 tuiteiras de 4º da ESO retransmitirán todo o evento por Twitter cos hashtags #recitandocelsoemilio #palas.
  • 4 tuiteir@s de 4º da ESO recituitarán ás 12h Deitado Frente ao Mar facendo presente as palabras do poeta tamén nas redes sociais.
... e de maneira experimental:
  • Emitiremos dende o Salón de Actos ao vivo e a través deste blog toda a actividade vía streaming. Usaremos unha webCam, un proxector, micrófonos, músicas de fondo,... Abriremos a conexión ás 11:25h.
  • O alumnado que non participe directamente poderá seguir, a vontade do profesor/a, o traballo dos seus compañeir@s por internet dende as súas aulas.
  • Gravaremos cunha cámara de mellor calidade para despois compartir o vídeo xa en diferido.

Todo isto é posible grazas o traballo conxunto de todo o centro. Dende o EDLG agradecemos inmenso todo o apoio recibido. Será un día inesquecible.


Auga en Mercurio

por Javier O. (1º ESO)

 No tema 4 "A Hidrosfera" na clase de ciencias naturais, estivemos vendo a presenza de auga nos demais planetas rochosos do Sistema Solar, e vimos que en Mercurio non había auga porque a súa escasa gravidade non retén gases, polo que non posúe atmosfera e non hai auga na súa superficie.

Esa mesma tarde a NASA descubriu pola sonda espacial Messenger que había auga conxelada nas zonas máis escuras do planeta máis próximo ao Sol. Dado a súa proximidade ao Sol, Mercurio parecía ser un lugar con poucas posibilidades de encontrar xeo, pero a inclinación do eixe de rotación de Mercurio e de case cero e iso provoca que os polos do planeta nunca vexan a luz do Sol.

O descubrimento é sorprendente, se temos en conta as temperaturas deste planeta que superan os 400 graos centígrados. Porén, algúns cráteres nos polos de Mercurio que se encontran en sombra permanente e este factor convérteo no que os científicos denominan “trampas de frío”.

Podes acceder a máis información deste descubrimento na propia web da NASA.


O Óxido Nitroso

por José C. (1º ESO)

En clase xurdiron dous enfoques dependendo do concepto de presión do aire. A min interesoume este tema polo óxido nitroso que é un gas moi intrigante e porque son un grande afecionado ao mundo do motor. O do óxido nitroso oíno nun programa de coches chamado Top Gear Inglaterra que se emite en Energy. O óxido nitroso é un axente incoloro, cun certo olor a dóce e é unha molecula altamente inestable no aire.

O óxido nitroso é o principal destrutor da capa de ozono, tamén é un gas de efecto invernadoiro. Cando a atmosfera recibe fortes doses de óxido nitroso e cando impactan contra o solo, edificios ,plantas, etc: é a chamada precipitación seca. Permanece na atmosfera e combínanse con humidade das nubes e caen coa chuvia, a neve e o orballo: é a chuvia ácida.

Tamén se usa na medicina, pero as sobredoses son perxudiciais.

E tamén nos motores, que se almacena nos cilindros de aceiro comprimido. É inflamable pero non explosivo a temperatura crítica (36,5 graos) e por íso se encontra en estado líquido dentro  dos cílindros. Cando se libera deles, a presión atmosferica ambiente, transfórmase  en vapor. A presión sobre o cilindro líquido é sobre 51 bar e permanece ata que todo o liquído se evapora.