28 de out. de 2012

Actividade Previa da VideoConferencia dende o CERN


Cibrán Santamarina, profesor do Departamento de Física de Partículas da Universidade de Santiago de Compostela e colaborador da Organización Europea para a Investigación Nuclear (CERN) é un dos científicos galegos que participarán o día 6 de novembro na videoconferencia simultánea titulada Facendo Física de Partículas polo Mundo, conmemorativa do III Día da Ciencia en Galego. O día 5 de xullo de 2012, con motivo da realización dun experimento que podía dar lugar á obtención dunha partícula só existente, ata ese momento, na teoría, o profesor Santamarina escribiu un artigo no xornal Faro de Vigo ao que podes acceder premendo aquí.

Despois de dar lectura ao dito artigo, responde as seguintes preguntas:

1. Que 3 partículas están presentes no átomo segundo o modelo de Rutherford?

2. Que principio citado no texto deu lugar á Física Cuántica? Quen foi seu pai?

3. Ordena de máis antigo a máis recente os seguintes científicos citados no texto:  André Ampère, Albert Einstein, Ernest Rutherford, Peter Higgs, James C. Maxwell.

4. Que teoría creou Maxwell para unificar electricidade e magnetismo?

5. A Teoría da Electrodinámica Cuántica xunta a teoría de Maxwell coa Física Cuántica. Como explica a interacción de dúas partículas?

6. Que dous científicos recibiron o Premio Nobel polo descubrimento de 3 partículas obtidas no CERN?

7. Que é o Bosón de Higgs?

8. Como se chama a teoría actual máis completa que describe a interacción entre partículas?

9. Que organismo acaba de descubrir unha partícula que apunta ser o Bosón de Higgs?

10. En que 3 ámbitos fican cuestións da Física Fundamental aínda sen resposta?

26 de out. de 2012

Preparando o Día da Ciencia en Galego

Xa estamos impacientes ante a chegada dun acontecemento que cada ano se consolida no noso calendario educativo: O Día da Ciencia e a Tecnoloxía en Galego.

Este ano conta cun programa espectacular. Nel destaca a videoconferencia dende o CERN dirixida a 100 centros educativos de Galicia entre os que, por suposto, se encontra o noso. Falarán dende Suiza científicos galegos apoiados por outr@s compañeir@s dende Santiago e Lisboa. Será o martes 6 de novembro de 12:30h a 13:30h. O título "Facendo Física de Partículas polo Mundo". Esta actividade está organizada pola Coordinadora de ENDLG e polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela.

Que é o CERN?


É a Organización Europea para a Investigación Nuclear, con sede en Xenebra. Conta con financiamento público dos estados membros, case todos os da Europa Occidental. Fundouse en 1954 e, dende entón, atinxiu diversos resultados científicos de grande interese na área de Física de Partículas, onde se estudan as partes máis pequenas e inaccesibles da materia, coñecemento indispensable para explicar todo o demais.

No CERN foi construída unha obra extraordinaria: o LHC ou Colisionador de Hadróns. Trátase dun anel de 27 km de perímetro a cabalo entre Suíza e Francia. Nel son aceleradas partículas subatómicas ata atinxiren case a velocidade da luz. A súa colisión dá lugar a novas partículas con desprendemento de grande cantidade de enerxía. Hai pouco foi identificada unha partícula esencial nas teorías modernas sobre a materia: O Bosón de Higgs. A súa importancia vén descrita neste artigo achegado por Cibrán Santamarina, un dos relatores do evento.



Quen vai participar?


    No programa participan @s seguintes investigador@s:

  •   Patricia Conde. Investigadora no LIP de Lisboa. Física do experimento ATLAS do CERN.
  •     Olaia Castro. Profesora no City University en Londres. Investiga en Teoría Cuántica de Campos.
  •     Abraham Gallas. Investigador no CERN e na USC. Físico do experimento LHCb do CERN.
  •     Carlos Salgado. Investigador no CERN e na USC. Investiga o estado da materia nos primeiros instantes do Universo..
  •     Cibrán Santamarina. Profesor da USC. Traballa no experimento LHC do CERN.

Fálase galego no CERN?


Polo CERN pasaron unha grande cantidade de científic@s de Galicia, o que di moito da calidade d@s nos@s investigador@s. Hai uns anos, asinaron un manifesto promocionando o uso da nosa lingua na Ciencia. Reparaban en que non só trataban temas científicos en galego entre el@s, se non que tamén o utilizaban con cientific@s de Portugal e Brasil, presumindo así de que a nosa lingua tamén é internacional. Oín unha vez que era máis fácil sentir falar galego no CERN que nos parques infantís dalgunha cidade galega. Temos unha lingua mundial cun problema como un mundo!

Como nos podemos achegar ao que se fai no CERN?


Xuntamos esta banda deseñada onde nos explican dunha maneira moi simplificada os obxectivos que se procuran no CERN e as vantaxes que aportan ao desenvolvemento da Ciencia no Século XXI.



Participación do IES do Camiño de Palas de Rei


O noso centro educativo participará da videoconferencia con todo o alumnado do bacharelato e do segundo ciclo da ESO. Faremos un traballo introductorio nas aulas e nomearemos a varios xornalistas tuiteiros de diferentes cursos que retransmitirán por Twitter o acontecemento baixo o hashtag, xa utilizado noutras ocasións, #cienciaetecnoloxiaengalego.

Máis información en

Día da Ciencia en Galego
Coordinadora Galega de ENDLG  (inscrición na videoconferencia)
Tecnoloxía.org
Carta Xeométrica
Blogue I love science do IES Otero Pedrayo - Ourense 

25 de out. de 2012

A Luz do Sol dende o Polo Norte con Google Earth

por Rocío P. e Xesús R.  (1º da ESO)

 Hoxe en clase fixemos un exercicio que se trataba de situarnos no Polo Norte e comentar como alumaban os raios do Sol alí. Estivemos facendo varias preguntas como que cando era día e cando era noite. Claro que hai que ter en conta o grao de inclinación da Terra. Tamén nos preguntamos como está iluminado o Polo Norte, zonas de sombra e zonas de luz. Xa que estamos, imos darvos máis información. No inverno o Polo Norte está case cuberto de escuridade, só unha pequena parte está iluminada. En primavera e outono a contorna do Polo Norte está dividida en dúas zonas, é dicir, que metade está iluminada e outra parte non. Ata que a finais de outono a escuridade empeza a estenderse aínda máis. Para confirmar todo isto usamos Google Earth. Nesta aplicación fíxose un vídeo titulado  A luz solar na Terra vista dende o Polo Norte.  Esta aplicación  pódela descargar para o voso computador premendo aquí.




Unha pregunta que nos fixemos foi: como vemos esa auga no Polo Norte? A coro algúns alumnos/as dixeron que estaba conxelada, cousa que é certa. Un dato que observamos é que no verán os raios do Sol inciden con máxima intensidade sobre o Polo Norte. Tamén vimos que a luz do Sol ilumina a Terra no sentido contrario ás agullas do reloxo e vimos que o Sol sae pola costa Mediterránea antes que pola Atlántica.


Nota do Prof: Rocío e Xesús exerceron de xornalistas científicos recollendo o debate previo e a as conclusións tiradas do vídeo para despois redactaren este post.

Podemos viaxar ao centro da Terra?

por Noelia G. (1º  ESO)

O outro día comezamos a clase propoñéndonos unha pregunta: podemos chegar ao centro da Terra? Con este video recordamos o libro de Julio Verne, Viaxe ao Centro da Terra, que entre tantos libros que el escribiu  foi o único que o home non deu levado á realidade. E como mostra o vídeo que nos ensinaron na clase, non vai ser posible cumprir este obxectivo.
A parte de que tardaríamos 58 anos en chegar, as temperaturas alí son moi altas. Temos traxes que soportan 1100 graos centígrados, pero só no Manto atínxense os 2500 graos centígrados. Sen contar que o manto non o daríamos pasado xa que é rocha en estado sólido. Tamén temos que reparar no aire, que para un día nos fan falta 24 tanques e para 58 anos 500.000 tanques!



O ser humano con todas as súas probas polos camiños da ciencia demostrou que o soño de Julio Verne nunca se fará realidade.

23 de out. de 2012

Malala´s Fight [English Version]



Malala Yousuzfai is a 14-year-old Pakistani girl who was shot on the ninth of October last because of her fight in favour of civil rights,especially for women who were not allowed to access education. Malala was very brave and fair for society. Was what she did so serious? I don´t think so. What was her crime? Just trying to help the women of her country? Anyway, I have always thought that going to school was awful, but I realise now that it is something unachievable for thousands of girls like Malala. I look around and what can I see? Textbooks, homework, learning... things that Malala fights for and so many people in The First World reject, curse or even hate. Nobody stops to think about the people who fight for this and can lose their lives. I think the Taliban were terribly unfair and cowardly to attack in such a violent way a girl who didn´t do anything wrong. Now, because of them, she was seriously injured, which she will remember for the rest of her life. And we,as girls and boys of the same age, want to tell you that you must be strong and keep on fighting for the things you really believe in. At present, we are concious about the fact that we have the privilege of being able to attend the school without any difficulty.

Malala, you are a special girl who can undoubtedly achieve all you want to. We support you.
We encourage you to continue forward.



Andrea L. & Fátima C.
2ºESO's Representatives
of Palas de Rei High School


Note: Student's messages in favour of Malala in Galician version post.

Thanks to Bela for her help!

21 de out. de 2012

A teoría do Big Bang

por Pablo L. (1º da ESO)

A teoría do Big Bang (ou gran expolsión como denominamos na clase), foi un grande avance para o coñecemento do Universo, explicando así a súa creación ao marxe de creenzas relixiosas. O Big Bang, empezou a coñecerse grazas a unha serie de descubrimentos realizados por moitos astrónomos; como Georges Lemaître, Alexander Friedman e uns avances de Albert Einstein e Edwin Hubble (como ben falaron del as nosas compañeiras Noelia e Verónica durante a exposición do traballo de Grandes Astronóm@s).



 O Big Bang, comezou cun "átomo primixenio" ou "ovo cósmico", que se empezou a expandir hai 13.700 millóns de anos. Nese tempo creáronse millóns de galaxias, de planetas e estrelas. Ao principio só era un puntiño pequeno, quente e moi denso, despois houbo un tempo de oscuridade e comezáronse a crear as primeiras estrelas, grazas aos átomos de helio. Isto conlevou as galaxias  e aos planetas, que ao comezo estaban máis xuntos que agora, polo espazo máis reducido, porque o espazo segue en continuo movemento.      

Máis informacion premendo aquí.

19 de out. de 2012

A loita de Malala

Malala Yousuzfai é unha nena paquistaní de 14 anos que o pasado 9 de outubro foi agredida cunha bala por defender os dereitos civís, especialmente os das mulleres ás que lles prohibían a educación. Malala foi moi xusta e moi valente coa sociedade. Foi tan grave o que ela fixo? Penso que non. Que delito cometeu? Intentar axudar ás mulleres do seu país? Vaia, sempre pensei que ir ao instituto era moi cargante, pero agora doume conta que é algo inalcanzable para miles de rapazas como Malala. Miro o meu redor e ... que vexo? Libros do instituto, deberes, aprendizaxe... cousas polas que loita Malala e que tanta xente do primeiro mundo rexeita, maldice e ata odia. Ninguén se para a pensar nas persoas que loitan por isto e que chegan ata a perder a vida. Creo que os talibáns foron moi inxustos e á vez cobardes por agredir desa forma tan violenta a unha nena que non fixo nada malo. E agora por culpa deles, recibiu un golpe duro que recordará toda a súa vida. E  nós, como nenos e nenas da túa idade, queremos dicirche que sexas forte como fuches ata o de agora, que loites polo que de verdade queres. Agora dámonos conta de que somos moi privilexiados ao poder ir ao instituto sen ningunha dificultade. 

Malala, es unha rapaza que sen dúbida algunha conseguirás todo o que te propoñas. Apoiámoste. 
Ánimo e adiante! :-)
Andrea L. e Fátima C.
en representación do grupo
de 2º da ESO do IES de Palas de Rei




 

18 de out. de 2012

As estacións con Stellarium


Probamos a visualizar que información nos achegaba Stellarium a respecto das estación do ano. Deitámonos tomar o Sol a altura da Coruña e deixamos pasar o tempo. Fixemos paradas nos solsticios e nos equinoccios para apreciar mellor as súas características. O resultado das nosas pesquisas figuran neste vídeo:


16 de out. de 2012

A Orixe da Terra


Comezamos en 1º da ESO a segunda unidade de Ciencias que trata do planeta Terra.

O seguinte documental de 25', moi aquelado para este nivel educativo, explica moi sinxelamente como se formou o noso planeta, como evolucionou ata os nosos días e como o fará no futuro. Tiramos moitas conclusións e abofé que nos habemos seguir sorprendendo no futuro.

14 de out. de 2012

Grandes astrónom@s


Quixemos investigar un pouco máis sobre a vida e obra dos/as máis importantes astrónomos/as da Historia. Cada parella responsabilizouse de resumir e achegar os aspectos fundamentais destes coñecedores do Universo.

A idea inicial consistía en desenvolver unha presentación colaborativa en Google Docs (Google Drive), mais os accesos simultáneos provocaban erros que facían pouco operativa a metodoloxía. Parece que nos últimos anos a aplicación de diapositivas de Google non evolucionou ao nivel da de texto ou ao de follas de cálculo. Optouse por descargar a plantilla común e traballar coa aplicación en local. Despois compuxéronse nun pdf.

A tarefa completouse cunha sesión onde o alumnado presentou o seu traballo realizando un exercicio de divulgación científica onde acrecentou información, presentou novo material e respostou a preguntas.

Achegamos unha mostra do realizado.


10 de out. de 2012

Repaso do Tema da Célula con Nubes de Tags

Deseñamos unha sesión de repaso para o primeiro tema da materia de Ciencias Naturais de 2º da ESO: "A Célula".

Cada alumn@ tivo que encher un formulario no seu computador consistente en cumprimentar un campo co seu nome e cinco campos cada un cunha palabra, un concepto, un proceso,... que tivera que ver co que acabábamos de traballar na aula.

Este formulario foi desenvolvido usando os webforms de Drupal da web corporativa do centro. Os resultados poden ser visualizados e descargados a unha folla de cálculo. A seguir, cópiase a listaxe dos conceptos e cólanse na web Wordle, que nos volve unha imaxe coa nube conceptual creada polo alumnado.

Unha alternativa máis popular que a de botar man de Drupal son os formularios de Google Docs, con mesmas funcionalidades, mais con dependencia de elementos exteriores.

A nosa nube foi a seguinte:


Grazas a esta imaxe e á PDI puidemos relacionar estes conceptos, clasificalos por temas, nomealos en determinados procedementos ... e reparar no que o grupo considerou que era "o importante".

Exercicio. Cos conceptos reflicitidos na nube de tags, elabora por parellas frases que conteñan (sinaladas en MAIÚSCULA) polos menos 3 desas palabras:

Exemplo:  As MITOCONDRIAS son os ORGÁNULOS encargados da RESPIRACIÓN da CÉLULA EUCARIOTA




8 de out. de 2012

Campionato de Prime Shooter


Decidimos celebrar o día de San Froilán con algo parecido a unha escopeta de feira: O Prime Shooter.

Podes acceder a este xogo premendo aquí. Trátase dunha pequena aplicación que encaixa a perfección na parte de divisibilidade da materia de matemáticas.

@ xogad@r ten que disparar divisores primos a números compostos que caen do ceo. Este composto transfórmase no cociente da división e a seguir disparando. Cando fique primo lanzaremos un "p".

O campionato de 2º da ESO, en modalidade individual e por parellas, foi moi competido e emocionante. Anotamos os resultados en Google Docs. A PDI foi o noso marcador electrónico.



O Universo con Stellarium. A estrela Polar.


Unha das máis interesantes funcionalidades do software Stellarium consiste en permitir acelerar o decurso do tempo. A causa dos movimentos de rotación e traslación da Terra, vemos que as estrelas e planetas están en continuo  trafego (realmente o que se percibe é o noso movemento), polo que parece complicado orientarse cunha simple vista de ollos.

Mais non eran os vellos navegantes os que miraban o ceo para fixaren os seus rumbos?

Aceleramos o tempo co Stellarium e reparamos nunha estrela fixa no Norte que parece que case non se move: Trátase de Polaris, a mítica estrela Polar, aliñada co eixo de rotación da Terra o que a fai "inmune" aos nosos movementos. Fomos deitarnos ao Polo Norte para observala xusto no centro do ceo que alí se ve, gozando, de paso, dos seus días e noites de 6 meses.

Podes ver o resultado das nosas pesquisas no seguinte vídeo:




A estrela Polar serviu de referencia durante centos de anos, mais ... será sempre así?

Un alumno reparou en que dentro de 3000 anos a estrela se irá desprazando (máis ben será o conxunto de movementos dos sistemas planetarios) e que deixará de ser un bon indicador do Norte.



O Universo con Stellarium. A Rotación da Lúa.


Iniciamos o curso na materia de Ciencias Naturais de 1º da ESO ollando o Universo co programa gratuito Stellarium, dispoñible para os distintos sistemas operativos premendo aquí.


Con este software puidemos achegarnos aos planetas do noso sistema, aos seus satélites, reparar nas súas órbitas, ollar as constelacións cos seus trazos e as súas figuras, recompilar datos sobre distancias e volumes manexando as unidades astronómicas e anos-luz, ...

Entre todas as nosas conclusións unha despertou un especial interese. Encontramos unha aparente contradicción entre o que observamos e o que sabíamos a respecto da órbita que seguía a Lúa. Como é posible que a Lúa rote sobre si mesma como di o noso libro de texto e que ao mesmo tempo manteña unha cara oculta?

Este vídeo mostra o movemento de rotación da Lúa que nos ofreceu o Stellarium:




 A Lúa abálase, mais dende a nosa perspectiva na Terra non parece que rote sobre si mesma... Que está a acontecer?

O seguinte vídeo dá resposta as nosas preguntas. A solución é que a Lúa sincroniza os movementos de rotación e traslación de tal maneira que dá unha volta sobre si mesma ao mesmo tempo que orbita ao redor da Terra, no que demora algo máis de 27 días.




Este vídeo expón o que pasaría se non houbese rotación da Lúa ou se esta fora asíncrona coa súa órbita: Non habería esa cara oculta da que sentíramos falar.


Podes obter máis información na web de divulgación astronomos