22/11/2012

Deseño dun Estudo Meteorolóxico

Queremos desenvolver un estudo meteorolóxico para completar o tema da atmosfera da materia Ciencias Naturais de 1º da ESO. Verónica foi tomando notas sobre como íamos concretando o seu deseño. Os seus apuntamentos son a base deste artigo:

Hoxe imos realizar un deseño dun Estudo Meteorolóxico para desenvolver os próximos días de clase. Necesitamos datos e chegamos á conclusión de que no centro non temos os instrumentos necesarios. Por sorte temos información en internet a través de MeteoGalicia. Entramos na súa páxina web e descargamos os datos (na ligazón Acceso a Datos).

Encontramos as seguintes estacións meteorolóxicas: Monterroso, Antas, Friol e Melide. De todas elas escollemos Melide porque pensamos que o clima se achega máis ao de Palas de Rei. 

Unha das preguntas que nos formulamos é Entre que datas facemos o estudo? Chegamos á conclusión de que se o facemos só no mes de agosto obteríamos un clima caluroso (irreal) así que debemos coller todo o ano. Pediremos os datos da estación de Melide entre o 01/01/2011 e o 31/12/2011.

Que datos nos descargamos? Decidimos descargarnos os datos recollidos polos instrumentos meteorolóxicos vistos na clase:
  • Temperatura Mínima do Aire (termómetro)
  • Temperatura Máxima do Aire (termómetro).
  • Humidade Relativa Media (higrómetro).
  • Velocidade do Vento (anemómetro).
  • Dirección do Vento Predominante (catavento).
  • Choiva (pluviómetro).
  • Presión atmosférica (barómetro).
Obtemos os datos, ordenámolos por columnas. Sorpréndenos que a dirección do vento se exprese en graos. Asociamos isto cos puntos cardinais. Copiamos a táboa ao portapapeis e pegámola nunha folla de cálculo. Estamos listos para facer o noso estudo e contestar a estas preguntas.



Ningún comentario:

Publicar un comentario