16 de out. de 2013

As Enquisas On-Line

3º da ESO

Comezamos a materia de matemáticas polo bloque de Estatística onde aparecen conceptos de uso habitual como poboación, mostra representativa, diagrama de barras, ... e outros pouco coñecidos como nesgo e tendenciosidade.

Os estudos estatísticos requeren dun traballo previo de non pouca dificultade que consiste en deseñar os criterios para que a mostra na que se basee o estudo sexa representativa. Nada diso acontece nas enquisas on-line tan habituais nos medios dixitais.

Tomando como base o artigo Encuestas On-Line Buenas para Nada de José Cervera en eldiario.es onde se cuestiona a validez desta tipo de iniciativas, fixemos un percorrido polos diferentes xornais dixitais.

Escribindo colaborativamente nun documento compartido no Google Drive desta conta, fomos cumprimentando por parellas unha análise crítica das enquisas coas que nos íamos atopando.

Amosamos unha mostra do traballo feito durante unha sesión na aula de informática do noso centro. Podes acceder ao documento completo premendo aquí.



Esta pregunta formulada polo xornal dixital elmundo.es refírese á catástrofe humanitaria ocorrida na illa italiana de Lampedusa, na que morreron no naufraxio dun barco arredor de cen inmigrantes que fuxían da guerra e da miseria. Ese barco tiña capacidade para cen persoas, non obstante, ían cincocentas. A pregunta é formulada de forma que dá a entender que a UE non fixo nada para evitar a catástrofe e polo tanto a maioría dos lectores votaron que si á enquisa. Esta enquisa ten un nesgo a favor da resposta afirmativa.


Esta pregunta foi formulada polo xornal EL Universal. Refírese aos venezolanos que expulsaron a uns diplomáticos de EEUU. Eles para vingarse expulsaron a tres diplomáticos venezolanos de EEUU. Normalmente nas enquisas suele haber respostas de ‘sí’ ou ‘non’, neste caso hai catro respostas para xustificar a pregunta. Esta pregunta respóstana os venezolanos que van estar a favor desta enquisa, en cambio os de EEUU van estar en contra. A mostra non é representativa porque vai dirixida aos venezolanos. 

 


Esta enquisa foi formulada polo xornal deportivo Mundo Deportivo na súa páxina web (mundodeportivo.com). Trata sobre preguntar aos lectores do periódico sobre o valor do extremo do Barcelona, Neymar Jr, despois deste inicio de tempada. Os lectores deste xornal son maioritariamente fans do Fútbol Club Barcelona e adoran aos xogadores dese equipo. O 55% dos votantes creen que o seu valor é de máis de cen millóns, unha cifra realmente alta. Ao ver esta pregunta, a resposta xa incita a responder unha cifra de máis de cincuenta millóns xa que non deixan opcións por debaixo dos cincuenta e sete millóns. Se a xente quixese votar por exemplo unha cifra máis pequena coma vinte millóns seríalle completamente imposible. Aínda que comparando o precio de Bale e de “Ney”, o brasileño está tendo mellores cifras ca o galés custando case a metade.


 
Nesta enquisa feita polo periódico dixital Faro de Vigo, aparece a preguta de se se deberían controlar os móviles dos alumnos polos profesores. Hai unha gran maioría (92%) que vota que si, e una minoría (8%) vota que non. Seguramente deste 98% a maíoria seran pais dos alumnos, polo tanto aparece un nesgo significativo o estar a mostra implicada nunha das partes.


Esta pregunta formulada polo xornal dixital larazón.es contén información sobre o independentismo catalán. Tendo en conta que este xornal o le xente conservadora, españolista e de dereitas, a tendencia será á desaprobación popular da enquisa. Entón, todas as persoas que lean este xornal dixital, votarán que non. Polo tanto, non pode ser válida para ningún tipo de fin e prodúcese un nesgo neste sentido. Non obstante, debería ofrecerse a posibilidade de ter máis opcións ou alternativas porque pode haber diferentes opinións.



Esta pregunta formulada no xornal elmundo.es refírese á aprobación da independencia de Cataluña. A mostra non é representativa xa que o xornal El Mundo é lido, normalmente, por xente conservadora, é dicir, que está a favor da unidade de España. Ten un nesgo a favor da resposta negativa porque a xente que o le non quere que Cataluña se independice. Se esta enquisa se publicase nun xornal independentista a maioría dos lectores votarían doutra maneira.

Ningún comentario:

Publicar un comentario